Escola de formación sobre a Eucaristía

O 7 de marzo no salón de actos do Seminario tivo lugar a terceira sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía. O licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso deu unha explicación sobre o ofertorio e a pregaria eucarística.

Hai catro expresións que constitúen o fundamento da Eucaristía: coller o pan, bendicilo, partilo e dalo. Estas 4 accións seguidas aparecen tamén na multiplicación dos pans e dos peixes (Mt 14, 19) e cando Xesús se manifesta a dous discípulos (Lc 24, 30).

Igual que no comezo da Misa, sobre todo na solemne, hai unha procesión, un canto e unha oración, tamén no ofertorio hai unha entrada, un canto (chamado precisamente ofertorio) e a oración.

Ademais da pregaria eucarística por excelencia -canon romano- hai varias opcións: pregarias eucarísticas II, III, IV. Por sinalar algunha diferencia, dicir que no canon romano insístese máis en que se está ofrecendo un sacrificio a Deus e nas pregarias II, III, IV está menos ausente a mención ao Espíritu Santo que no canon romano.

A seguinte sesión da Escola sobre liturxia será o 23 de maio, que tratará sobre o rito da comuñón.

Xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese

O sábado 28 de xaneiro de 10 h a 13 h a Delegación para a Educación na Fe organizou unha xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese.

O Delegado episcopal para a educación na fe, Alberte Leiva, saudou aos presentes, “sempre dispostos a colaborar na misión de contaxiar no medio das familias, parroquias e colexios o bo ambiente do Evanxeo de Xesús. Coñecer e actualizarse en pedagoxía, estar ao tanto do que nos di a Igrexa será como unha vara na que apoiarnos para levar adiante e con éxito a encomenda que o Señor Xesús pon nas nosas mans”

E o delegado de Catequese de Santiago, Miguel López Varela, presentou o Directorio para a catequese. Comezou sinalando que “se non facemos catequese, a Igrexa deixa de ser Igrexa… A catequese está en diálogo co que está a acontecer no mundo”.

Desde o Vaticano II houbo 3 actualizacións do Misal Romano; a Eucaristía é importante, polo que cómpre actualizarse. Como a Igrexa tamén considera que a catequese é importante, preocupouse de ir actualizándose e foi elaborando sucesivamente tres directorios. O actual tamén tivo 3 etapas no seu proceso de redacción e o texto final estrutúrase en 3 partes. As claves de lectura son máis: cristocéntrica e eclesiolóxica, pneumatolóxica, misioneira e kerigmática, teleolóxica, catecumenal, comunitaria, dialóxica, cultural e da inculturación.

Segunda sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía

O 24 de xaneiro tivo lugar a segunda sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía. O licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso deu unha explicación sobre a liturxia da Palabra relatando algúns intres da súa historia: os primeiros cristiáns lían o Antigo Testamento, pero todo o referido a Xesús. Tras uns anos de estudo, en 1969 establécese a distribución das lecturas tal como se fai hoxe nas eucaristías. Simplificando moito, indicou Sánchez Piso que a 1ª lectura, do Antigo Testamento, é teolóxica (fala de Deus), mentres que a 2ª lectura é exemplificante, moral. Finalmente, falou do acto de incensación, que non só ten como finalidade honrar senón tamén purificar.

O acto estivo organizado pola Delegación de laicos, familia e vida, que programa a seguinte sesión para o 7 de marzo, día no que se tratará sobre o ofertorio e a pregaria eucarística.

Na xornada de formación permanente tratouse o tema do patrimonio

O mércores 28 de decembro tivo lugar a xornada de formación permanente baixo o título “O patrimonio eclesiástico: ferramentas para a súa protección e intervención”. O Delegado Episcopal de Patrimonio da Diocese de Ourense, Luis Manuel Cuña Ramos, foi o encargado da primeira comunicación, baseada na carta circular publicada en 1999 pola Pontificia Comisión para os Bens Culturais da Igrexa co título “Necesidad y urgencia del inventario y catalogación de los bienes culturales de la Iglesia”. Luis Manuel falou precisamente da diferencia entre inventario e catálogo. Inventario é a primeira actividade de coñecemento do que hai nunha parroquia, convento… e incluirá unha lista (sen detallar cuestións estilísticas…) e fotografías. Sobre a lexislación actual, mencionou o canon 1283 do Código de Dereito Canónico.

E houbo unha segunda comunicación, a cargo da Subdirectora Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Beatriz González Loroño, que explicou o réxime xurídico das intervencións en bens de interese cultural e catalogados: os trámites que se deben realizar cando se vaia facer unha intervención e que se presentarán ante a Xefatura Territorial da Xunta. Finalmente falou das sancións que se impoñen cando as intervencións non se realizan conforme ao prescrito.

 A xornada concluíu cunha visita ao depósito de bens culturais da Diocese de Lugo.

Primeira sesión da Escola de Formación sobre a Eucaristía

O 22 de novembro comezou a Escola de Formación sobre a Eucaristía que a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza este curso, con sesións bimestrais. Na primeira, o licenciado en Teoloxía Litúrxica, José Sánchez Piso, explicou os ritos introdutorios.

Cando se fala das partes da Misa debe facerse desde a espiritualidade, a tradición, a teoloxía, o dereito, a estética, as rúbricas,…

Nun momento da súa intervención referiuse Sánchez Piso a un cambio: “o Misal actual substitúe a fórmula “Preparado o sacerdote…” por “Congregado o pobo…”. Non significa que o sacerdote non deba estar preparado, pero está poñendo o acento no pobo. Xa non é a Misa do cura á que asisten algúns, senón que é a Misa da Asemblea presidida polo ministro ordenado. Como facer que realmente unha morea de individualidades que viñeron da súa casa fagan unha asemblea de verdade? Para iso importa o canto de entrada, que acompaña a unha procesión, ás veces reducida simplemente ao camiño desde a porta da sancristía ata o altar pero outras veces celebrada con solemnidade. E temos os 3 elementos cos que empeza a Eucaristía: a procesión, cantando, para rematar cunha oración. Este esquema é clásico no culto católico, xa fala diso San Agostiño”.

Sobre a oración colecta, Sánchez Piso explicou o motivo de ter ese nome: “chámase así porque recolle o sentido da celebración e as oracións dos fieis. Porque o sacerdote di “Oremos” e para iso hai que facer un intre de silencio e orar”.

Nunha colecta hai distintas partes: “unha invocación (O Deus, Pai eterno…) mencionando a Deus a algún atributo seu. A continuación vén o memorial, que é lembrar un feito salvífico realizado por Deus (Encarnación….). Despois vén a petición e finalmente a conclusión. Nesta dise “Por Xesucristo o Noso Señor” porque as peticións non as facemos a Xesús senón ao Pai eterno, pero nós non somos dignos de dirixirnos ao Pai eterno, polo que ao final de calquera oración dicimos que se facemos a petición é porque poñemos a Xesús como intercesor”.

A %d blogueros les gusta esto: