Fecundación in vitro

Este tema forma parte da vida cotiá na sociedade española sen facerse preguntas, nin se buscan datos que apoien ou critiquen a postura que se teña asumida. A primeira nena nacida da fecundación in vitro (FIV), Louise Brown, foi o 25 de xullo de 1978. En España foi Victoria Anna o 12-VII-1984.

O primeiro feito que me fixo reflexionar foi unha entrevista na radio ao premio Nóbel de medicina, Severo Ochoa (1905-1993). A periodista preguntáballe que lle parecía a FIV e el respondía que lle parecía ben en parellas que tiñan dificultades de concepción, pero fóra dese ámbito non lle parecía ben. Entón a periodista díxolle: “Pero si esa é a posición da Igrexa Católica!”. Ochoa contestou enseguida: “E a min que me di con iso! O outro non me parece serio”. Ochoa definíase como agnóstico e o comentario da periodista revela os seus prexuízos.

Sen ser unha novidade para min, é interesante esta cita do libro de Pilar Goméz-Ulla, Duelo perinatal, cando escribe sobre os factores de risco de defectos conxénitos no desenvolvemento da vida humana no embarazo, entre eles os tratamentos de infertilidade e técnicas de reprodución asistida:

A estimulación ovárica modifica a estrutura do ADN na que se basea a regularización dos xenes. A súa vez gametos alterados dos proxenitores, ao ser forzada a súa fecundación, non aportan o xenoma na situación de ‘estrea’ que en cada xeración pasa de proxenitores a fillos. E ademais, o cultivo in vitro do embrión causa modificacións no desenvolvemento embrionario do fillo, que están na base do risco a padecer Defectos Conxénitos que nunha proporción maior teñen os nenos xerados por estas técnicas, en comparanza cos enxendrados espontaneamente” (p. 117).

Apareceron nos medios de comunicación controversias acerca de persoas que poden ter centos de fillos por FIV, como o holandés Joey Hoofdman, medios afirman que podería superar os 400, dos cales el recoñeceu ao menos 60 e xa se confirmaron 22 polo ADN. Se eses fillos biolóxicos se asocian, poderían decidir: reclamarlle unha cantidade por ausencia de coidados paternos, demandalo por transmitirlles algunha característica xenética que non lles gusta ou a predisposición a sufrir unha enfermidade, facerlle unha homenaxe, reclamar unha indemnización por diferentes conceptos…

Fai pouco tempo entrevistaban na radio a un mozo e unha moza nados por FIV que crearon unha asociación para reclamar o dereito dos nacidos por ese procedemento a coñecer a herdanza biolóxica de seus pais e familiares biolóxicos. A asociación quere que iso sexa un dereito, que a lei obrigue ás clínicas e persoas a dar esa información. O mozo nacera nun matrimonio que recorrera á FIV, porque o marido transmitía unha enfermidade a súa descendencia e así evitárona. A moza era filla dunha muller solteira que recorrera á FIV para ser nai. O mozo conseguira achegarse a parentes do proxenitor biolóxico polos bancos de probas de ADN. Ao final da entrevista a moza dicía que nacera coa carga imposta de ser unha solución a carencias emocionais e que non había dereito a cargarlles ese peso e remataba con que non hai dereito a ter fillos, pero si a ter pais, cuestión que eu teño defendido varias veces.

Se nos preguntan: son eficaces os procesos de FIV? Poucos o saben pois apenas se publican eses datos. A eficacia está entre o 30 e o 40 % segundo un profesor universitario de bioloxía ou as mesmas clínicas, co que o fracaso é do 70 ou 60 %, un fracaso nada desprezable (sen contar os anteditos Defectos Conxénitos).

Chama moito a atención a noticia da revista Actualidad Económica (12-18 febreiro 2023) na que dicía que as clínicas IVI de fertilidade foran vendidas o 4 de marzo de 2022 ao fondo KKR (75 % propiedade de Antonio Pellicer e José Remohí). Imaxina un prezo para ver se acertas! O prezo estivo entre 2.500 e 3.000 millóns de euros. Vaia negocio!

Non ignoro que nesta sociedade valórase pouco a xustiza, o ben común, a solidariedade… Ponse por enriba de todo O DESEXO, de xeito que, se alguén desexa algo que sexa cientificamente ou tecnicamente posible, ten dereito a posuílo. Se ademais o pode pagar, como non o vai poder adquirir! Non se analiza se iso é xusto, humano, un ben para a sociedade ou se potencia a fraternidade. O que se constata é que a xustiza está ao servizo das capacidades económicas, desexos ou caprichos individuais. Pobres dos empobrecidos! Haberá lugar para unha xustiza asentada na dignidade e verdade humanas?

A FIV non é unha simple técnica. Hai que ollar máis aló dos desexos momentáneos e ver as diversas consecuencias que poden derivarse no futuro e as súas implicacións éticas

Antón Negro

Delegado episcopal de Cáritas

 

 

 

A %d blogueros les gusta esto: