VIII Festival internacional de música de órgano do Corpus Christi

Tras o concerto inaugural, o pasado martes, o venres 10 ás 21.00 h na igrexa de San Pedro (Lugo) continúan as actuacións do VIII Festival internacional de música de órgano do Corpus Christi. Actúan:

Felix Vogelsang, violonchelo

Ismaele Gatti, órgano positivo

Stefano Molardi, dirección

Concentus Lucensis:

-Lidia Basterretxea, Esperanza Iglesias e Maria Guffi, sopranos

-Carmen Prendes, Marina Malavasi e Margherita Scaramuzzino, contraltos

-Fernando Jácome e Paolo Alberti, tenores

-Antón Castro e Giulio Mercati, baixos

Concentus Lucensis Os seus compoñentes son os mestres e solistas principais do coro lucense Solo Voces, do Orfeón Lucense e do Gruppo Vocale S. Bernardo. Canta principalmente a partes reais, é dicir, cunha soa persoa para cada parte vocal.

Felix Vogelsang, Nado en 1975 en Paderborn (Alemaña). A súa carreira levouno por toda Europa, Chile, Sudáfrica e Estados Unidos. Fundou o Energie Nove String Quartet e gravou varios CD coas obras para cuarteto de Prokofiev, Smetana e Janaček.

Stefano Molardi. Nado en Cremona en 1970. é un intérprete activo e participou en importantes festivais de música en Italia, noutros países europeos e tamén nos Estados Unidos. Imparte clases maxistrais e conferencias sobre música barroca en Suíza, Hungría, Italia, Alemaña, España e Xapón.

Ismaele Gatti naceu en Como en 1998. Tocou o piano e o órgano en Italia e no estranxeiro, sexa como solista, sexa como membro de conxuntos ou de orquestras. Obtivo recoñecementos e resultou gañador en diversos premios en Europa. No 2015 realizou para a casa discografica Torculus Records de Milán o cd de músicas natalicias renacentistas españolas “Por engañar el diablo”

Interpretarán obras de Johann Ludwig Bach (1677-1731), Jan Pieterszoon Sweelinck (1562-1621), Francisco Guerrero (1528-1599) e Johann Sebastian Bach (1685-1750).

Concerto inaugural do Festival organístico do Corpus Christi

O primeiro dos cinco concertos do Festival Internacional de Música de Órgano do Corpus Christi será na Catedral o martes 7 de xuño ás 21.00 h. Os organistas Enrico Zanovello e Giulio Mercati interpretarán o seguinte programa:

Luigi Cherubini (1760-1842) Sonata para dous órganos (1780)

Joseph Schuster (1748-1812) 7 Variacións para dous órganos

Marian Müller (1724-1780) Sonata para a Pentecoste Sonata para o Santo Nadal

Richard Wagner (1813-1883) Preludio de Os mestres cantores de Núremberg

Transcrición de August Reinhard (1831-1912) – Uxío Domínguez (1999)

Nicolas Sabas Gallardo (1805-1849) Concerto de 8º ton para vésperas clásicas

Giuseppe Verdi (1813-1901) Final a dous órganos da ópera Aida

Transcrición de Francesco Canneti (1807-1884)

Enrico Zanovello. Nado en Vicenza en 1963, dá frecuentes concertos de órgano en importantes festivais de órgano e nas principais catedrais de Italia, Francia, Alemaña, Suíza, Finlandia, Dinamarca, Polonia, Suecia, Países Baixos, España, Bélxica, República Checa, Austria, Escocia, Rusia, Exipto, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos. Gravou numerosos CD para as discográficas Brilliant, Ricordi, Discantica, Tactus, Rivo Alto e Fugatto.

Giulio Mercati. Nado en Saronno (Italia) é organista residente na igrexa de Santa María degli Angioli en Lugano e no Santuario della Beata Vergine dei Miracoli en Saronno. En 2019 gravou o disco Interrogatorio a Maria and other sacred works. Na Facultade de Teoloxía de Lugano imparte Historia da música sacra. Dirixe o Grupo Vocal San Bernardo. É cofundador e director do Curso de Música Litúrxica, organizado pola Diocese de Lugo. Prepara a súa tese doutoramento en Teoloxía. Dende agosto de 2021 está a cargo dos eventos musicais organizados pola Diocese de Lugo.

Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo

O vindeiro xoves 1 de xullo dá inicio a VII edición do Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo. Un ano máis este ciclo está organizado pola Diocese de Lugo a través do Centro Eucarístico Lucense, organismo para a promoción do culto eucarístico. Así mesmo conta co patrocinio da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

O Festival propón a estrutura habitual de pasadas edicións, coa novidade da celebración do concerto inaugural o primeiro de xullo ás 20.00 h no Círculo das Artes. Esta primeira cita consistirá nun concerto pouco habitual, no que a expresividade do piano únese ao órgano, algo de grande interese musical e sonoro. O concerto será a cargo de Corrado Greco e Giulio Mercati, e interpretaranse arranxos de Beethoven, Listz, Wagner e Samuel Barber para piano e órgano.

O segundo concerto terá lugar na Catedral de Santa María, o sábado 3 de xullo as 20.45 h. Dado que a Catedral permite o uso simultáneo dos dous órganos cos que está dotada, os organistas Enrico Viccardi e Giulio Mercati interpretarán conxuntamente, no órgano da Epístola e do Evanxeo, obras de Bach, Francisco Olivares, Piazza e Krebs.

O terceiro concerto terá lugar o domingo 4 de xullo as 20.45 h. na igrexa de Santiago a Nova. O pequeno pero fermoso e expresivo órgano Alberdi, servirá de acompañamento, a mans de Stanislav Surin, da delicada voz da soprano Zuzana Sebestova. Ambos músicos son de orixe eslovaca, e Surin visita o Festival por segunda vez. Interpretarán obras de Vivaldi, Händel, Mozart, Bossi, Vierne, obras de compositores eslovacos e do propio Surin que estreará un O salutaris hostia composto a propósito para este concerto.

O cuarto concerto, o 6 de xullo ás 20.45 h. na Catedral de Santa María, ten carácter solístico. O organista alemán Joannes Skudlik, xa habitual do Festival, interpretará nos órganos catedralicios obras clásicas do repertorio organístico de autores como J. S. Bach e tamén de autores menos relacionados co órgano coma Beethoven, Haydn e Mozart.

No último concerto, que terá lugar o 8 de xullo ás 21.00 h. na Catedral de Santa María, un coro de Lugo, Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez Jácome, recupera obras do arquivo da catedral de Lugo, neste caso dun dos máis importantes mestres de capela do s. XX: Juan Antonio Moreno Fuentes. A formación coral estará acompañada polo organista italiano Gabrielle Giacomelli, que tamén interpretará pezas solísticas de Zipoli, Vivaldi, Respighi e Bach.

A entrada aos concertos é libre e de balde ata completar a cabida (reducida o 75%). Para asistir o concerto é preciso efectuar rexistro á entrada, co que as portas abriranse 30 min antes do concerto.

Concerto na Catedral de Lugo do organista Sergio Orabona

O martes 18 de xuño ás 20.45 h na S I Catedral Basílica lucense hai un concerto de órgano a cargo do organista nacido en Nápoles Sergio Orabona. Forma parte do Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo.

O programa ábrese co Passacaglia BWV 582 de Johann Sebastian Bach, obra colosal e sublime que non ten equivalente na música de Bach nin nos autores anteriores; a peza está construída como unha serie de 20 variacións sobre baixo ostinato. O resto do programa dedícase case por completo ao repertorio francés entre os séculos XIX e XX: Alexandre Guilmant, Louis James Lefébure-Wély, Claude Debussy…

Segunda cita do Festival internacional de órgano do Corpus

O martes 11 de xuño ás 20:30 h na Catedral de Sta. María terá lugar o segundo concerto do Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo. Intervirán dous organistas italianos, Fabio Ciofini e Giulio Mercati, que interpretarán as seguintes pezas:

  • Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

Sinfonía n. 40 en sol menor, K 550

Allegro molto, Andante, Menuetto, Allegro

assai

  • Francisco Olivares (1778-1854)

Verso de 8º tono para dous órganos

  • Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

Eine kleine Nachtmusik, K 525

Allegro, Romanze, Menuetto, Rondo

A %d blogueros les gusta esto: