Cidadanía, cristianismo e familia

É importante ter en conta a cuestión da relevancia que a familia tivo na historia e ten nas democracias modernas. Lendo a W. Galston, un recoñecido filósofo moral da Universidade de Maryland, chama a atención que subliña enerxicamente o papel que compete ás relixións en xeral e ao cristianismo en particular para crear os prerrequisitos culturais e morais en que haberá de basearse un Estado xusto e democrático. O citado autor presupón que os cidadáns, e de maneira especial os seus representantes, deben ter un elevado nivel de virtude e carácter moral. Entende que as democracias han de estar dotadas de calidade, cultura, gusto e tradición. Cre que unha democracia xusta necesita cidadáns virtuosos, e estes estarán comprometidos coas responsabilidades familiares e o coidado dos fillos. Pero, para a formación de cidadáns virtuosos son necesarias familias consistentes, estables e fortes. E, engade o autor, que isto é moi difícil sen a “religación”, é dicir, sen a relixión, xa que esta é esencial para a creación e fundamentación dunha ética cívica e para as motivacións e as fortes institucións socializadoras requiridas para formar familias comprometidas e cidadáns virtuosos.

Certamente, a construción dun proceso democrático correcto require a memoria histórica do feito irrefutable de que, desde os primeiros séculos, o matrimonio cristián ten o gran mérito de propor as mesmas regras a mulleres e homes: a fidelidade (e isto é realmente revolucionario) que se esixe a ambos, e a indisolubilidade como garantía, sobre todo, para as mulleres estériles, para que non puidesen nin poidan ser repudiadas (léanse a Lucetta Scaraffia, na súa obra La Gran Prostituta. Tópicos sobre la Iglesia a lo largo de la historia, Madrid, 2015).

As máis recentes investigacións sobre a evolución da familia en Occidente suxiren que o cristianismo tivo un labor decisivo e altamente eficaz neste proceso. As igrexas fixeron unha achega definitiva á socialización de familias estables e consistentes en Occidente. Sen dúbida, no futuro, a pesar das ideoloxías de xénero e das tempestuosas agresións da posmodernidade, xogarán aínda un rol moi importante. Aínda que é verdade que o cristianismo estivo implicado nas institucións patriarcais do mundo antigo grecorromano, nunca deixou de exercer unha notable influencia transformadora sobre a condición das mulleres e o benestar dos fillos. Deste xeito sentou as bases para a aparición dunha familia máis igualitaria. A teóloga de Harvard Elizabeth Schüssler Fiorenza demostrou que a Igrexa prepaulina desenvolveu unha nova modalidade de discipulado de iguais en que participaban homes e mulleres, moi diferente das relacións entre homes e mulleres dominadas polos códigos helenístico-romanos da honra e a vergoña.

Algúns historiadores chegan a afirmar que esa insistencia a favor da familia permanente e igualitaria, que o cristianismo axudou a instaurar na Europa Occidental, contribuíu a procesos socializadores baseados no profundo afecto entre os fillos e os pais ademais de cidadáns democráticos, racionais, laboriosos e educados. Por estas e outras razóns, os cristiáns deberiamos estar alerta no referente ás nosas responsabilidades en canto ao estudo e o debate da ética familiar e os valores que orientan a formación e o fortalecemento das familias.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Imaxe: cathopic

[Artículo en castellano]

O rostro de Deus nos membros da familia

Querido ti:

Desde antes de nacer xa fuches amado e desexado. Quizais só por Deus. Pero xa aí había Alguén que che amaba. E sempre, ao longo da túa vida, atopaches tantas persoas que che mostraron o que significa o amor. Si, de moitos xeitos diversos; ás veces con mil palabras (ou talvez con 280 caracteres) e outras en silencio; cando o sufrimento ou a dor eran os compañeiros dos teus minutos e horas, ou cando a alegría desbordábache inmensamente.

E ese amor tamén ten rostros concretos, que teñen un nome. Aqueles que che acompañan, sustentan, empuxan ou a quen soportas con paciencia.

Creces, vives, soñas; e sempre hai un amor detrás de cada xesto ou decisión. Non sempre se ve, ólese, tócase, abrázase ou bícase, pero é un amor que está. Tan claro e tan evidente como que cada día sae o sol.

Pero un día ti morrerás. Non, non o amor; ti. E outros chorarán a túa ausencia, vivirán a dor do teu silencio perenne nesta terra. E desexarán un día reencontrarse contigo. Porque aquel amor non morreu, nin desapareceu; só se transformou nun desexo, unha pregaria, unha mirada ao Ceo, un suspiro nos días máis escuros, un pranto á noitiña e unha mirada nostálxica que se perde no horizonte.

E todo este amor chámase FAMILIA. Non será a panacea nin a mellor familia do ano, pero é innegable: son o noso fogar. Deus ten un rostro tan concreto como o do teu pai cando che pideche que obedezas á túa nai ou o da túa nai cando che di: “vai darlle un bico a papá antes de marchar”. Deus ámate nos teus avós, aqueles que son pallasos de circo ou capitáns do noso barco pirata só por vernos felices; que teñen os seus brazos abertos para consolarnos ou para enchernos de mimos. Deus sorriche nos teus irmáns; os lerchos que che rompen os xoguetes, acúsanche do que non fixeches ou de quen che cambia o programa da tv no momento álxido do asunto; pero tamén son aqueles que nos coidan cando estamos enfermos, regálannos unha piruleta cando teñen dúas ou que saen correndo a recibirnos cando regresamos a casa.

Ás veces pode faltarnos todo isto. Por iso Deus fíxose Pai, converte a María na nosa Nai, fíxose home para ser o noso Irmán… Para que nunca, ninguén, poida dicir que non ten unha familia.

É tamén a túa familia, o fogar que che acolle, acompaña e sanda: a Igrexa, a túa Parroquia, os sacerdotes, as/os relixiosas/os, os catequistas, a señora que senta ao teu carón cada domingo no banco, ou que che abre a porta cando saes do templo, o neno que pasa a cesta para recoller a esmola, o pobre que che pide un céntimo para comer á entrada da igrexa, a que tose cada vez máis forte, o neno que corretea polo templo e acaba pegándose un golpe, a familia que vai toda conxuntada ou o que chega cando xa levamos media hora de Eucaristía.

Ao longo da túa vida es e serás amado. E Deus fai concreto e real o seu amor por ti. Tamén nunha familia. Non esquezas hoxe dar grazas por ela, sexa como sexa. Bendita sexa a miña familia.

Feliz día da Familia!

Nicolás Susena

Imaxe: Cathopic

Encontro Mundial das Familias

Do 21 ao 28 de agosto, a Delegación de Pastoral Familiar da Diocese de Lugo, xunto coas Delegacións de Apostolado Segrar e Pastoral Familiar da Arquidiocese de Santiago organizan a asistencia ao Encontro Mundial das Familias 2018 en Dublín.

Os días previos ao Encontro aprovéitanse para coñecer Limerick e Kilkenny. Ademais, a véspera do regreso visitarase Irlanda do Norte (Belfast). Entre os días 24 e 26 de agosto, particípase no Encontro Mundial das Familias.

[Última das catequeses preparatorias]

[Programa]

A familia, un tesouro para os pobres!

Nas clases de socioloxía, cando trato o tema da institución familiar, acostumo a preguntarlles aos alumnos se os poderosos e as multinacionais prefiren matrimonios e familias estables ou prefiren divorcios e familias inestables.

A esta cuestión o gran pensador inglés Chesterton respóndenos con claridade: “É imposible repetir demasiadas veces que o que destruíu a familia no mundo moderno foi o capitalismo”.

Cando se bota unha ollada pola actual esquerda española vese que son abandeirados do divorcio exprés, da maternidade e paternidade fóra do matrimonio… na liña da máis diáfana mentalidade burguesa e neoliberal capitalista.

A falta das catequeses eclesiais, moitos reciben as catequeses das telenovelas e teleseries que só teñen dous temas: a) Negocios, co seu vivir ben e consumismo b) Sexo, cos seus amoríos, divorcios, infidelidades, amor romántico, etc.

O título deste artigo está sacado dun texto do libro El Proletariado Militante, escrito polo principal promotor da Primeira Internacional en España, Anselmo Lorenzo. O texto é froito da Conferencia da sección española da Internacional en Valencia, 10-18 de setembro 1871, en concreto do mitin de clausura nos claustros da Universidade valenciana, na referencia publicada no xornal El despertar del Pueblo:

Con que título vés a falarnos da familia, cando te burlaches do amor conxugal, dese amor santo que o pobo respecta e respectará sempre, posto que é o único tesouro de riqueza inesgotable que os desvalidos e explotados poden entregar aos seus fillos?”.

Entendo que é difícil facer unha defensa da familia con menos palabras e con máis fonda argumentación dende a experiencia de vida.

No libro tamén recolle a controversia que mantiñan membros españois da Internacional co Goberno e Deputados das Cortes no teatro Rossini de Madrid (22 outubro 1871). Lembra a propia intervención e logo a do compañeiro internacionalista, o tipógrafo José Mesa, que  fala da hipocresía dos ministros que non podían presentar as súas familias en público por vivir todos en “alegre concubinaxe” e logo sentencia: “Na sociedade presente a única familia honrada é a do pobre, a non ser cando vén o rico e a prostitúe”. (p. 184)

Esta postura a favor da familia igualmente é defendida na 1ª Internacional no Congreso de Lausanne (Suíza) en 1867: “A familia é a pedra angular de todo o edificio social. É a fonte da fraternidade”. Quen relaciona esta afirmación coa actual esquerda do noso país?

Outros recoñecidos internacionalistas como Proudhon escriben: “O matrimonio é o sacramento da xustiza, o misterio vivinte da harmonía universal, a forma dada pola natureza para a religación do xénero humano (…) Todo atentado á familia é unha profanación da xustiza, unha traizón ao pobo e á liberdade”.

Son demasiadas citas para un artigo, pero quero poñer de manifesto que non vexo lóxicas as posturas nestes temas das chamadas esquerdas actuais. As súas tomas de decisión son máis ben unha traizón á historia dos pobres e da súa emancipación, que deixan como froito máis desvalemento e illamento dos pobres ante os fortes e poderosos.

Ademais a historia mostra que en xeral os grandes loitadores cos pobres e en favor dos pobres tiñan familias estables que participaban desa loita solidaria. Por exemplo Angel Pestaña, que foi secretario xeral da CNT e fundador do Partido Sindicalista, afirmaba que loitando polos dereitos dos obreiros e dos pobres sabía que estaba loitando polo futuro dos seus fillos e da súa familia.

Todos sabemos, se non pechamos os ollos, que a primeira e mellor rede de defensa e protección dos pobres é a familia estable. Cantos febles, enfermos, oprimidos… viven con esperanza grazas á familia! Cantos adquiriron formación, experiencia de vida e fortaleza para afrontar adversidades grazas á familia! Canto ben teñen feito á humanidade as familias solidarias, que se organizan solidariamente!

Para rematar, hai que constatar que todo o que fagamos en favor da familia estable e solidaria será unha bendición para os empobrecidos, abandonados, marxinados…

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Imaxe: cathopic

Xornada da Familia

Os bispos da Subcomisión episcopal da Familia e a Defensa da Vida falan da necesidade dun verdadeiro ambiente familiar e de xerar unha cultura da familia: “O camiño da familia necesita unha morada, un ambiente axeitado, un tecido de relacións onde poida crecer e xerminar o desexo humano. Non hai persoa sen persoas, matrimonio sen matrimonios, familia sen familias; por iso é urxente xerar unha cultura verdadeiramente familiar”.

A Igrexa debe “xerar espazos e tempos novos, un ambiente e unha cultura favora-bles nos que a familia poida crecer e vivir en plenitude a súa vocación ao amor”.

Finalmente, encoméndase á Virxe María, a protección de todas as familias, de modo particular ás que pasan maiores dificultades.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: