Ser de esquerdas é estar a favor da eutanasia?

Facerse esta pregunta é non quedarse nos estereotipos dominantes. Aquí a opinión pública acepta que, se un líder das esquerdas di que tal postura é de esquerdas, así o repiten os medios de comunicación e así o aceptan os cidadáns sen analizar se iso é coherente. Se os medios da multinacional PRISA (SER, Caracol Radio, Radio Panamá, 40 Principales, El País, As, Santillana…), primeiro grupo de comunicación iberoamericano, manifestan que tal postura é progresista e de esquerdas, xa está o asunto resolto para a maioría. Iso pasa co tema a tratar.

Luis Mª Ansón lembra no artigo “Una trampa en televisión” (El Mundo 16-09-20) o que lle ensinara Emilio Azcárraga, presidente de Televisa: que para condicionar a opinión pública organízanse espazos de debate nos que un intelectual, por exemplo hostil á eutanasia, fai de coartada e catro favorables garanten a vitoria por 4 a 1. Máis eficaz é non facer o espazo en directo, senón entrevistalos nas súas casas e escolmar axeitadamente o que din. Ó “intelectual-coartada” fractúranselle as súas explicacións para que a derrota sexa clara. Por tanto, atención ás tertulias e debates nos medios e a suposta neutralidade (?) do moderador.

Espero colaborar a que o tema da eutanasia se vexa con máis xustiza, verdade e obxectividade. Xa nun artigo pasado (El Progreso 10-09-2017) preguntaba por qué os partidos políticos non dan formación política ós seus membros, nin sequera un cursiño de presentación das bases filosóficas, políticas e éticas nas que fundamentan a toma de decisións. Analizando este tema compréndese tamén que non dean formación.

Hoxe en España enténdese que ser de esquerdas é promover a eutanasia e ser de dereitas opoñerse. Pero botemos unha ollada e vexamos o que pasa no país veciño, Portugal. Na páxina web do Partido Comunista de Portugal atopamos unha Nota do seu Gabinete de prensa, “Posición política do PCP sobre provocar a morte anticipadamente” (24-05-2018), que di o seguinte:

1 …A legalización da eutanasia non pode presentarse como unha cuestión de opción ou reserva individual. Incluír na Lei o dereito a matar ou matarse a si mesmo non é un signo de progreso, senón un paso cara ao retroceso da civilización, con profundas implicacións sociais, de comportamento e éticas que cuestionan elementos centrais dunha sociedade que se guía polos valores humanistas e solidarios.

A oposición do PCP á eutanasia ten o seu fundamento na preservación da vida, na utilización dos avances técnicos e científicos (incluída a medicina) para asegurar un aumento de esperanza de vida e non para acurtala, na dignificación da vida en vida. É esta consideración do valor intrínseco da vida a que debe prevalecer e non a da valoración da vida humana en función da súa utilidade, intereses económicos ou patróns discutibles de dignidade social.

2 …A ciencia xa conta na actualidade con recursos que, se se utilizan e son accesibles, permiten reducir ou eliminar o sufrimento físico e psicolóxico (…) Hai unha diferencia substancial entre manter artificialmente a vida ou anticipar deliberadamente a morte, entre diminuír ou eliminar o sufrimento na enfermidade ou precipitar o final da vida.

4 …A vida non só é digna cando (e mentres tanto) pode ser vivida en pleno uso das capacidades e facultades físicas e mentais e a sociedade debe asegura-las condicións para unha vida digna en tódalas etapas da vida humana, desde as menos autónomas (xa sexa a infancia ou a vellez) ás de maior autonomía; en presenza de condicións saudables ou enfermidades; dentro da plena integridade das facultades físicas, motoras ou intelectuais, ou dunha discapacidade máis ou menos profunda, conxénita ou sobrevida”

5 O PCP afirma a súa oposición a unha lexislación que institucionalice a provocación da morte anticipada, sexa cal sexa a forma que asuma -previa solicitude en forma de suicidio asistido ou eutanasia-, así como calquera proposta de referendum ó respecto.

6 …Ante os problemas do sufrimento humano, da enfermidade, da deficiencia ou da incapacidade, a solución non é desresponsabilizar á sociedade promovendo a morte anticipada de persoas nestas circunstancias, senón o progreso social para asegurar condicións para unha vida digna, utilizando tódolos medios e capacidades sociais, a ciencia e a tecnoloxía para mitigar o sufrimento e as enfermidades e garantir a inclusión social e o apoio familiar.

A preservación da vida humana, non a renuncia á vida, é un patrimonio que integra o humanismo real -e non só de palabra- e que o PCP asume nos principios e na loita.

Non hai espazo para o texto completo, nin para incluír a intervención do deputado, Antonio Filipe, na Asemblea da República, aplaudida polo CDS, (29-05-2018) e o artigo de Avante (24-05-2018) sobre a provocación da morte anticipada, que están na páxina web do PCP. Os textos están dispoñibles.

Hai razóns para a pregunta do título, para poñer en dúbida o dogma de que ser de esquerdas é estar a favor da eutanasia. As esquerdas gobernaron e gobernan en países da Unión Europea, entón, por qué só teñen lei favorable á eutanasia Bélxica e Holanda? O mesmo sucede no resto do mundo

Preguntémonos con seriedade: Cal é a postura máis acorde coa ética, a do PCP ou a das nosas esquerdas? A conclusión non pode ser que o PCP sexa un partido de dereitas (!!!) Para min non hai dúbida de que parece moito máis ética e razoable a postura dos comunistas portugueses. Non nos deixemos manipular, pois un humanista serio só pode estar a favor da vida e dos mellores coidados (coidados paliativos) cando máis se necesitan.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas Lugo

Tan pouco vale a vida humana?

Cada poucos días e cada vez con máis frecuencia sae á escena pública o tema da eutanasia. Úsase para iso unha linguaxe  eufemística e politicamente correcta, pero todo o mundo sabe do que se trata: acabar cunha vida que consideramos xa inútil.

Aos poucos imos afacéndonos a este “ run  run”, como o fixemos no seu día co aborto, ata que o vemos como algo normal que xa non nos escandaliza. Unha película, unha moción no Congreso, unha entrevista… Pasa o mesmo que co noso coche, empeza a facer un ruído, que ao principio nos alarma pero que aos poucos días xa nos afacemos, mesmo se vai en aumento, ata que nos sorprende unha gran avaría, cando xa non podemos facer nada por evitala.

Un pode entender que algunhas persoas debido á súa situación estean angustiadas, de tal forma que o seu ánimo decaia e desexen que chegue a morte dunha vez para deixar de sufrir.

O que me custa máis entender é que haxa tanta xente nova, con saúde e con condicións de vida suficientemente dignas, para a que a vida non ten absolutamente ningún valor, que admitan como algo normal desfacerse do neno non nacido cando non interesa, vivir a vida cunha tremenda desgana e poñerlle fin cando as cargas empezan a ser pesadas.

Entendo que a cuestión non é “aborto si” ou “aborto non”, “eutanasia si” ou “eutanasia non”. Está claro que a ninguén se lle obriga, pero tamén é verdade que estas cousas teñen efecto chamada e contáxianse, ata parecer que son normais, cando non o son.

A cuestión primeira, desde o meu punto de vista, é saber por que a vida perdeu tanto valor ata este deprezo da mesma, precisamente cando máis deberiamos coidala: a indefensión dunha persoa non nacida e a da enferma ou anciá que se ve soa na súa situación.

De onde xorde este  fastío que invade a vida das persoas para que o seu valor descenda de tal modo que xa só pende dun fino fío? Que fixemos para que sexa precisamente nos países máis desenvolvidos, onde menos se desenvolva a vida, con máis abortos, menos natalidade, máis suicidios e agora a eutanasia? Que fixemos para que a vida humana valla menos cá dun can? Como chegamos a converter ao home no peor inimigo de si mesmo?

Parece que o  homo  homini  lupus do filósofo do século  XVIII  Hobbes faise realidade no século XXI. Claro que agora, máis ben, uns homes fan de lobos e outros de inocentes  cordeiros, sen posibilidade algunha de defenderse.

O aborto e a eutanasia son a expresión máis clara do baleiro que invade ás persoas cando só estamos cheas de materialismo. Rompemos coas nosas raíces créndonos froito dunha simple casualidade e frustramos as nosas ansias de  perpetuidade poñendo fin a unha vida da que descoñecemos a súa orixe. Non só acurtamos os días da nosa vida, senón que tamén reducimos á mínima expresión a súa dignidade, decidindo  arbitrariamente cando temos que morrer.

Estas “ideas suicidas” invalidan todas as palabras daqueles que se lles enche a boca falando de políticas sociais para axudar aos máis desfavorecidos.

Termino cunha oración do Papa Paulo VI, recentemente  canonizado: Oh Cristo, único mediador noso:/Necesitámoste, oh único e auténtico mestre/das verdades recónditas e indispensables da vida,/para coñecer o noso ser e o noso destino,/así como o camiño para alcanzalo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Ás veces as cousas non son como nolas contan

Se conto que o 2 de setembro de 2004 José Luís e seis colegas foron ao cine e logo pregunto ¿por que, e para que foron ao cine? Diranme que non lles importa. Se engado que se apelida Rodríguez non aclaro nada. Ao especificar que José Luís é o presidente Zapatero e os colegas seis dos seus ministros, máis a súa esposa e a de Bono, a pregunta xa non é improcedente, pois non lles pagamos o soldo para que vaian xuntos ao cine. Os ministros eran Bono, Salgado, Caldera, Trujillo, López Aguilar e Calvo.

Cuestión relevante é saber cal era a película, pois os partidos políticos, incluído o do goberno, están en permanente campaña electoral para promocionar a súa mensaxe e intereses, co que facilmente se deduce que a finalidade de ir xuntos ao cine é convencernos de algo que queren “impoñernos”. A película era “Mar Adentro”, unha película claramente promotora da Eutanasia, neste caso para os tetrapléxicos. Por tanto, a súa finalidade era crear opinión pública favorable á Eutanasia.

Javier Romañach, que se declara ateo e padece unha tetraplexía maior (lesión na 5ª-6ª vértebra) ca de Ramón Sampedro (lesión na 7ª), rebélase na revista ‘Acontecimiento’ (nº 76, 2005 “Os erros sutís do caso Ramón Sampedro”), contra este e a citada película por boicotearlles a loita pola dignidade ás persoas con discapacidade porque presenta a vida dos tetrapléxicos como indigna, insúltaos dicindo que son ‘escravos humillados’… e remata: “Oxalá algún día alguén faga películas sobre persoas coma min e a opinión pública entenda que nos roubaron a nosa dignidade e vostede foi cómplice…” Pero, no caso de que se fixera esa película, ¡¡non iría vela o presidente con seis ministros!! A Sampedro dábanlle cancha nas televisións, radios, revistas e periódicos, pero a Romañach non.

Agora o goberno de Pedro Sánchez, do que a antes citada Calvo é vicepresidenta, xa coida que a Opinión Pública está sometida e o 25 de xuño presentou o seu 1º proxecto de lei, que foi sobre a Eutanasia (xa o rexistraran en maio cando estaban na oposición).

No ano 2014 pedíronme falar dos 50 anos de Cáritas no Consello Presbiteral da miña diocese. Unha das cousas que fixen foi coller a pirámide de poboación da provincia de Lugo para explicar algunhas consecuencias futuras dela. Unha era que a presión a favor da Eutanasia ía ser crecente.

Na estatística do gasto en receitas farmacéuticas por grupos de idade sae que o grupo de persoas maiores de 75 anos, que apenas son o 9 % da poboación, supoñen un gasto de case o 50 % (exactamente o 49,8). Se engadimos os de 65 a 74 anos (8, 3 % da poboación) suman outro 30 %. É dicir, os de máis de 65 anos (17 % da poboación) supoñen o 80 % dese gasto. Aínda máis, Alejandro Macarrón no seu libro “Suicidio Demográfico en Occidente y Medio Mundo” (p. 103) confesa que un ministro de Sanidade español comentou que, de promedio, nos dous últimos anos de vida os españois xeran un gasto en coidados médicos e medicinas que iguala ou supera a suma de todos os seus anos previos.

Así que, se coa Lei de Eutanasia se lograse que adianten a morte case medio ano, a mellora para as contas da Sanidade superaría o 25 %, pois cara ao final o gasto é máis grande.

Nunca saberemos que a alternativa tería a persoa que lle aplican a Eutanasia, no caso de non aplicarlla. Como exemplo só refiro o caso paradigmático de Stephen Hawking en Suíza no verán de 1985, a quen unha virulenta neumonía deixou en coma e os médicos suízos, pensando que non había nada que facer, pedíronlle autorización á súa esposa para desconectar o respirador artificial e deixalo morrer coa mínima dor posible. Ela opúxose segundo conta no libro, “Hacia el infinito”, (Jane Hawking, edit. Lumen). Se ela asentise, teríao privado de máis de 32 anos de vida, case media vida, pois acaba de morrer con 76 (14-III-18).

A propaganda dinos que a Eutanasia é progresista, mellora a calidade de vida, quita os sufrimentos, auméntanos a liberdade e a soberanía, lévanos do escurantismo á modernidade, será a lei máis avanzada e garantista… ¡Quítannos da vida, mentres nos fan crer que son bondadosos connosco!

A verdade, eu preferiría que fosen máis directos como o xoven político alemán, Philipp Missfelder, que dixo: “Hai que recortar o gasto médico da Seguridade Social para as persoas de idade avanzada… Que os vellos usen muletas, como se facía antes, en lugar de solicitar próteses de cadeira”. Ou o ministro de Finanzas xaponés, Taro Aso, en declaracións no 2013 que recolleron periódicos e televisións: “Deberíase recomendar aos anciáns que se dean presa en morrer para aliviar o gasto que soporta o Estado nos seus tratamentos”.

Estes, polo menos, son claros e, ante iso, aparece clara e necesaria a opción da rebeldía e de ser loitadores pola vida.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A eutanasia: unha sociedade sen esperanza

Volve estar sobre a mesa o tema da eutanasia, ou da morte digna, en linguaxe eufemística. De cando en vez, alguén encárgase de sacar este tema á palestra pública e política, para que a xente se manifeste a favor do mesmo e así un día dar punto final ao ancián ou ao enfermo, sen que supoña un trauma para ninguén e sexa aceptado por todo o mundo como algo normal dunha sociedade moderna.

Entendo que produza pánico a dor e o sufrimento. A min, o primeiro. Persoalmente, recoñezo que me aterroriza pensar que, por un simple accidente de tráfico, un poida quedar parapléxico ou tetrapléxico. Dáme moito máis medo cá mesma morte. Podo entender que unha persoa, desesperada pola dor, desexe morrer para non seguir sufrindo. O que non podo entender é que, cando estamos perfectamente sans, queiramos morrer, ou que esteamos dispostos a facilitar a morte a outros cando nolo pidan.

Pero outra cousa, é o que se desprende de todos os argumentos que nos expoñen para facernos ver que a eutanasia é un gran avance e o mellor para as persoas. Se é que aínda nos recoñecen esta categoría.

Non me produce unha tristeza insoportable a morte cando é natural, nin sequera cando se produce prematuramente. Confío en Deus e a súa promesa dunha vida eterna.

O que me produce moita tristeza é que sexamos unha sociedade sen esperanza, na que a xente quere morrer e outros queren matarnos, só co único pretexto do benestar.

Detrás da eutanasia o que hai é unha gran falta de esperanza. A eutanasia é a expresión do baleiro do home que quere morrer porque non consegue ser dono absoluto de si mesmo. Un home que quere morrer antes que confiar a súa vida e o seu sufrimento ao Autor da verdadeira vida.

As cousas non xorden da nada nin, por desgraza, é idea só duns poucos. Nas miñas conversacións cos traballadores das funerarias ou con compañeiros sacerdotes, decátome de casos que se achegan ao surrealismo. Por exemplo, que teñen nas súas instalacións urnas con cinzas que ninguén recolle, ou que unha familia quería enterrar ao seu “ser querido“ o mesmo día que faleceu. Ou o caso dun compañeiro que, logo dun funeral, observou como a familia ía sen levar as cinzas do defunto e ao avisala dixéronlle que eles non as querían para nada.

Son casos reais, de familias reais, onde o desapego e a falta de afectos ou de caridade chega a uns extremos nos que non se valora nin aos defuntos nin aos vivos. Así, a ninguén lle estraña que intentemos desfacernos dos anciáns e dos enfermos canto antes. Ou tamén, que nós deixemos todo arranxado para que, se un día chegamos gravosos para os demais, recibamos unha “inxección máxica” e emprendamos o camiño cara á nada.

Pero detrás destas aparentes boas intencións: de non molestar, de non sufrir, de escoller con liberdade, o que se manifesta, máis ben, son as carencias da nosa sociedade. Somos unha sociedade sen esperanza, na que os nosos semellantes deixaron de ser un valor absoluto e convertéronse nun simple obxecto de “usar e tirar“. Claro, que se non existe Deus, como din algúns, é normal que as cousas sexan como as estamos vendo. Moi triste, unha sociedade sen esperanza e sen ansias de eternidade. Moi triste.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán.

A %d blogueros les gusta esto: