Xornada de estudo sobre a Eucaristía

O luns 9 de abril no Seminario Diocesano de Lugo hai unha xornada de estudo sobre a Eucaristía que organiza o Centro Eucarístico Lucense. O relator é José Antonio Castro Lodeiro (Instituto Teolóxico Compostelán) que comezou comentando algunhas referencias da Eucaristía no Antigo Testamento:

  • O éxodo e a Pascua
  • O sacrificio expiatorio
  • O maná do ceo
  • O banquete escatolóxico

A parte final da intervención de José Antonio Castro Lodeiro adícase á alianza sinaítica e á nova Alianza en perspectiva eucarística, con especial atención ao libro de Xeremías.

Pode escoitarse o audio da primeira parte e da segunda parte.

Misa de acción de grazas pola canonización de San Manuel González

Misa de acción de grazas con motivo da canonización de San Manuel González García, Apóstolo da Eucaristía e fundador da Unión Eucarística Reparadora-Marías dos Sagrarios. A Eucaristía, presidida polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, é na Catedral de Lugo o domingo 29 de xaneiro ás 20 h

Desde hai uns 30 anos existe na Diocese de Lugo a Unión Eucarística Reparadora, movemento de espiritualidade e apostolado eucarístico que colabora na pastoral parroquial e diocesana dando unha resposta de amor ao amor de Cristo Eucaristía. Marías dos Sagrarios tamén ten como fin adorar, respectar e acompañar a Xesús Eucaristía. En Lugo celebran, o primeiro domingo de cada mes, un acto eucarístico (vésperas…) na Catedral.

Relixión e saúde

Foto MarioUn estudo recente relacionado coa asistencia aos oficios relixiosos e a saúde, chamou a atención dos medios de comunicación social. En realidade, relixión e saúde sempre se levaron marabillosamente na historia da humanidade. Son numerosos os estudos que así o confirman. Que orar, meditar, celebrar, reunirse con outros, dar grazas, pedir, consolar, comunicarse, abrazarse, quererse, é bo, non debería ser unha noticia extraordinaria. E de todo isto faise nos oficios relixiosos. Se a iso engadimos o esencial, que é a relación coa divinidade, co que nos transcende, co Deus do Amor e da Paz, co misterio da Trindade (Misterio de amor mutuo) no caso do cristianismo, ese plus xera ademais sentido da vida e plenitude de esperanza. Certamente, os prexuízos dominantes en torno ao fenómeno relixioso, non son propicios para a comprensión dos valores que subxacen nas relixións. O estudo ao que me refiro, demostra que participar na Eucaristía e, polo tanto, asistir os domingos a Misa é bo para a saúde. E engádese: reduce o 33% o risco de morte por enfermidade cardiovascular ou cancro. Así o demostra o traballo publicado na revista Jama Internal Medicine. Segundo esta investigación, realizada por un grupo de científicos de Harvard Chan School of Public, aquelas persoas que asisten máis dunha vez á semana aos oficios relixiosos teñen un 33 por cento menos de risco de morrer por algunha enfermidade que aquelas que non o fan. É máis, as persoas que acoden á Igrexa unha vez á semana teñen un 27 por cento menos de risco de morrer por unha enfermidade cardiovascular e un 21 por cento menos de falecer a consecuencia dun cancro. E engádese que as persoas que asisten regularmente aos oficios relixiosos teñen menos síntomas de depresión e sofren menos ataques de ansiedade. Os científicos conclúen: “Os nosos resultados suxiren que pode haber algo importante detrás da relixión e a espiritualidade. Os beneficios de asistir aos servizos relixiosos parecen estar relacionados cun maior apoio social, menos consumo de tabaco e un menos risco de sufrir depresión, xa que estas persoas teñen unha perspectiva máis optimista e esperanzada da vida”.

A sabedoría popular en xeral e a retranca galega en particular sempre o entenderon así: “Ir a Misa mal non fai”. Pola contra, a Misa dominical, aínda que soamente sexa vista desde unha perspectiva humana, é motivo de encontro, espazo de sociabilidade, causa de descanso no traballo semanal, invitación ao lecer e á festa, encontro de fraternidade, fonte de saúde, de hixiene mental e física, de paz e reconciliación. En realidade, o fundamento da Eucaristía radica na celebración da historia dun Deus que quixo visitar a humanidade para entregar a súa vida por ela e redimila da desesperación e da morte eterna. Alí celébrase a fe no Resucitado.

 Procurar o ben ata chegar ao propio sacrificio constitúe unha das aventuras máis fermosas do ser humano. Teresa de Calcuta, Tomás Moro, o Padre Maximiliano Kolbe, Edith Stein e outros moitos cristiáns son un magnífico exemplo de seguimento de Cristo ata a morte. F. Dostoievsky deixou nas súas obras admirables arquetipos do desenvolvemento destas ideas. E é que a bondade constrúe para substituír sempre o mal polo ben. Pois, estimados lectores, a Misa imos e alí nos atoparemos.

Mario Vázquez Carballo

Por que ir a Misa os domingos? Unha explicación desde a Pascua

paz a vosotros

As reflexións que fago ás veces desde aquí veñen motivadas por conversas ou polo que escoito na rúa. E algo que se oe con frecuencia é o de “vou a Misa cando teño ganas ou cando sinto necesidade” ou tamén “non é necesario ir a Misa para ser boas persoas” ou “os que van a Misa non son mellores cós demais” ou “eu só vou por un funeral ou a unha voda”.
Deste tipo de argumentos despréndense motivacións erróneas, precisamente por partir de ideas tamén erróneas.
O verdadeiro motivo polo que os cristiáns imos a Misa os domingos é para atoparnos con Xesucristo resucitado. Nos textos evanxélicos que narran a Resurrección de Xesucristo e os días posteriores atopamos as verdadeiras motivacións.
-Xesús resucita o primeiro día da semana. Día que toma o nome de “domingo” por ser o día do Señor. Señor en latín dise dominus. O domingo é o día cando se produce o acontecemento esencial da misión de Xesús que é a resurrección e o que fai que a nosa fe teña sentido, porque se nos garante que seguimos a Deus e non a un simple home.
-Dinnos os Evanxeos que Xesús vólvese a aparecer aos seus discípulos “aos oito días”, é dicir, ao domingo seguinte. E así foi ata o día de hoxe: cada oito días, en domingo, Xesucristo faise presente na Eucaristía dominical dunha forma real e auténtica.
-Un último detalle: Xesucristo aparécese non de calquera modo senón cando os discípulos están reunidos. Cando non é así, teñen moita dificultade para recoñecelo (Tomás ou os dous de Emaús)
Teriamos que comparar tamén como era a vida dos Doce antes e despois do encontro co Resucitado. Antes: confusións sobre a misión de Xesús (os Zebedeos que querían un posto no mal entendido reino), negacións (Pedro),
medos (estaban encerrados nunha casa por temor aos xudeus), dúbidas, desconcertose desencantos (Tomás, os dous de Emaús, María Magdalena e as outras mulleres).
Despois: valentía para anunciar o Evanxeo ata dar a vida, dispoñibilidade, confianza, alegría, sentido da fraternidade… Os efectos do encontro con Cristo Resucitado saltan á vista.
Cando imos a Misa o que imos facer é atoparnos con Xesucristo resucitado que se fai presente cando unha comunidade de fieis reúnese no seu nome. É un encontro real co Deus de Xesucristo presente no Pan e o Viño que el mesmo converte no seu Corpo e no seu Sangue.
Máis tarde, este encontro converteríase nun dos Mandamentos dos cinco da santa Nai Igrexa, pois o que define a un cristián é o encontro con Xesucristo resucitado e non outras cousas.
Polo tanto, non imos a Misa para ser bos ou porque sexamos bos. Iso xa se supón que debería ser por mera humanidade. Aínda que é certo que ir a misa e seguir a Xesús dános un motivo máis para ser caritativos ou bos cos demais, xa que queremos adiantar a este momento o que será despois o Reino do Amor na vida escatolóxica.
Non deberiamos ir a Misa só porque é un mandamento, nin só por acontecementos da vida de persoas ou a festa dun pobo. Nin imos tampouco se nos cae ben o cura ben ou “fai” as Misas máis amenas. E moito menos por unha concepción máxica ou esotérica da liturxia na que negociamos con Deus certos favores ou grazas coma se fose un mercado.
Celebramos a Misa dominical para atoparnos con Deus de Xesucristo, o que salva.
Atreveríame a poñer un exemplo que pode ser ilustrativo e no que vos podedes reflectir
moitos de vós. Chegado un momento da nosa vida, témonos que ir da casa paterna, porque as obrigas laborais ou matrimoniais lévannos máis ou menos lonxe da casa na que nacemos. Pero todos estamos esperando que chegue ese día libre da semana para poder ir comer a casa dos nosos pais, visitalos, e se podemos ir todos os irmáns moito mellor.
Pois ben, ir a Misa é algo parecido: estamos toda a semana fóra de casa e nas nosas cousas, pero o domingo volvemos a casa (á Igrexa) para atoparnos con Cristo resucitado, porque nos espera alí xunto cos nosos irmáns.

Miguel Angel Álvarez

O valor da Eucaristía dominical

Aos 8 días da resurrección, o primeiro día da semana, cando estaban os discípulos reunidos, Xesucristo faise presente outra vez no medio deles para bendicir e partir o pan.

Hai moitas cousas que intentamos facer cada 8 días, aínda que non sempre o conseguimos, ás veces fallamos.

Pero hai algo que se leva facendo case 2000 anos sen interrupción: a Eucaristía dominical. Desde aquel momento que cambiou o rumbo da historia e da metahistoria coa resurrección de Xesucristo, cada 8 días repetimos o memorial do seu misterio pascual.

Unha única Eucaristía da que facemos actualización e memorial. Con variación de detalles segundo lugares e circunstancias, pero sempre a única e mesma Eucaristía que instituíu Xesucristo coa súa vida, toda ela salvífica.

Aínda que non sempre conseguimos facer interesante ou atractiva a Misa, non debemos desanimarnos ou facer que nos pase desapercibido o esencial da Eucaristía e, polo tanto, que non recibamos todos os seus beneficios.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: