Estes días moitos acudimos ás igrexas e cemiterios dos nosos pobos e cidades para recordar na oración aos nosos seres queridos defuntos.
Podemos orientar o estilo da nosa vida de moitas formas, ata sen Deus, pero á hora da morte só Xesucristo é o que ten palabras de vida eterna. O que fagamos hoxe e mañá só ten sentido desde a existencia de Deus e, xa que logo, da vida eterna. A existencia dun Deus misericordioso e bondadoso ata o infinito é o que fai que o que sentimos polos nosos defuntos sexa máis que un simple recordo máis ou menos melancólico.
As palabras de Pedro a Xesús seguen estando de plena actualidade «Señor, a quen iremos? Ti tes palabras de vida eterna» (Xn 6, 69). Desde que se pronunciaron estas palabras ata os nosos días, e sobre todo os últimos 50 anos, a ciencia e a técnica avanzaron moito máis do que nunca ninguén antes imaxinase. Pero a exclusividade desta promesa de eternidade séguea tendo Deus.
A medicina, a alimentación e a hixiene fixeron que se dobrase a esperanza de vida, pero esta segue sendo temporal. E se chegase un día en que conseguísemos evitar a morte e vivísemos indefinidamente tampouco poderiamos dicir que isto é unha vida eterna. Simplemente sería a mesma vida que temos agora sen data de caducidade, pero non exenta de problemas e limitacións.
A vida eterna da que fala Xesucristo é outra cousa moi distinta. É algo absolutamente novo que non se pode comparar con nada do que coñecemos.
Celebramos, xa que logo, dúas festas distintas que se achegan a unha mesma realidade desde distintos puntos de vista, pero ambos necesarios e non excluíntes. Aos nosos santos acudimos pedindo intercesión porque necesitamos a axuda de Deus. Aos nosos defuntos deixámolos nas mans misericordiosas deste mesmo Deus, para que os modele de novo e vivan na Xerusalén do Ceo. Son celebracións anuais máis solemnes pero non distinto aos que facemos todas as semanas na Eucaristía dominical onde lle dicimos a Deus:
«Lémbrate tamén dos nosos irmáns que durmiron na esperanza da resurrección, e de todos os que morreron na túa misericordia; admíteos a contemplar a luz do teu rostro. Ten misericordia de todos nós, e así, con María, a Virxe Nai de Deus, o seu esposo San Xosé, os apóstolos e cantos viviron na túa amizade a través dos tempos, merezamos, polo teu Fillo Xesucristo, comparti-la vida eterna e cantar as túas loanzas» (Pregaria Eucarística II).
Tamén habería que dicir algo do Halloween, Samaín e as almas en pena de procesión pola muralla, convertida en templo do neopaganismo. Pero iso deixámolo para outra ocasión.
Deus ilumina novembro. Xesucristo fálanos con palabras de vida eterna e grazas a El, a nostalxia polos nosos defuntos convértese na confianza de que un día atoparémonos con eles diante de Deus no Ceo nun mundo novo.
Por Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán