Nota dos bispos Galicia con motivo da Xornada Interdiocesana de Ensino Relixioso Escolar

Queridos pais e nais:

1.- Estamos seguros de que unha das vosas maiores preocupacións é a educación dos vosos fillos e fillas. Nela poñedes todo o voso empeño e esforzo nuns momentos cheos de retos e dificultades.

2.- Nesta situación os centros educativos xogan un papel importante para lograr unha educación de calidade.

3.- Para axudarvos a lograr esa educación, pedímosvos que non vos esquezades de solicitar para eles o Ensino Relixioso. Nunha formación integral da persoa, a educación non pode prescindir da dimensión relixiosa que é constitutiva de todo ser humano.

4.- A presenza do Ensino relixioso nos centros educativos é un dereito e un deber que tedes vós, os pais, recoñecido na Constitución, e que todas as autoridades educativas deben garantirvos para que poidades optar por ela con plena liberdade evitando toda discriminación e en igualdade de trato que o resto das demais asignaturas.

5.- O Ensino Relixioso axudará aos vosos fillos e fillas a coñecer mellor e profundar na mensaxe de Xesús; a reflexionar sobre os criterios, valores e actitudes que permiten dar pleno sentido da vida, do mundo e da historia; a crecer en intelixencia da Palabra de Deus para atopar nela a luz que lles ilumine á hora de formar a súa personalidade e inserirse no medio da sociedade; a comprender a propia tradición relixiosa, na que naceron e a coñecer o sentido relixioso da nosa cultura chea de costumes, festas, ritos e modos de vida impregnados polo cristianismo; capacitarlles para un diálogo entre fe e cultura nun mundo cada vez máis pluricultural e plurirelixioso.

6.- Sen dúbida queredes que progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que os vosos fillos crezan sen unha cultura e formación relixiosa. Estade seguros de que nela atoparán coñecementos e valores que lles axudarán a ser boas persoas. A relixión non fai dano a ninguén, ao contrario, axúdanos a ver a vida e actuar nela con sentido de verdade, xustiza e solidariedade.

7.- A Igrexa ponse ao voso servizo para alcanzar esa formación relixiosa que, sen dúbida, será un gran ben para os vosos fillos e fillas. Non vos deixedes levar por esas opinións da mal chamada modernidade que proclaman que a Relixión non ten valor nin sentido.

8.- Xa que logo, esta é a nosa petición: Sede conscientes da vosa responsabilidade de pais crentes e pensade no ben dos vosos fillos. Pedide Ensino Relixioso Católico en todos os centros educativos.

9.- Esta solicitude ha de ser consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes e dos compromisos adquiridos no día do seu bautismo. Non solicitala sería, sen dúbida, un contrasentido con eses compromisos.

10.- Queremos agradecer todo o esforzo que fan os profesores de Relixión e pedímoslles que coa súa palabra e o seu testemuño transmitan aos seus alumnos a mensaxe de Xesús e os encamiñen polos camiños dos valores do Evanxeo.

11.- Que o Señor vos axude a todos os que colaborades nunha mellor educación humana e relixiosa da infancia e mocidade.

Saúdanvos con todo afecto e bendín no Señor.

 

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Xornada de formación para o profesorado de Relixión

 O 4 de marzo terá lugar unha Xornada de formación para o profesorado de Relixión baixo o título “A ledicia do amor na familia: retos e liñas mestras na aula de Relixión”.

Os relatores desta Xornada serán o bispo de Santander Manuel Sánchez Monge e o director provincial en Madrid da Fundación Desarrollo y Persona Eduardo Navarro Remis.

O fin principal desta actividade será analizar a exhortación apostólica do papa Francisco Amoris Laetitia, nas súas claves principais, que afectan, sobre todo, á persoa, á familia e á escola.

Será na Domus Ecclesiae, na rúa Miramar de Ferrol de 9:15 a 20:15 horas

O profesorado de Relixión Católica de Galicia que desexe participar nesta convocatoria do Instituto Teolóxico Compostelán enviará un correo electrónico antes do 1 de marzo a capeans@edu.xunta.es, cos seguintes datos: título da actividade, nome completo, DNI, centro de destino, concello, provincia e diocese.

Encontro de Nadal do profesorado de Relixión

O 17 de decembro de 2016 no Gran Hotel Lugo terá lugar o encontro de Nadal do profesorado de Relixión da Diocese de Lugo. O programa é o seguinte:

  • 11,00 h. Oración

  • 11,30 h. D. Pegerto Torres Hermida: “Militancia docente e espiritualidade cristiá”

  • 12,30 h. Descanso – café

  • 13,00 h. Informacións varias

  • 14,00 h. Xantar de irmandade. Homenaxe ós compañeiros xubilados D. Alfonso Díez Yáñez e D. Luis Manuel Rodríguez Pérez. O primeiro impartía clases nas Mercedes, Lugo. Luis Manuel Rodríguez facía o propio no Instº Lucus Augusti.

A Relixión na escola e na Universidade

Foto MarioAcábase o verán e os profesores aproveitan o comezo de curso para encontros de formación permanente que os axuden a fortalecer e renovar a súa práctica docente. Antonte mesmo, festa de Santa Teresa de Jesús, exemplar educadora e sabia doutora, os profesores de Relixión da Diocese, reuníronse no Seminario Diocesano de Lugo para reflexionar en torno a un suxerente tema: “Pedagoxía da misericordia. O corazón ten razóns que a razón non entende”.

A coñecida revista Religión y Escuela, no editorial do seu último número afirma que foi un verán moi duro para os profesores de Relixión. Máis aló da esperpéntica incerteza política e as súas consecuencias na aplicación da LOMCE, algunhas comunidades autónomas diminuíron a carga lectiva da materia co seguinte recorte nas xornadas laborais do profesorado. Moitos alumnos (cos seus pais) e profesores de Relixión non soamente sofren constantes acosos ideolóxicos polo habitual cuestionamento da materia senón tamén polo progresivo deterioro das súas condicións laborais. Cómpre alentar as actuacións dos colectivos diversos (asociacións de profesores e de pais, sindicatos, plataformas culturais, etc.) para restablecer algo que foi normal na nosa democracia e que o é na gran maioría dos países de Europa cunha historia democrática máis antiga cá nosa. É necesario un pacto educativo estable en xeral e especialmente no que respecta á materia ou materias de Relixión.

A modo de exemplo, nos países escandinavos estúdase “Historia do cristianismo e historia das relixións”; nos Países Baixos “Visións da vida”; en Francia “O feito relixioso”; en Suíza “Grandes textos das Relixións”, noutros países “Liberdade relixiosa e dereitos humanos”, “Relixións e crenzas”, etc. O que teñen claro as democracias europeas, en contra dalgúns partidos políticos en España, cargados de fanatismos do pasado e ideoloxizados ata o extremo de querer atentar contra os dereitos dos demais, é que a transmisión relixiosa e o estudo do fenómeno non poden nin deben ser nunca apartados da escola pública. Outra cousa é o consenso en torno ao paradigma educativo, aos nomes e temas, aos programas e métodos. En calquera caso, os pais, os mestres, os profesionais do ensino en xeral, as relixións, e a Igrexa Católica en canto  que maioritaria en España, deben ter moito que dicir. E en calquera dos casos non deberiamos dubidar, por respecto ás liberdades fundamentais, que o saber relixioso na escola segue enchendo de sentido a existencia dos nosos nenos e mozos e ocupando o seu espazo e o seu lugar significativo na formación integral dos alumnos. Oxalá que poida chegarse a un acordo, máis aló das ideoloxías de partido, con certa estabilidade e coa garantía do futuro dun novo paradigma para o ensino da Relixión na escola e na Universidade.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Xornada de formación para o profesorado de Relixión

Copia de Ano Misericordia Lugo  banner

O sábado 15 de outubro hai unha xornada formativa para o profesorado de Relixión baixo o título: “Pedagoxía da Misericordia. O corazón ten razóns que a razón non entende”. A partir das 9:30 h no salón de actos do Seminario de Lugo desenvolveráse un programa consistente en 2 relatorios pola mañá e outros dous pola tarde (a partir das 16h). Os títulos dos relatorios son os seguintes:

  • A pedagoxía divina

  • A pedagoxía da misericordia

  • A misericordia na Biblia

  • A misericordia na súa perspectiva didáctica

A %d blogueros les gusta esto: