Vivimos tempos de tensión. Alta tensión. Seguramente todas as épocas son así. Tensión entre o pasado e o futuro, entre o ser e o deber… o parecer. Tensión entre a estética e a ética; tensión, tamén, entre as dereitas e as esquerdas; tensión entre o norte e o sur, o oriente e o occidente; tensión entre os dereitos e os deberes; entre o individual e o colectivo; tensión entre arriba e abaixo; tensión entre mocidade e vellez, entre homes e mulleres… e viceversa; tensión entre o público e o privado… e o concertado; entre sogra e nora; entre veganos e omnívoros, entre taurinos e animalistas…; tensión entre intimidade e exposición nas redes sociais; tensión entre o ser e o ter… e de novo o parecer; tensión entre vida e morte; entre solidariedade e explotación; tensión entre monarquía e república; entre xustiza e dereito; tensión entre secaño e regadío; entre mar e montaña; entre poesía e prosa, entre ruído e silencio, entre ateo e crente; tensión entre horario de inverno e de verán; tensión entre pobreza enerxética e portas xiratorias con destino ás eléctricas…
E poderiamos seguir até o infinito. Sempre en tensión co finito!!!
E é que, no fondo, vai ter razón Heráclito -presocrático onde os haxa- cando afirma que “a guerra é o pai de todas as cousas”. Non unha guerra luctuosa, cruenta…senón a loita de contrarios.
Claro, o primeiro dialéctico: tese, antítese e síntese.
Tempos de tensión, de tese, de antítese… pero -permítanme- necesariamente tamén de síntese. Síntese que proveña da dialéctica, do diálogo honesto e construtivo, do achegar posturas, do -seguindo a Aristóteles- ancorados na tradición de cada un, saber lanzar cabos ás tradicións dos demais.
Si, tensión entre a tira e afrouxa que dea consenso. Tensión entre o pensar en global e actuar local…
A tensión, lonxe de ser un problema para a convivencia humana, antóllasenos a porta de entrada a unha interacción baseada na lexítima defensa das propias opinións e a necesaria apertura ás opinións dos demais.
Por ir máis aló. A falta de tensión parecería levarnos á imposición. A falta de pluralidade, a unanimidade decretada, a falta de matices nas posturas, a falta de disenso, a homoxeneización do individuo, do cidadán, non aparecen como características propias do ser humano. Os seres humanos, intelixentes e libres, por iso mesmo somos plurais, abertos á diferenza. Nada parece máis humano que a unidade na diversidade, que a pluralidade dentro de proxectos comúns, que o respecto ao propio e alleo.
Da diferenza nace o consenso. Das distintas posturas, os acordos. Temos que renunciar ao propio? Ao contrario, temos de poñelo no común para que se enriqueza a si mesmo cos outros polos, e estes, á súa vez, poidan nutrirse coas achegas dos demais.
Permítanme concluír con Martin Buber e a súa teoría do diálogo. Para o filósofo austríaco o ser humano afírmase e crece nunha tripla relación dialóxica: cos demais (eu-ti), co mundo (eu-iso) e con Deus (eu-Ti).
Ímolo falando!!!!
Queque Bayo
Licenciado en Filosofía