O vindeiro sábado 5 de decembro de 2020, ás 11 h. na Parroquia da Milagrosa, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, ordenará diáconos aos seminaristas:
– Rubén Ponce Díaz, do Seminario Diocesano Conciliar
– Guillermo Antonio Carrillo Vargas, do Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater
Paso decisivo para ser presbítero, o diaconado ten como posibles funcións administrar o bautismo, reservar e distribuír a Eucaristía, asistir ao matrimonio e bendicilo en nome da Igrexa, levar o viático aos moribundos, instruír e exhortar ao pobo, presidir o culto e oración dos fieis, administrar os sacramentais, presidir o rito dos funerais e sepultura. Dedícanse aos oficios da caridade e da administración.
Lémbrase que a cabida da Parroquia da Milagrosa é de 130 persoas.
Algúns datos biográficos
Rubén Ponce naceu en Ferrol en 1989. Estudou Dereito en Santiago de Compostela. Tras pasar por un período de discernimento vocacional, comezou a cursar Estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano Conciliar de Lugo. Foi catequista en Santiago de Compostela durante o seu período de formación universitaria, despois foi tamén nalgunhas parroquias de Valdoviño, onde viviu a súa familia. Durante o tempo de Seminario realizou varias experiencias pastorais, entre elas nas Pontes, na provincia da Coruña, e nalgunhas parroquias de Melide, nas Unidades Pastorais 3 e 4 do arciprestado de Abeancos. En 5º ano de Seminario foi enviado a Madrid para unha nova experiencia pastoral parroquial e para completar os seus estudos na Universidade Eclesiástica San Dámaso, na que actualmente cursa a licenciatura en Dereito Canónico.
Guillermo Antonio Carrillo Vargas naceu en Costa Rica en 1988. É o sétimo de oito irmáns e pertence ao Camiño Neocatecumenal. Tras tres anos en proceso prevocacional en Costa Rica, foi enviado ao Seminario Redemptoris Mater de Madrid, onde realizou os catro primeiros anos de formación sacerdotal. Posteriormente foi enviado a Lugo, como parte do primeiro grupo de seminaristas do recentemente erixido Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater. Durante eses anos colaborou pastoralmente as fins de semana na parroquia da Milagrosa (Lugo). Concluídos os Estudos Eclesiásticos, realizou un ano de experiencia pastoral en Huelva. Actualmente desenvolve a súa etapa pastoral na Parroquia de San Froilán (Lugo).
Gústame esto:
Gústame Cargando...