Os estudos sinalan que unha porcentaxe alta de doentes (80%) que acoden ás consultas de Atención Primaria referindo dor inespecífica, padece algún tipo de trastorno depresivo non diagnosticado ou presentan ansiedade. A abordaxe destes trastornos na atención primaria é unha demanda urxente do persoal sanitario. Sabemos que as terapias psicolóxicas baseadas na evidencia son medidas eficaces e eficientes para o tratamento de problemas leves e moderados de ansiedade e depresión. Segundo un informe británico, a intervención psicolóxica debería ofertarse a todas as persoas que presentan depresión e ansiedade, dado que é eficaz e preferible fronte a prescrición de fármacos. Se ben a curto prazo a terapia e o uso de fármacos presentan unha eficacia semellante, a longo prazo é a terapia psicolóxica a que ten demostrado manter os seus efectos.
En Galicia a asistencia psicolóxica no SERGAS é insuficiente. Actualmente falamos dunhas listas de espera de 6 meses en atención a adultos e as sesións non poden ter a periodicidade desexada para o tratamento.
Cando unha persoa acode a terapia por depresión gústame preguntarlle como representaría a súa dor: unha lousa que me poñen enriba, un peso no peito terrible, algo dentro que non me permite acougo, un monstro, etc. que nos dan idea do sufrimento que viven. As imaxes son importantes e ás veces serven para matizar como as persoas viven os diagnósticos. Non é o mesmo falar de “depresión endóxena” (que suxire algo interno, inmutable) que falar do “vestido da depresión” (que agora teño, pero hai días ou momentos que non). Algunhas imaxes poden ser máis axeitadas ca outras para dirixirnos ao cambio. Ás veces o entorno non comprende a enfermidade e procuran animar, restar importancia, insistir en facer actividades. Son actitudes que fan sentir á persoa incomprendida.
A terapia pode ser liberadora para a persoa e para os seus familiares e amigos. Pode servir para comprender mellor a enfermidade, para observar que solucións intentadas son nocivas e por onde alentar os cambios. As sesións dan protagonismo a quen sofre en primeira persoa pero tamén buscan a colaboración das outras persoas achegadas. A actividade no proceso terapéutico é unha das claves, pero coa necesaria sensibilidade de adaptarse á persoa e ir dando pasos pequenos. Reforzamos os logros e xeramos conversas que traballen o locus de control interno. Isto significa atribuír os cambios ás cousas que facemos, que son a nosa responsablidade, e así recuperar poder sobre o que sentimos e pensamos.
Agradezo moito un agasallo fermoso que me fan as persoas que pasan pola miña consulta. Pídolles que me conten a través dunha carta como foi o seu proceso, é dicir, como vivían coa depresión e como viviron o camiño ata a superación. Son cartas que, co seu permiso, logo podo reler a outras persoas e que dan esperanza cando aínda non se ve a luz ao final do túnel.
Cristina Bandín.
Psicóloga no Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo.