Deus, que é amor dinámico, determinou crear ao home para ter a quen amar e, non dispondo doutro referente máis que a sí mesmo, creouno ao seu xeito. Dotouno de entendemento e de vontade, con capacidade para distinguir o ben do mal, e chamado a optar polo positivo fronte ao negativo. No home, todo era perfecto. Era impensable que o Creador puidese regalar algo mellor ás súas criaturas. Pero Deus, infinito no seu ser, o é tamén na súa xenerosidade, e isto levoulle a elevar ao home á orde sobrenatural, enriquecéndoo coa filiación divina.
Desde agora, o home é un “ti” de Deus, e nel, o Señor comprácese plenamente. Pero ao home pronto lle saíu un “competidor”: o tentador, Satanás, cobizando o señorío do mundo que Deus lle outorgara a Adán, decláralle a guerra ao Señor, presentándolle batalla polo flanco máis vulnerable do ser humano: a vaidade, o orgullo, a propia compracencia… que son caldo de cultivo para a derrota dos homes. Sabedor disto, o demo, ferido de envexa pola situación privilexiada que Deus concedese ao xénero humano, inocula sentimentos de rebeldía nos corazóns de Adán e Eva. Estes, desobedecendo ao Señor, comen do froito prohibido e, ao instante, perden a inocencia e a súa condición de fillos de Deus, e agóchanse na frondosidade do Paraíso Terreal. Eles, que eran a suprema beleza creada polo Divino Facedor, agora recoñécense impresentables, e non queren atoparse co Señor.
Foi a primeira derrota que sufriu o home a mans do seu inimigo, pero a guerra non está perdida, porque as guerras non as gañan os que vencen as primeiras batallas, senón os que saen vencedores no último combate. Pois teñamos por segura que a última batalla será gañada polo Señor, porque na nosa contenda co inimigo, todo é cuestión de amor; e Deus, posto a amar, ama para sempre. O amor divino manifestóusenos na creación, explicitóusenos na redención, déixase sentir na providencia e, ao final, farásenos agasallo no seu perdón misericordioso.
Deste amor redentor e misericordioso fálanos a liturxia ao longo do tempo de Advento. Para que faga efecto, acheguemos a nosa esperanza e a nosa persoal correspondencia, e Deus porá o demais.
Mons. Indalecio Gómez Varela
Cóengo S. I. Catedral Basílica de Lugo