Estamos en período de facer a declaración da renda. Para os cristiáns e para os que valoran o papel da Igrexa na sociedade tamén é unha ocasión de colaborar marcando un «X» no cadriño da Igrexa católica e na doutros fins sociais.
Por este simple feito non arriscamos nada e, por outra banda, xa é o único exercicio de soberanía no que se nos permite elixir onde vai unha parte moi pequena dos nosos impostos.
Pero este ano creo que non fai falta lembrar a actividade caritativa-social que a Igrexa católica fai en xeral e, de xeito particular, a través das múltiples Cáritas parroquiais, que operan desde as grandes cidades ás aldeas máis remotas da nosa xeografía.
Pero si quero lembrar a actividade xenuína da Igrexa, que a miúdo pasa desapercibida para unha maioría de persoas, e que, con todo, tamén é unha contribución social moi importante. Falo da evanxelización e a celebración dos sacramentos.
A miña experiencia como sacerdote durante todo este tempo de confinamento está a ser agridoce. A ninguén se lle escapan as consecuencias desta terrible pandemia, comezando polo número de falecidos, pasando polos enfermos máis graves, seguindo polos asintomáticos e as persoas que perderon o seu traballo e terminando por cada un de nós embargados polo medo, a desconfianza e o pesimismo.
Na parte doce está a experiencia de comunidade que vivo cada tarde durante a celebración da misa que transmito polas redes sociais, á que están conectados en directo un número estable de 65 persoas, que os domingos case alcanza os 100. Estes encontros virtuais, por chamalos dalgún xeito, teñen a súa prolongación antes e despois do directo da misa a través dos comentarios privados que me envían e que me fan ver o valor que ten a Eucaristía e a fe para moita xente. Un sentimento que se repite moito nestes comentarios pode resumirse nesta exclamación: «Non sabe a compañía que fai a celebración da misa!»
Durante todos estes días tamén puiden ver como moitos dos membros desta comunidade virtual interactuaban entre eles. Saúdanse ao comezar, deséxanse a paz no momento que toca da liturxia da misa e despídense até o día seguinte. E non só isto, senón que xa está en marcha a organización de encontro real para coñecerse todos en persoa.
Con pena teño que constatar que a crise de coronavirus acelerou un proceso que xa estaba a padecer a Igrexa de Occidente desde hai tempo. Resistiámonos a pechar templos e a non atender todas as demandas de celebracións litúrxicas que se nos fan aos sacerdotes. Esta pandemia, posiblemente, tamén vai terminar cun cristianismo sociolóxico, que é o que máis abundaba até agora.
Pola contra, teño a esperanza de que esta crise vai facer rexurdir un cristianismo máis real, formado por persoas seguidoras de verdade e sen complexos de Xesucristo. Seremos menos, pero máis reais.
Creo que agora vai comezar a nova evanxelización tan desexada polos papas desde Paulo VI até o actual. E para esta misión esencial da Igrexa tamén se necesitan medios materiais. Mellor dito, os medios materiais facilitan moito o anuncio do Evanxeo.
Por iso é importante un «X» a favor da Igrexa católica na túa declaración da renda, porque é unha forma de axudar á Igrexa da que formas parte ou á que poidas volver cando te atopes con Xesucristo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada