“A túa misericordia vale máis cá vida” (Sal 63, 3)
O Curso de Formación en Matrimonio e Familia quixo ser achega e estímulo para a renovación da Pastoral Familiar; pero, sobre todo, para a vida das familias. Fortalecelas na súa vocación, axudalas a vivir a felicidade que Deus desexa para cada un dos seus membros, contribuír a que poidan superar con éxito os retos aos que se enfrontan para vivir a grandeza e beleza da vocación á que foron chamadas. Unha acción evanxelizadora fundamental da Igrexa hoxe nas sociedades europeas: axudar a que as familias vivan plenamente a súa vocación, xerando un cambio na cultura. Temos que continuar neste proceso de conversión pastoral cara a “unha Igrexa capaz de dialogar con aqueles discípulos que, fuxindo dela, vagan sen unha meta, sós, co seu propio desencanto, coa decepción dun cristianismo considerado xa estéril, infecundo, impotente para xerar sentido” (Papa Francisco).
Damos grazas ao Señor pola súa misericordia, polo inmenso agasallo de permitirnos vivir esta experiencia cristiá de alto voltaxe! E, a modo de síntese, o Seminario de Clausura con José Noriega, propuxo algúns puntos decisivos para unha Pastoral Familiar potente:
– Debemos acompañar aos mozos, axudándolles a interpretar a experiencia amorosa e xerando neste proceso prácticas concretas que amosen a grandeza do verdadeiro amor.
– Só a xenerosidade non asegura este amor verdadeiro nas diferentes etapas da vida. É preciso xerar a virtude da castidade, que constitúe realmente a arte de amar.
– Como en Cristo, verdadeiro home, o Espírito entra na carne dos esposos (ministros do sacramento do matrimonio) e, coa súa acción rexeneradora, fai do camiño conxugal un camiño de santidade.
– Comunicar a plenitude que se vive (paternidade e maternidade) agranda o amor esponsal e lévanos a enxendrar, a educar, a construír unha persoa: unha vida grande e fermosa.
Crer é necesario; vivir non. Benestar, diñeiro, saúde, seguridades… non supoñen nada decisivo para a felicidade. É necesario prometer(se), casar, enxendrar, ser fecundos e entregarse ata colmar unha vida.
Crer! É preciso. E razoable. Vivir non. A súa misericordia vale máis que a vida.
Javier de Montse
Comunidade Caná