Máis de mil fieis participaron na solemnidade do Corpus Christi en Lugo

Corpus

O domingo 7 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Máis de un milleiro de fieis participaron nesta celebración que en Lugo, a cidade do Sacramento, adquire especial relevancia pola permanente exposición do Santísimo no altar maior da súa Catedral día e noite.

Logo da celebración, autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na Diocese e miles de fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, mencionou que a festividade do Corpus “é a expresión da fe e esperanza deste pobo na Eucaristía”.

“A Eucaristía- dixo Mons. Alfonso Carrasco- é o corazón, a vida, a fe e a esperanza. É a expresión de que o Señor veu ao noso encontro e cada día segue vindo”; “O Señor búscanos nas dificultades e ten misericordia nos nosos pecados. É o Amor que fundamenta todas as cousas e únenos a todo o creado”.

Sabéndonos amados non podemos vivir a realidade doutro xeito senón como algo bo que vén das mans de Deus, e nelas ten sempre un destino xeneroso para nós.

Terminou recordando o Bispo de Lugo que “a lei do Amor: Amádevos os uns aos outros é real, malia que ás veces vemos a súa negación. Sen fe na vida, non habería esperanza. O Amor é o que nos empuxa ao ben; nel cobra sentido a xustiza, a caridade, o facer o ben aos demais porque se non amamos, que nos impide insultar ao outro ou desexarlle o mal?”

Carta pastoral do señor Bispo con motivo do Corpus

Queridos irmáns,

Este primeiro domingo do mes de xuño a Igrexa convócanos a celebrar a gran solemnidade do Corpus Christi, a contemplar e anunciar nas igrexas, e tamén nas rúas e as prazas, a Caridade de Xesús o noso Señor, que El introduciu na historia para sempre. Na Caridade, que é a substancia da súa alma e do seu corazón, quixo quedar connosco, abrazar e salvar cada un dos seus irmáns.

Neste día de festa recobra vigor a nosa esperanza e xermola o agradecemento a este Amor divino en quen a nosa vida se confía sen temor. Celebramos con alegría que Xesús entrega realmente o seu Corpo e o seu Sangue por nós e por todos, e o seu Espirito lévanos a amar os irmáns como El o fixo.

Por iso resoa hoxe con especial claridade a pregunta que nos formula frecuentemente o Papa Francisco e que é o lema desta Xornada da Caridade: que fas co teu írmán? Porque, en efecto, a indiferenza, á que nos deixamos ir con facilidade, é exactamente o contrario da caridade. De feito, no noso mundo, cada vez máis alleo á lei do amor ao próximo e mesmo á propia responsabilidade pola xustiza, corremos o risco dunha “globalización da indiferenza”, para a cal o único razoable é poñer atención so ao propio, e a única lei a forza e a propia comodidade.

Este día do Corpus chámanos, en primeiro lugar, a vencer no fondo da nosa alma a “indiferenza relixiosa”, que é como a raíz amarga do desamor a Deus, á vida e aos irmáns, e a experimentar en cambio a fraternidade que nace do seguimento de Cristo, da comuñón que nos ofrece a pesar de ser nós pecadores.

Ao servizo deste común camiño de caridade, os bispos de España aprobamos o pasado día 24 de abril a instrución pastoral “Igrexa, servidora dos pobres”. O lugar preferente dado nela aos máis pobres debe ser visto como signo do realismo da caridade verdadeira. Ao mesmo tempo invítasenos a todos a procurar que a acción caritativa non sexa so preventiva, curativa e propositiva (n.° 42), senón tamén profética, combatendo as causas estruturais da pobreza.

Neste sentido falábanos xa con claridade o noso Papa Francisco:

“A simple acollida non basta. Non abonda dar un sándwich, se non se acompaña da oportunidade de aprender a camiñar sobre os seus propios pés. A caridade que deixa aos pobres tal e como están non é suficiente. A misericordia verdadeira, aquela que Deus nos da e nos ensina, pide xustiza, pide que o pobre encontré o seu camiño para deixar de selo”.

A celebración do Corpus, e, polo tanto, a acollida da Caridade como lei e esperanza da vida, recórdanos certamente a necesidade do coidado próximo e inmediato de quen o necesita. Pero pídenos tamén saber rexeitar unha economía que negue a ética e o ben común, que absolutice a lóxica mercantil e se deshumanice; pídenos ser capaces de superar a idolatría do diñeiro, que conduce de moitos modos á corrupción, e de poñer no centro da vida social a primacía da persoa humana, os seus bens e dereitos fundamentais.

Os máis débiles manterán vivas as esixencias da xustiza e a urxencia da caridade, preguntándonos coa súa presenza que fas co teu irmán? co parado, o estranxeiro e o sen papeis, o enfermo ou o ancián, pero tamén co neno indefenso, que aínda ha de nacer?

Non podemos facer oídos xordos ás urxencias dos demais, coma se nos fosemos ricos e non necesitásemos de ninguén. Diante de Deus todos somos pobres. De El vénnos a vida, que ninguén se da a si mesmo e que todos teremos que presentar ante El, coas obras realizadas. No seu Amor temos posta a nosa confianza, para alegrarnos cos seus dons, co sol de cada día e as persoas que nos acompañan, e sobre todo coa súa misericordia xenerosa, que consola o noso corazón. Recordemos que, por iso, o Señor dispersa os soberbios de corazón, pero enaltece os humildes (Lc 1,51-52).

Manifestemos a nosa humildade poñéndonos no seguimento de Xesús, presente no Sacramento, para que renove os nosos corazóns, converténdoos unha vez máis á Caridade. Pidámoslle que nos garde sempre agradecidos ao seu Amor, e que nos dea a graza de saber apreciar e amar os nosos familiares e amigos, de crecer en intelixencia do que é debido e en sensibilidade ante as necesidades do irmán, de colaborar na construción dunha sociedade en paz, na que se vive e se ama a xustiza.

O amor do Señor, como na procesión deste día, precédenos sempre. Que esta sexa a nosa esperanza e a nosa forza; para que poidamos experimentar a alegría propia de quen ama non de palabra e de boca, senón de verdade e con obras (cf. 1 Xn 3,18).

Feliz festa de Corpus Christi !

Lugo, 21 de maio de 2015

                                       Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Primeiros actos en torno ao Corpus Christi 2015

Xoves 4 xuño

SARRIA. Casa da Cultura (R/ Marqués de Ugena, s/n)

20:00 Conferencia. “Eucaristía y experiencia mística en Santa Teresa”. P Salvador Ros García ocd (Segovia), especialista en Santa Teresa

LUGO. S.I. Catedral Basilica

20:00 Xoves Eucarístico. Eucaristía e procesión

Venres 5 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basílica

20:45 Primeiro Concerto do II Festival Internacional de Órgano: “Adoro te devote”. Lindy Rosborg (Dinamarca), órgano

Sábado 6 xuño

LUGO. Biblioteca Pública Nodal (Av. Ramón Ferreiro, s/n )

12:30 Certame literario e Concurso fotográfico: entrega de premios e inauguración da exposición fotográfica.

LUGO. S. I. Catedral Basílica

20:00 Eucaristía. Novena na honra do Santísimo Sacramento: Ata o día 14. Predica o M. I. Miguel A. González García, Cóengo da Catedral de Ourense

Domingo 7 de xuño – CORPUS CHRISTI

LUGO. Praza de Santa María

11:00 Eucaristía e procesión

Últimos actos da Semana Grande do Corpus de Lugo

Semana Corpus último día

O sábado, día 28 ás 20 h, celebraranse as Vésperas solemnes na Catedral. A elas asistirá a corporación lucense.

A novena ao Santísimo é as 19:30 h na Catedral

Os actos do Corpus finalizan o domingo, infraoctava de Corpus, coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado.

Esta cerimonia terá lugar o domingo, 29 de xuño, ás 12 h na Catedral. A cidade oferente é A Coruña, representada polo seu alcalde Carlos Negreira Souto e recibirá a Ofrenda o Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio. 

Celebración da Solemnidade do Corpus Christi en Lugo

Procesión Corpus gaiteirosO domingo 22 de xuño, ás 11 h na Catedral, celebrouse a Solemne Eucaristía de Corpus. Despois da celebración, todos os movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias e de colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese, acompañados dun grupo de gaiteiros, participaron na procesión de Corpus. Este ano, por diversas circunstancias, só percorreu os arredores da Catedral e terminou coa exposición do Santísimo e a bendición desde o balcón do pazo Episcopal, na praza de Santa María. Como todos os anos asistiron o alcalde e varios membros da corporación municipal acompañados pola banda municipal.

A %d blogueros les gusta esto: