O domingo 3 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.
Centos de fieis asistiron a esta celebración, que en Lugo, a cidade do Sacramento, adquire especial relevancia pola permanente exposición do Santísimo no altar maior da súa Catedral de día e de noite, e por contar co privilexio da Indulxencia Plenaria, Cotiá e Perpetua.
Acompañaron a celebración o Orfeón Lucense, o grupo de cámara da Banda Filarmónica de Lugo e a coral Xeral-Calde.
Trala Eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón.
Durante o percorrido o Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de Espazo Artístico 10, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento ao longo do percorrido da procesión.
Palabras do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, na homilía: “Na gran Festa do Corpus Christi profesamos solemne e públicamente a nosa fe. A fe dun pobo que camiña unido e que hoxe quere adorar e mostrar a súa alegría, quere confesar públicamente onde está a raíz da súa fe.
“O Santísimo que hoxe sae en procesión polas rúas, que é o misterio da nosa fe, está exposto permanentemente no centro do altar maior da Catedral, que é como dicir que está tamén en en centro da nosa intelixencia e do noso corazón, da nosa comprensión da vida.
“Deus quixo asumir a condición humana, facerse home con todas as consecuencias, transformando a súa carne e sangue en fonte de vida. Esquecer isto sería esquecelo todo. O Señor quíxonos ata morrer por nós e pola nosa salvación pero, ademais, tamén nos alimenta cada día o corazón. Libéranos a alma e a conciencia. A Eucaristía é a expresión do amor que todo o soporta e que non termina nunca. Nela o Señor renova a súa lei: amar ao próximo como El nos amou. E ese amor debe ser testemuñado no medio do mundo.
“Do interior do home saen todas as cousas. Quen renova o seu corazón, quen esperta a liberdade e a conciencia ao amor de Deus fai máis polo ben futuro da sociedade que calquera outro.
“Na festa de Corpus celebramos a alegría da constante presenza de Cristo na nosa vida. O amor é o único alimento que sostén ao home na historia. Este é un día para darlle grazas a Deus e para pedirlle que renove a nosa fe e ilumine os nosos corazóns para imitalo; para confiarlle o noso ben, os nosos seres queridos e o noso pobo”.
Corpus
Pastoral do Bispo con motivo do Corpus
Benqueridos irmáns,
Un ano mais o ciclo da nosa liturxia convídanos a celebrar solemnemente a festa do Corpus Christi, que é tamén o Día Nacional da Caridade, e a recoñecer así con gratitude a Presenza real de Cristo nas nosas vidas.
Na Sagrada Forma, que neste día adoramos publicamente, faise presente o Señor Xesús como alimento da nosa condición de Fillos de Deus, que nos permite vivir na unidade con El e como irmáns entre nos. Festexamos así á luz do sol o misterio do que fala aquela veliña que está acendida todos os días ao lado do Sagrario nas nosas parroquias, a Presenza salvadora de Cristo baixo as especies de pan e de viño, como amor divino que ilumina e guía o noso diario vivir fraternal.
Neste Día estamos especialmente invitados a deixar que a caridade impregne e dea forma ás nosas relacións e a toda a nosa vida, nas familias e nas aldeas, vilas ou cidades. As nosas Cáritas -e todas as outras actividades caritativas das nosas parroquias- axúdannos a gardar viva en nós esta conciencia, a saber que Cristo está presente en cada irmán, e en primeiro lugar en quen máis necesita de nós, por ser pobre, perseguido ou refuxiado, por estar enfermo, por sentirse abandonado ou só, por ter problemas, ás veces causados polo propio pecado. Adorando ao Santísimo Sacramento, a entrega do Señor pola nosa salvación, teremos sempre certeza de que servir ás persoas que sofren é servir ao mesmo Cristo.
Podemos recordar a este respecto unhas palabras do Papa Paulo VI, de quen se vai recoñecer oficialmente a santidade o próximo 2 de outubro, pronunciadas na Santa Misa do 23 de agosto de 1968 no Congreso Eucarístico de Bogotá:
“Viñemos a Bogotá para render honra a Xesús no seu misterio eucarístico …, chegando tamén agora ata aquí para celebrar a presenza do Señor entre nós, no medio da Igrexa e do mundo, nas vosas persoas. Sodes vós un signo, unha imaxe, un misterio da presenza de Cristo. O sacramento da Eucaristía ofrécenos a súa escondida presenza, viva e real; vós sodes tamén un sacramento, é dicir, unha imaxe sagrada do Señor no mundo, un reflexo que representa e non esconde o seu rostro humano e divino. … Toda a tradición da Igrexa recoñece nos Pobres o Sacramento de Cristo, non certamente idéntico á realidade da Eucaristía, pero si en perfecta correspondencia analóxica e mística con ela. Polo demais Xesús mesmo díxonolo nunha páxina solemne do evanxeo… (Cf. Mt 25, 35 ss)”.
O lema das Cáritas Españolas para este Día Nacional da Caridade é, “O teu compromiso mellora o mundo”. Quere ser expresión daquela mesma caridade que todo o soporta e que non acaba nunca, coa que o Señor se entregou por nós e que nos comunica sempre na Eucaristía. Nela Xesús Sacramentado renova sempre o mandato de continuar a súa misión, ir a predicar a Boa Nova da Salvación con palabras e con feitos a todas as xentes, con especial atención aos máis pobres.
Na festividade de Corpus celebramos a alegría da constante presenza de Cristo na nosa historia, da súa cercanía agarimosa. Que este sexa un día para darlle as grazas, para pedirlle que renove a nosa fe e nos dea saber imitalo na vida, para confiarlle o noso ben, o dos nosos seres queridos e o do noso pobo.
Que neste día de Corpus o Señor bendiga a cada un, as nosas casas e familias!
Feliz festa do Corpus Christi!
Déixate mirar por Xesucristo
Sen case decatarme, xa pasou o mes de maio. Alguén sabe como facer para que o tempo pase máis amodo?
Quen, seguramente, están moi ilusionados con que pase o tempo rápido e chegue xa o día de Corpus son os nenos da parroquia, que o domingo comulgarán por primeira vez. Non sei se eles son conscientes do que iso supón. Non sei se os veciños que preparan a festa dese día son conscientes de que todo se debe a que o noso Deus quixo estar entre nós na Eucaristía. Porque iso é a festa do Corpus Christi: honrar a presenza real de Xesucristo na Eucaristía.
Estamos ante un misterio grande, é verdade. As ideas poden ser cuestionadas, pero non así as experiencias. Tampouco é necesario desprenderse da razón cando nos poñemos ante Deus; xa que sería unha gran contradición, pois o mesmo Deus foi o que nos deu a razón e a intelixencia, tamén para que nos axudase a coñecelo. Cando nos poñemos ante Deus temos que facelo con moita confianza, pero para nada é contraria á razón. De Xesucristo podémonos fiar: é o amigo que nunca falla.
O día de Corpus, Xesucristo sae na Eucaristía polas rúas dos nosos pobos e cidades. O mesmo que, todos os días do ano, no silencio e nas moitas horas de soidade no Sagrario, fai de corazón para que o mundo teña vida, e vida abundante.
Quizais non ten moito sentido que este día saiamos a velo cando todo o ano o temos esquecido. Corremos o perigo de non saber recoñecelo. En calquera caso, na procesión do domingo de Corpus, fai a proba de mirar a Xesucristo e de deixarte mirar por el. Fálalle de ti e deixa que el che fale no mais fondo do teu ser. Non teñas medo do que Xesucristo poida dicirche ou pedir, pois será todo para o teu ben e nada que non poidas facer.
Se tes problemas de entendemento con el, fálalle unha vez desde a sinxeleza e a sinceridade, xa sabes que falando enténdese a xente.
Desde aquí tamén vos pido oracións polos nenos que celebran a Primeira Comuñón. Tamén polos seus pais e irmáns. Rezade para que neste día poidan atoparse con Xesucristo e non se quede todo en superficial capa de verniz que só brille ese día. Estes nenos non o van a ter doado. Lamento ser pesimista, pero non o van a ter fácil. Xa sei que me dirán que non lles vai faltar a axuda de Deus, pero tamén é verdade que a axuda de Deus adoita vir por medio das persoas que están ao noso carón: familia, profesores, amigos, veciños… Deus non falla, pero os seus mediadores si que podemos fallar.
Miguel Ángel Pérez
Párroco da Fonsagrada
A celebración do Domingo de Corpus Christi en Lugo
O Corpus Christi, festa da Eucaristía, alcanza en Lugo unha maior dimensión pola tradición secular de devoción eucarística desta comunidade de fieis e polo privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento. O pobo de Lugo, desde os tempos do bispo mártir San Capito (século I d.C.), sempre destacou pola súa fe e a súa defensa do sacramento da Eucaristía, situándose contra a herexía priscilianista (que negaba a real presenza de Cristo nas especies consagradas) tanto en época de Santo Toribio (século V) como do rei suevo Teodomiro (século VI), data que numerosos documentos sitúan como inicio do privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento.
A festa do Corpo de Cristo foi instituída en 1264 polo Papa Urbano IV coa bula Transiturus de Hoc Mundo destacando Santo Tomé de Aquino na elaboración do Oficio da celebración; un santo representado maxistralmente polo pincel de José Terán na cúpula da capela maior (século XVIII) e polo cincel de Francisco de Moure (século XVII) no coro alto da catedral de Lugo.
A tradicional Eucaristía celebrouse onte no marco inigualable da Praza de Santa María, lugar que, grazas á man de mestres como Fernando de Casas y Novoa (capela da Virxe dos Ollos Grandes) ou Gaspar de Arce (torre das campás) e ao corazón de bispos como Cayetano Gil Taboada (palacio episcopal) ou Pedro de Ribera (nártex entrada norte), é considerado como dos máis belos de Galicia. A Eucaristía estivo presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, un prelado de cuxa erudición é testemuña a súa obra en numerosas publicacións, como Scripta Teológica ou Compostellanum, e que mostra a súa implicación neste privilexio lucense que supón a constante exposición do Santísimo Sacramento, e na Eucaristía, no Cáliz e a Sagrada Forma do seu escudo episcopal.
A procesión do Corpus Christi ten unha profunda tradición desde que en 1447 o Papa Nicolás V levase por Roma a Hostia Santa. O itinerario en Lugo foi minguando co tempo, sendo, a comezos do século XVIII, o seu inicio na porta norte da catedral e o remate, tras pasar polas rúas San Pedro ou San Marcos, na fachada do Bo Xesús; xa en 1761, en tempos do bispo Francisco Izquierdo y Tavira, que tantas obras promoveu para o beneficio da cidade, transitaba por diante dos conventos de Santo Domingo e San Francisco, terminando de novo na fachada do Bo Xesús tras pasar pola fonte da Pinguela.
Xornais da provincia de Lugo a comezos do século XX, como Las Dos Regiones, mostran a magnificencia con que os veciños preparaban a festa: “Fermoso, por máis dun concepto, foi o golpe de vista que presentaba a cidade coa profusión de colgaduras e bandeiras nacionais en todas as casas particulares e edificios públicos, ofrecendo relixioso aspecto o repique de campás e os acordes melodiosos das nutridas banda municipal e militar” (xuño 1908). A música na festa segue presente, sendo hoxe executada polo Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e a Coral Polifónica do Hospital Xeral-Calde.
Dáse un novo paso na secular tradición do Corpus Christi en Lugo, unha das festas que mellor reflicte a fe da nutrida comunidade cristiá desta cidade e onde a tradicional choiva de pétalos e música exterioriza o que moitos lucenses levan no seu propio corazón.
Marcos G. Calles
Historiador da arte
A praza de Santa María de Lugo acolleu a celebración do Corpus Christi
O domingo 18 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.
Centos de fieis asistiron a esta celebración, na cal a parte musical correu a cargo do Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e a coral Xeral-Calde.
Trala Eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón.
Durante o percorrido o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artístico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento ao longo do percorrido da procesión.
Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recordou que “na festa do Corpus Christi profesamos solemne e publicamente a nosa fe naquel que é a pedra angular sobre a que se asenta toda a nosa vida. Nesta celebración contemplamos de modo particular quen é Xesús, o noso Señor, como é o seu amor e que fixo por nós, entregándonos real e plenamente o seu Corpo e o seu Sangue para que vivamos unidos a El e aos nosos irmáns.
“O día de Corpus recórdanos -proseguiu Mons. Carrasco- as realidades máis importantes da nosa fe. E en primeiro lugar o gran misterio da Encarnación; é dicir, que Deus queira asumir a condición humana, facerse home con todas as consecuencias, transformando a súa carne e sangue en fonte de vida”
Tivo palabras para recordar que este ano a catedral de Lugo recibiu de novo o grandísimo don da Indulxencia Plenaria cotiá e recordou que “non é posible ser voluntariamente causa de querelas e divisións, danar ao próximo ou ao irmán en nome das propias conveniencias ou permanecer no pecado. O don da Indulxencia recórdanos que o Sacramento da Eucaristía ten no máis íntimo un misterio de misericordia, un sacrificio cumprido polo Señor para o perdón dos pecados”.
Continuou a súa homilía manifestando que “a festa do Corpus Christi pídenos, como recorda reiteradamente o Papa Francisco, que non quedemos encerrados en nós mesmos, senón que saiamos e vaiamos alí onde están uns fillos de Deus e irmáns nosos que necesitan axuda, que sofren situacións inxustas”.
En referencia a que o Corpus é tamén a festa de Cáritas: “O lema de Cáritas deste ano: chamados a ser comunidade pídenos que en nós atopen acollida inmigrantes e refuxiados, por quen tamén se entregou o Noso Señor; que sexamos comunidade que contribúa a superar os obstáculos á fraternidade, persoais e sociais. Deus busca unir a toda a humanidade como a unha soa familia, na que o egoísmo non constrúa fronteiras nin afonde divisións, opostas ao Amor de Quen morreu para reunir ao pobo de Deus disperso.
“Cando miramos amorosamente e adoramos ao Santísimo Sacramento, cando nos alimentamos da Eucaristía, faise posible o milagre de realizar as tarefas da vida con caridade verdadeira, deixando atrás egoísmos e exclusións; faise posible abrir o corazón ao próximo, recibir ao que vén de lonxe, superar conflitos, tecer de novo os lazos da reconciliación e da unidade, nas familias e na sociedade.
Finalizou: “Hoxe celebramos solemnemente que El está connosco para sempre, todos os días ata o fin do mundo. Renovemos a nosa confianza no seu Amor e loemos sempre ao que pode facer de cada un de nós instrumento de paz e de ben. Feliz festa de Corpus Christi!”