Queridos irmáns,
O vindeiro domingo 23 de xuño celebraremos de novo cheos de alegría a gran festa do Corpus Christi. Neste día expresaremos publicamente o íntimo da nosa fe en Xesucristo, a quen recibimos de corazón como verdadeiro Señor, de quen aceptamos a comuñón do seu Corpo e do seu Sangue, cuxa vitoria alcanzada na cruz e a resurrección dura para sempre. E, ao mesmo tempo, honrando a Xesús Sacramentado, lembraremos que a caridade é o principio e o camiño dunha vida plenamente humana; pois vémola realizada en El, que se entregou por nós, e participamos dela, entrando en comuñón con El e deixándonos conducir polo seu Espírito de amor.
O día de Corpus é o día da Caridade, que encheu o Corazón do Señor e ha de encher o noso, e renovar o mundo. Non poderiamos profesar a nosa fe no misterio da Eucaristía, dar testemuño solemne dela na festa do Corpus, e non recoñecer a Xesús presente no irmán e no pobre. Celebramos este día o misterio da caridade máis real, contemplámola no Santísimo e alimentamos con ela a nosa vida; non podemos contradicila, negala ante o irmán necesitado.
Tamén cando este ano, o domingo da oitava de Corpus, se festexe na nosa Catedral o 350 aniversario da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, estaremos celebrando este misterio de Caridade, a realidade deste Amor perenne, da Comuñón ofrecida como fundamento do noso existir, dos nosos valores máis íntimos, da nosa esperanza nesta terra. Proclamaremos a nosa certeza dunha vida sen medo á morte, que atravesa os séculos vencedora da mentira e a inxustiza; que nos fai esperar polos nosos seres queridos, polos nosos irmáns, non só 350 anos, senón por toda a eternidade.
O culto eucarístico sustentou desde sempre a vida das nosas parroquias e pobos, e constituíu como un lugar, unha escola de caridade, de convivencia e de cercanía fraterna. Ante a Eucaristía sabemos que somos coñecidos, que somos amados polo Señor, e que temos todos unha misión no mundo que só se cumpre na caridade. Xesús Sacramentado chama constantemente a cada un para desenvolver e poñer en acción os seus talentos, a non paralizar a caridade, dándolle forma segundo esixa a realidade da vida.
Con ocasión do aniversario da Ofrenda e contemplando así tamén o inevitable paso do tempo, quixera lembrar en particular nesta festa de Corpus aos anciáns e a todos aqueles que están enfermos – no corpo e na alma–, aos que senten con maior urxencia a necesidade de esperanza. En efecto, “a todos e a cada un diríxese o chamamento do Señor: tamén os enfermos son enviados como obreiros a súa viña. O peso que oprime os membros do corpo e menoscaba a serenidade da alma, lonxe de retraelos do traballar na viña, chámaos para vivir a súa vocación humana e cristiá e a participar no crecemento do Reino de Deus con novas modalidades, mesmo máis valiosas” (San Xoán Paulo II, ChL 53).
Para a fe verdadeira ningunha vida é insignificante, como indica a campaña de Cáritas dicindo a cada un: “Pon en marcha o teu compromiso para mellorar o mundo”. Cáritas, que é a Igrexa no seu servizo de diaconía, lémbranos que temos unha misión encomendada polo Señor, que será un ben para os nosos irmáns, a nosa sociedade e a “casa común” en que vivimos, e que todos somos necesarios.
A celebración do Corpus Christi, que nos axuda a manter viva a memoria do Amor do Señor, a gardar a fe e a esperanza no seu Nome, ensínanos ao mesmo tempo a recoñecer o valor único de cada persoa humana, feita a imaxe e semellanza de Deus, a non desprezar a ningunha, a tratala con maior amor canto máis necesitada se atope.
Contemplemos ao Santísimo estes días non só no bulicio da festa, senón tamén no silencio do corazón. Deste xeito aprenderemos a escoitar a palabra do Señor e a voz dos irmáns, poderemos adoralo a El e buscar o mellor modo de amar ao próximo.
Que a celebración e a solemne procesión deste ano sexa ante todo unha acción de grazas a Deus polo don inmenso do Corpo do seu Fillo, por Xesús Sacramentado. Pidámoslle que renove a nosa fe, que dirixa o noso corazón na súa caridade; e encomendémoslle con confianza o ben dos nosos seres queridos e do noso pobo.
Que este día de Corpus o Señor bendiga a cada un, ás nosas casas e familias!
Feliz festa de Corpus Christi!
+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo
Gústame esto:
Gústame Cargando...