Corpus Christi, día da caridade: O amor que libera e salva

Relendo a Miguel de Unamuno atopeime con esta cita que enche de contido e de sentido de transcendencia o amor humano:

 Obra de modo que merezas ao teu propio xuízo e a xuízo dos demais a eternidade, que che fagas insubstituíble, que non merezas morrer. Ou talvez obra así: obra coma se houbeses de morrer mañá, pero para sobrevivir e eternizarte.

A regra de ouro (“Todo o que queirades que faga a xente con vós, facédeo vós con ela”) coñécese en moitas culturas como norma de vida boa. Máis forza ten aínda o mandamento do amor no Antigo Testamento: “Amarás ao teu próximo como a ti mesmo” (Lev 19,18). Xesucristo enriquece este mandamento do Amor mutuo e da “cáritas” fundamentándoo en si mesmo e na entrega da súa vida dun modo sacrificial: “Como eu vos amei, amádevos tamén uns a outros” (Xn 13, 34). Este amor diríxese por igual á comunidade e á persoa: cada un de nós é unha persoa amada por Deus e está destinado ao amor aos demais.

Pablo VI, Xoán Paulo II e o Papa Francisco, así como os documentos máis significativos da doutrina social da Igrexa, lembran, con firmeza, que o amor de Deus é o amor máis grande, o primeiro, do cal procedemos e o comezo dunha “civilización do amor” á que todos os seres humanos debemos contribuír.

Moi recentemente, nun artigo titulado “Os pobres e nós”, Juan Manuel de Prada escribía que a soidade indesexada non fai senón estenderse entre a poboación, que a quebra dos vínculos comunitarios tórnase cada vez máis evidente e engade:

 E é normal que así suceda, porque alá onde non existe conciencia dunha paternidade común é moi difícil que a xente considere ao próximo (sobre todo se é un próximo que cheira que apesta) como un irmán.

De aí a necesidade de recuperar a Deus na sociedade como fundamento dunha vida boa, de revalorizar os dez mandamentos como normas imperecedoiras da lei natural e como pedra angular dunha sociedade feliz. O gran teólogo e médico misioneiro A. Schweitzer (1875-1965) chegou a afirmar a este respecto:

Do que non deixo de asombrarme é que no mundo haxa máis de trinta millóns de leis para cumprir os dez mandamentos”.

Hoxe é Corpus Christi. Celebralo significa lembrar que somos fillos de Deus convocados á fraternidade e á paz. Participemos nas celebracións que organiza a Diocese de Lugo na Praza de Santa María e na Catedral coa finalidade de agradecer a Deus o don da Eucaristía (Eucaristía e caridade son inseparables) e de educar ás futuras xeracións xa que a caridade non é soamente un sentimento senón unha virtude que hai que educar e adestrar. Volverse máis xusto, máis pacífico, máis resolto, máis valente, máis cheo de caridade é un reto para calquera cidadán e para todos os cristiáns. As actividades que con tanto esforzo organízanse estes días na cidade serán tamén un estímulo para realizar estes obxectivos: a beleza, a música e a arte, o X festival internacional de música de órgano na catedral de Lugo, o pregón da caridade con todas as actividades organizadas con motivo deste día, a inauguración da nova sede de Cáritas, as exposicións organizadas polo Museo Diocesano (copóns e píxides, hemeroteca, actividades de interpretación do patrimonio relativo ao Corpus), a Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento, etc, converten a nosa CIDADE DO SACRAMENTO, estes días, nunha gran festa. San Agostiño chegou a afirmar que a aqueles que aman a Deus, El fainos bos e converte os seus erros en bondade e ben. Releo nun antigo exemplar de El Progreso: “Extraordinaria brillantez revestiron os actos do Corpus en Lugo”. Oxalá podamos reescribir hoxe este titular.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Corpus Christi

O domingo 2 de xuño celébrase a solemnidade de Corpus Christi. Na praza de Santa María, en Lugo, ás 11 h  ten lugar a Eucaristía de Corpus, presidida polo bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco.

Acompañarán a celebración o Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e o Coro do Hospital.

Ao finalizar terá lugar a procesión polas rúas da cidade.

Actuará antes, durante e ao finalizar a procesión o grupo de música tradicional Os Xílgaros de Lugo, dirixido por Óscar Pérez.

Celebración do Corpus Christi na cidade de Lugo

O domingo 11 de xuño ás 11 h na Praza de Santa María (no caso de mal tempo será na Catedral) celébrase a Eucaristía de Corpus presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco. Acompañarán a celebración o Orfeón Lucense, a Banda Filharmónica de Lugo e o Coro do Hospital. Interpretarase a obra do sacerdote e músico José Castiñeira, Misa Solemne a 5-6 voces, con arranxos de Uxío Domínguez. A continuación haberá unha procesión polas rúas da cidade. Actuarán antes, durante e ao finalizar a procesión o grupo “Os Xílgaros de Lugo”, dirixido por Óscar Pérez.

Convídase aos fieis de Lugo a participar nos devanditos actos, a realizar unha ofrenda floral ao Santísimo pola parte exterior da Catedral e a entrar na Basílica para loar ao Santísimo. Os fieis que participen na Eucaristía poden depositar flores antes das 11 h nas escaleiras da praza de Santa María diante do altar.

Arde Lucus et Corpus Christi

Celebración do Corpus Christi en Lugo o 19 de xuño de 2022

Hai pouco celebramos o Arde Lucus. Elegantes caracterizacións de romanos. Provectos senadores. Orgullosos e elegantes castrexos. Gladiadores. Sumisos escolares baixo os máis variados lábaros cristianizados. Ritos equívocos como bautizos, bendicións, lumes sacros… Lucus baixo a aguia imperial, aurigas e tropas, campamentos e templos, ofrendas e deuses. E os heroes lendarios do Medulio convertidos en resignados e mansos veciños.

Até aquí o lúdico, a simulación. A lembranza. Até aquí a historia, o legado que agradecer. A Roma máis fecunda e autora dunha cultura.

Agora chega a festa, o encontro humano, a fe. Aquilo é externo, tumultuoso. O que chega é vivencial, profundo. Son raíces con froitos de eternidade. É historia viva, presente e creadora do Lugo máis actual. Celebramos a festa máis antiga e significativa da Cidade do Sacramento: Corpus Christi.

Despois de dous anos longos, nos que estivemos illados por horas interminables, a nosa alma pide a berros, de novo, encontros con corazón. E Xesucristo na Eucaristía agarda ese encontro do que o ama e cre. Espera encontros con cada lucense. Imos ao seu encontro.

A Praza de Santa María, cal vasilla nutricia, acolleu este domingo, ás 11, a Eucaristía. Resoa “Cantemos ao amor dos amores, Deus está aquí”.

É o amor expansivo. O Corpo que se dá en Caridade a todos. Como diría Madre Teresa de Calcuta, “Aquí Xesús está en forma de pan. Pero no mundo da miseria, nos corpos feridos, nos nenos e abandonados é onde tamén o vemos e tocamos”.

Día de Cáritas. Proposta pola fraternidade na que ofrecemos o noso compromiso humano e cristián. A festa do Corpus Christi non contabiliza aos miles de visitantes á nosa cidade, nin aos cuantiosos beneficios económicos que reporta. Convídanos a soñar a grandeza profunda da fe que comporta alimentar o lume do forno interior no que se acende e nutre a caridade. Esíxenos achegarnos aos pobres e oprimidos, a defender a dignidade de toda persoa. “Felices os cristiáns aos que a fe lles sae polas obras como sae dos pulmóns a respiración” (Martín Descalzo). Si, felices os que enchen a súa vida da sabedoría do amor, da caridade.

Este Corpus queremos apostar por construír as nosas vidas sobre as columnas do amor, a xustiza, a paz, a sinxeleza, a fe. Actitudes que non recortan a vida, senón que a multiplican. Non a recortan, fecúndana. Porque “os verdadeiros infelices son os que pasan a vida dicindo eu e sempre eu” (Follerau).

Arde Lucus dá a man ao Corpus Christi. Escribiu María Rosa de la Vega Araujo:

Dios y Lucus en pacto inmemoriado

Pan Eterno en las mieses de su Historia,

del misterio blasón y ejecutoria,

ostensorio de Amor privilegiado,

Hoy el Corpus celebra emocionado

-con la humildad del polvo y de la escoria

vestida de luceros, sol y gloria-

el pueblo que en Viril has transformado…

Daniel García

Párroco de Albeiros e cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Celebración do Corpus en Lugo

O domingo 19 de xuño na praza de Santa María, de Lugo, celebrouse a Eucaristía da solemnidade de Corpus Christi. Presidiu a celebración Mons. Alfonso Carrasco, que na homilía sinalou:

Queremos que a fe na presenza do Señor nos sosteña no camiño da vida, a fe no seu amor, na súa bondade”

[…]

“Que o Pan consagrado sexa para nós signo de que en todas as cousas que fagamos haxa dentro unha verdade profunda da nosa vida e do noso corazón. Que cando deamos, deamos o que de verdade somos, poidamos ter a liberdade de dar con amor e de construír con amor e facer así o camiño da nosa vida”

A %d blogueros les gusta esto: