Xubileu no Corpiño dos profesionais de servizo ao cidadán

O santuario da Benaventurada Virxe do Corpiño acolle o Xubileu dos profesionais de servizo ao cidadán.

A programación é a seguinte:

– Ás 11:00 h, Saída cara á igrexa parroquial de San Pedro de Losón para realizar desde alí ata o Santuario o Camiño dos pastorciños, os que o desexen (1km de distancia)

– Ás 11:35 h, coincidindo coa chegada dos peregrinos que realizan o Camiño dos pastorciños, o Rector do Santuario impartirá a Bendición a todos os Peregrinos e devotos na Carballeira do Santuario

– Ás 11:40 h, comezo da Peregrinación cara á Porta Santa (100 m)

– Ás 11:50 h, chegada á Porta Santa e entrada ao Santuario.

– Ás 12:00 h, Eucaristía por todas as persoas que desempeñan un labor profesional relacionado coa atención ao cidadán: bombeiros, empregados públicos, traballadores sociais…

Xubileu dos traballadores do mar no Corpiño

 O domingo 24 de setembro, no Corpiño celebrouse o Xubileu dos traballadores do mar, o cal contou cunha gran afluencia de fieis.

Na Carballeira do Santuario comezouse ás 11:40 coa Bendición a todos os peregrinos por parte do reitor do Santuario, José Criado Sánchez. Na  carballeira reuníronse co grupo de voluntarios e devotos que chegaban de realizar o Camiño dos pastorciños incluíndo peregrinos vindos de Girona. Seguidamente realizouse a Procesión cara á Porta do Ano Santo.

Ás 12 h tivo lugar a Eucaristía por todas as persoas relacionadas co mar e vítimas de naufraxios. Ao finalizar a celebración produciuse a Bendición de todos os profesionais do mar e dos utensilios de traballo que portaron e houbo unha oración especial pedindo a súa protección e a das súas familias.

Xubileu das Familias no Corpiño

O Xubileu das Familias celébrase o domingo 27 de agosto, cun sentido marcado de peregrinación. Serán varios centenares os peregrinos que chegarán nesta terceira peregrinación a pé desde as igrexas parroquiais de Lalín, Silleda e Vila de Cruces. As peregrinacións comezarán nas respectivas parroquias coa Bendición dos Peregrinos por parte dos seus párrocos e teñen prevista a súa chegada a partir das 11h. ao Santuario da Benaventurada Virxe María do Corpiño.

 

HORARIOS

SAÍDA DAS PEREGRINACIÓNS

8h. desde a igrexa parroquial de Lalín

9h. desde as igrexas parroquiais de Silleda e Vila de Cruces.

 

NO SANTUARIO

11,40h. na Carballeira do Santuario, o Rector do Santuario imparte bendición a todos os peregrinos.

11,45h. desde a Carballeira de Santuario, procesión ata a Porta do Ano Santo.

11,50h. Oración ante a Porta do Ano Santo e entrada ao Santuario pola mesma.

12,00h. Solemne celebración da Santa Misa, presidida por Mario Vázquez Carballo, Vicario Xeral da Diocese de Lugo. A celebración estará cantada polo Coro do Santuario de Nosa Sra. do Corpiño. Trala Eucaristía, hai un bicamans á imaxe da Virxe.

Recoméndase aos devotos que vaian en coche que cheguen antes das 11,30h. co fin de facilitar a mobilidade dentro do recinto do Santuario.

Xubileu das Persoas Maiores e Emigrantes no Corpiño

Bendición de peregrinos chegados ao Corpiño o 20 de agosto

 

O domingo 20 de agosto déronse cita máis de dous mil peregrinos no Santuario da Benaventurada Virxe María do Corpiño con ocasión da celebración do Xubileu das Persoas Maiores e Emigrantes.
A celebración comezaba cun nutrido grupo de peregrinos que, acompañados polos voluntarios do Santuario, foron ata a Parroquia de San Pedro de Losón para facer o “Camiño dos Pastorciños” rezando o Rosario, en recordo da primeira das peregrinacións que no século XII viña ata a ermida do Corpiño ante a noticia de que se estaba aparecendo a Virxe María, podendo ver á Virxe aquel día todo o pobo.
Ao chegar á carballeira do Santuario, o Rector do Santuario acompañado dos peregrinos que xa estaban no Santuario recibiu á peregrinación e deulles a Bendición dos Peregrinos. Posteriormente, entraron en procesión pola Porta do Ano Santo.
A celebración da Santa Misa estivo presidida por Andrés Ramos Castro, sacerdote lalinense e Secretario Xeral da Provincia Eclesiástica de Madrid e Director de Pastoral e Voluntariado de San Pablo CEU e Capelán das 18 Asociacións de Galegos de Madrid. Nesta celebración fíxose mención ao encontro de todos os emigrantes que chegaron e que un día saíron de Lalín, especialmente do encontro de todos coa Virxe do Corpiño, que é nai de todos. Tamén se tiveron moi presentes ás persoas maiores que hoxe en día son un gran apoio para as familias máis novas.
A Santa Misa estivo cantada polo Coro do Santuario Virxe do Corpiño, e tamén concorreu a Banda de Música de Vilatuxe, que ofreceu un magnífico concerto na ?carballeira do Santuario unha vez finalizada a Santa Misa.
A celebración da Sta. Misa da tarde, unha vez recibidos os peregrinos do “Camiño dos Pastorciños”, estivo presidida por Adrián Sanabria Mejido, Vicario Episcopal para a Nova Evanxelización da Diocese de Sevilla.

Apertura da Porta Santa no Corpiño

Numerosos fieis acudiron o 25 de xullo ao Corpiño para participar na cerimonia de apertura da Porta Santa do santuario de Lalín.

A imaxe titular do Santuario unicamente sae en procesión os días da súa Romaría. Pero ante unha ocasión tan especial, a imaxe da Virxe saíu do seu retablo para acompañar aos fieis presentes. A procesión chegou ata á denominada Porta de San Pedro, nun lateral da igrexa. Varias horas estivera traballándose para deixar lista a Porta:  tanto as columnas existentes a ámbolos dous lados como o espacio superior á Porta cubríronse cunha tea e puxéronse lazos.

O reitor de Santuario, José Criado, procedeu á apertura da Porta Santa e entrou na igrexa pasando por baixo da imaxe da Virxe, pedindo así a súa protección. A continuación traspasaron a Porta unha quincena de sacerdotes, autoridades civís e os centos de persoas que acudiran ao acto.

Finalmente, tivo lugar unha solemne Eucaristía de Acción de Grazas.

A %d blogueros les gusta esto: