Cando comezou o ano creo que ningún eramos conscientes da revolución que ía supor o coronavirus para a nosa vida. Parecíanos algo afastado -no tempo e o espazo- e alleo ás nosas persoas.
Creo que vai ser unha ocasión de ouro para vivir a Coresma. Si, todo ten o seu punto positivo. Pasamos da queixa máis común do noso día a día -non teño tempo- a poder compartir quince días coas nosas familias, amigos, compañeiros ou con quen sexa que fagamos o confinamento. De súpeto vimos como o noso tempo detíñase e que aquilo máis esencial para nós podería ocupar todo o noso tempo. É, en definitiva, o que sucede na Coresma: Deus quere ser o protagonista do noso corazón neste tempo. Xa non pode haber queixas de que nos falta tempo! Podemos orar, ler o Evanxeo diario ou algunha lectura espiritual, rezar o rosario en familia (unha tradición tan común e preciosa no noso país hai unhas décadas), etc.
Priváronnos da comuñón! Pero creo que nos vai levar a valorala e a desexala, a descubrir o que significa que nas misións estean un mes sen celebrarlles a Misa e que privilexio temos nós de poder actualizar o memorial do Sacrificio do Señor. Aínda que xa non é algo tan afastado porque me sucede que eu vou a cada parroquia unha vez ao mes a celebrar a Misa, salvo na principal. Aprender a dar grazas pola Eucaristía e polos sacerdotes.
Pero a nós tamén nos doe celebrar a Misa “sós” (porque sós nunca estamos). Por iso rezamos por cada un de vós, polas vosas familias, polos enfermos, e damos grazas a Deus por todo o persoal sanitario, os transportistas, os que traballan en supermercados, restaurantes, gasolineiras, forzas e corpos de seguridade, e calquera outro tipo de servizo que hoxe se brinda ao noso país neste momento. E imos aproveitar todos os medios de comunicación social para transmitir online a Santa Misa ou unha adoración do Santísimo Sacramento.
E ai, a Semana Santa! Serviranos para unirnos máis á Paixón do Señor. Supoño que será en grao sumo estraño cando nos atopemos só os sacerdotes para celebrar os distintos oficios. Pero viviremos nós tamén o gozo de poder celebrar a Eucaristía, unirémonos ao sufrimento do Señor en Xetsemaní, deixarémonos tocar polo silencio do Calvario e con esperanza camiñaremos no medio da noite guiados pola Luz pascual, sabendo que a Resurrección de Cristo marcará o fin deste tempo.
Certamente paréceme que Deus quixo pór ante nós un símil moi fermoso. Do mesmo xeito que o tempo de Coresma está marcado pola penitencia, a oración e o xaxún que dispoñen o noso corazón para os Misterios da vida de Xesús que imos celebrar, así tamén a Pascua irrompe no medio da noite para encher as nosas vidas coa Luz que iluminará os nosos pasos e depositará no corazón a Paz que nace da Resurrección. Porque é a certeza da nosa vida: Cristo resucitou e vive por amor a nós. E deste xeito, pasaremos do confinamento que o coronavirus nos está ofrecendo, levándonos a vivir unha insospeitada penitencia, oración e xaxún, para que podamos logo estalar de gozo coa Pascua da Resurrección, onde Cristo dá luz ás nosas tristezas e convérteas en verdadeiras alegrías.