Na súa mensaxe coresmal, o Papa Francisco lémbranos que todo tempo é tempo de graza, de actuar, e de dar o mellor de nós mesmos; e xusto a Coresma, axúdanos neste propósito mediante a oración, a austeridade, e as celebracións propias deste tempo litúrxico. E axúdanos propiciando o saír das nosas obstinacións, das nosas vertixes, e axudándonos a retomar camiños de verdadeira liberdade e que nos fan máis autenticamente humanos.
Así como o Advento mira ao Nadal e predispón para acoller e celebrar ao Neno Deus, a Deus connosco, o tempo litúrxico de Coresma predispón para celebrar, con fondura espiritual e enriquecemento que nos humaniza, os misterios da paixón, morte e resurrección do Señor.
E nun mundo no que tan bombardeados somos con constantes ruídos de toda índole, nunha constante vertixe, cando non nunha perigosa despersonalización, mediante poderosísimas ferramentas de comunicación con capacidade de invadir a nosa vida persoal, familiar, de relación… que ben nos veñen momentos de oración, de calma interior, de austeridade, de xaxún…, a exemplo do Señor no deserto.
E para isto, que é bo en todo tempo, temos a oportunidade de vivilo con máis intensidade, e de celebralo, durante este novo tempo de graza, que é a Coresma.
Coresma que comezaremos o mércores, día 14 co significativo rito da imposición da cinza, e que concluiremos o 24 de marzo co Domingo de Ramos, portal da Semana Santa.
Que ben nos fai, que ben facemos, abrindo a nosa vida á luz, á graza, á paz interior e á esperanza que nos regala o Señor mediante a celebración dos seus misterios de redención, de salvación, de liberación, e acompañándoo no deserto coresmal de oración, de austeridade e de penitencia.
Non perdamos esta nova oportunidade de graza coresmal.
Parroquia do Bo Pastor (Lugo)
Gústame esto:
Gústame Cargando...