Hai moitos artigos que falan do verán como un tempo “perigoso” para as parellas, que quizais remate en separación en setembro. Normalmente poñen o acento na intensidade da convivencia. É frecuente obviar ás persoas que contan que o verán é un tempo de traballo duro, por exemplo, no sector da hostalería, no que case non se ven e o tempo que están xuntas están esgotadas. Para estas persoas tampouco vai este artigo, pero teño un compromiso con elas para escribir sobre os traballos explotados e a vida en parella.
O tema de hoxe é descubrir as potencialidades deste tempo de verán, de cambio de ritmo, de plans que protexen ás persoas e á parella. Se estamos traballando cunha parella, pode suceder que o tempo xuntos sexa máis reducido ao longo do curso e haxa menos variabilidade de actividades. O día a día está marcado por horarios, rutinas, casa, obrigas etc. menos flexibles. O verán ten días máis longos e con bo tempo poden facerse máis cousas na natureza, fóra da casa. Algunhas ideas para favorecer o encontro e a conexión no tempo do verán:
– Facer plans de descanso, natureza, de cambio de actividade, aprendizaxes novas, lecturas, viaxes etc. nas que haxa tamén tempos persoais cos que logo podemos enriquecer o tempo compartido. Ter cousas que contarnos alimenta a vida en común. Aprender doutras persoas e contextos é positivo para a parella.
– Convivir con outras persoas. Se estamos en familia cos nenos, compartir espazos con outras familias. Buscar momentos para compartir con outras persoas e parellas amigas. Aproveitar para facer visitas a persoas que normalmente non vemos e que queremos. Facer cousas polos demáis.
– Promover espazos de diálogo, encontro, afectividade, para “actualizarnos”. Si, as persoas cambiamos, a nosa parella e nós mesmos imos cambiando. Que novos intereses ten o o outro? Como cambian os seus desexos?
Cultivar a admiración. Recoñecer, valorar, amar, facer medrar as cualidades do outro. Poñer a mirada nas capacidades e competencias, sen negar as dificultades, axuda a crear un espazo común de crecemento.
– No límite tamén está o amor. Ás veces necesitamos poñer límites, amar ao outro como lle fai ben, non como é máis doado ou como a mín me gustaría. Non. Como necesita o outro. O límite tamén é necesario na parella. Un exemplo: poñer límite ao alcohol se a miña parella abusa del. Dicir “ata aquí”. Facer plans que teñan en conta as dificultades.
Quizais hai conflitos que acontecen por non ter un plan saudable, “seguro” para a parella, no que cultivemos algunhas cousas importantes. Ás veces coñecemos parellas que contan que se ven “atrapadas” en plans de consumo, sen alicientes, que se converten noutra rutina; ou con persoas que interfiren na vida da parella e non respectan ese espazo necesario. Os plans ben pensados en común poden axudarnos a disfrutalos máis. Nunha relación o verán, o cambio de ritmo, pode ser un tempo marabilloso.
Cristina Bandín
Psicóloga no COF Diocesano
Imaxe: cathopic