Cada día un novo comezo feito de Confianza

Para recomenzar cada día de novo,

pon a túa Confianza no Espírito Santo.

El habita no teu corazón.

Non te apoies soamente na túa propia fe.

Apóiate nos que che precederon e

nos que hoxe che acompañan.

(CC. 1983 – Irmán Roger de Taizé)

 

A presenza do Espírito fai que nos consideremos amados e, cando alguén nos revela o valor da nosa vida, podemos saír dos muros que nos protexen e comezar a vivir.

Para El non somos anónimos, somos “alguén”. Ámanos como a “únicos”, é a nosa Fonte de Confianza. Desde El poderemos «nacer de novo cada día».

Temos que achegarnos cada día ao noso interior e contarlle toda a nosa verdade, baixar até o último recuncho da nosa vida e presentarnos ante El tal como estamos, non temos que esconderlle nada.

Abrirnos á súa presenza e ser vivificados por El fainos posible comezar a cambiar. Sentirnos necesitados cada día de entrar nunha relación viva con El; sen esa relación non hai vida.

Iremos así descubrindo a importancia da Fe-confianza para experimentar a Vida e percibir a   Presenza liberadora de Deus na nosa vida. Sen Fe e sen Confianza nel non hai liberación profunda nin vida en nós. Xesús convídanos a vivir sempre na Confianza, mesmo nas dificultades. El sácanos do queixume e das tristezas e fainos recuperar a esperanza: devólvenos o gozo da vida.

Veu a darnos vida a través dunha relación persoal con cada un de nós!

Todos estamos, dalgún modo, feridos pola ausencia de relación. Podemos quedar atrapados na tristeza, na violencia e mesmo no odio, pero Xesús vén até nós, tómanos da man e dinos, como á filla de Xairo: “Dígocho a ti, érguete”. Ese “Dígocho a ti” expresa a relación persoal na que somos devoltos á vida.

Que cada día novo volvámonos a El para dicirlle:

Ti, Xesús Resucitado, viñeches para sanar o que está enfermo de nós, para salvar a quen se ve deprimido e para devolver a dignidade a quen a perdeu, dános a forza da túa Vida e ábrenos a un futuro de esperanza e de alegría. E, así será un…

Bo verán para todos!

Parroquia do Bo Pastor

[Artigo orixinal]

 

A %d blogueros les gusta esto: