Xornada Mundial das Comunicacións Sociais

O domingo 16 de maio, Solemnidade da Ascensión do Señor, celébrase a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. Na Mensaxe escrita para a ocasión, o Papa Francisco inspírase na invitación de Xesús aos discípulos “Vide e veredes” (Xn 1,46), e insiste en «comunicar atopando ás persoas onde están e como son».

O Papa advirte que se corre o risco de contar a pandemia, do mesmo xeito que todas as crises, «só cos ollos do mundo máis rico», de levar unha «dobre contabilidade». O pontífice advirte do risco dunha información sempre igual, exhortando a ir «onde ninguén vai». Anima a porse en marcha con paixón e curiosidade, de saír «da cómoda presunción do xa coñecido».

[Subsidio litúrxico]

A realidade presencial e virtual

Xa sabemos como está o do coronavirus. Vai facer un ano e xa ninguén se aventura a pór unha data na que poidamos vivir con certa tranquilidade. O que pensamos que ía ser cousa de quince días vemos como se prolonga máis e máis.

Todo isto fixo que tivésemos que migrar moitas cousas da vida ordinaria das parroquias á realidade virtual. Moitas desas cousas quedarán xa para sempre.

Algúns me din de broma (ou en serio) que agora xa se pode facer todo por internet e que xa non se necesita ter estruturas físicas, como as dun templo ou un salón parroquial.

Imos ver. Hai cousas que se poden facer por internet igual ou mellor que de forma presencial, como poden ser unhas sesións de formación ou encontros de reflexión. Pero hai outras, como é a celebración da Eucaristía que é só unha cura de urxencia, pero nada máis. Asistir só a misa por internet ou televisión, fóra dos enfermos e impedidos, é como pretender alimentar o noso corpo vendo programas de cociña nos medios de comunicación.

Comulgar é comer o corpo de Cristo cando se está en comuñón con Deus (estar en graza de Deus) e con todos os cristiáns. Comer é comer, non ver a comida nunha pantalla nin tampouco vela no prato e despois non comela, que é o que fai moita xente que vén a misa. Por iso, tampouco ten moito sentido celebrar a misa nunha comunidade na que non comulga ninguén, cousa que pasa moito ultimamente, sobre todo nos funerais.

En calquera caso, o que si podemos facer durante todo este tempo, que se prognostica longo, é aproveitar todos estes encontros virtuais, pero reais, que se nos ofrecen de xeitoo abundante. Son, sen dúbida, unha ocasión moi boa para formarnos na fe e atoparnos con outros cristiáns que buscan o mesmo ca nós en calquera lugar do mundo. Despois, cando todo isto pase se Deus quere, xa teremos ocasión de atoparnos de forma presencial, a poder ser, xa máis formados e cunha fe máis adulta.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Xornada Mundial das Comunicacións Sociais

Esta Xornada celébrase o vindeiro domingo 24 de maio co lema ”Para que poidas contar e gravar na memoria (Ex 10,2). A vida faise historia”.

Na mensaxe dos bispos da Comisión Episcopal de Comunicacións Sociais da Conferencia Episcopal Española pídese aos comunicadores que sexan “portadores da verdade e a esperanza en todo aquilo que facedes e comunicades, para que as vosas noticias e programas alcancen o corazón da cidadanía dolorida”.

[Materiais da Xornada]

Xornada das Comunicacións Sociais: “Fake news” e xornalismo de paz

O domingo 13 de maio, celébrase a LII Xornada Mundial das Comunicacións Sociais baixo o lema, “«A verdade faravos libres» (Xn 8, 32). Fake news e xornalismo de paz”.

Inspirándose nunha oración franciscana, o Papa propón que nos dirixamos á Verdade en persoa da seguinte maneira:

Señor, fainos instrumentos da túa paz.

Fainos recoñecer o mal que se insinúa nunha comunicación que non crea comuñón.

Fainos capaces de quitar o veleno dos nosos xuízos.

Axúdanos a falar dos outros como de irmáns e irmás.

Ti es fiel e digno de confianza; fai que as nosas palabras sexan sementes de ben para o mundo:

onde hai ruído, fai que practiquemos a escoita;

onde hai confusión, fai que inspiremos harmonía;

onde hai ambigüidade, fai que levemos claridade;

onde hai exclusión, fai que levemos o compartir;

onde hai sensacionalismo, fai que usemos a sobriedade;

onde hai superficialidade, fai que haxa interrogantes verdadeiros;

onde hai prejuicio, fai que inspiremos confianza;

onde hai agresividade, fai que levemos respecto;

onde hai falsidade, fai que levemos verdade.

Amén.

Francisco

A presenza de Deus no mundo das comunicacións sociais

Comunicacións sociais -

Hai uns días quixen chamar a atención sobre a utilización do nome de Deus na modernidade. Un tempo que descobre como un dos vectores determinantes unha praxe social que busca a liberdade, o pan e a xustiza para todos os seres humanos, debe atopar tamén aí, de forma privilexiada, a presenza de Deus. Presente na creación, en moitos signos emanados da realidade externa que nos rodea e no máis íntimo da interioridade humana, Deus ten o seu santuario irradiante na acción da historia que debemos aprender a divisar na súa presenza sustentadora. A teoloxía actual expresa magníficamente o renacer desta sensibilidade cando se refire á identidade entre o amor a Deus e ao próximo. Se “Deus é amor”, e o é, resulta obvio que a súa presenza, ás veces invisible, faise visible nas realidades da historia, alí onde o amor adquire a súa identidade, no amor interhumano. Se existe algunha institución con historia é a Igrexa. E esta non se entende sen Cristo e ao revés, acceder a Cristo á marxe da Igrexa non é o máis correcto e natural. Explicábao moi ben nunha publicación titulada Cristo si, Igrexa tamén, o actual presidente da Conferencia Episcopal Española, o Cardeal Ricardo Blázquez e San Xoán Paulo II que proclamaba aos catro ventos esta rotunda afirmación fronte ao slogan que pretende aínda impoñerse nalgúns ámbitos: “Cristo si; Igrexa non”.

Na solemnidade da Ascensión do Señor, a Igrexa celebra a Xornada Mundial das Comunicacións Cociais, e o lema escollido para este ano é “comunicación e misericordia, un encontro fecundo”. No ano 2016 cúmprense cincuenta anos de Xornadas para celebrar, recordar e animar a presenza de Deus, da Igrexa e dos cristiáns no mundo das comunicacións sociais. E sobre todo, o papel da comunicación na misión da Igrexa que consiste fundamentalmente no anuncio dunha Boa Noticia (ese é o significado de Evanxeo): Xesucristo é o Señor, o Deus que salva na súa misericordia infinita.

Xunto á presenza ignorada de Deus no mundo, no corazón mesmo da misión evanxelizadora da Igrexa está o anuncio dun Deus que se dignou achegarse tanto ao ser humano que se encarnou na historia para redimila. O contexto do Ano da Misericordia é o mellor ambiente para que a comunicación entre as persoas sexa eficaz e dea froito: achegarse ao corazón do outro desde a humildade e a sencillez, desde a escoita e a acollida. O Papa Francisco, con motivo desta Xornada afirma que “non é a tecnoloxía a que determina se a comunicación é auténtica ou non, senón o corazón do home e a súa capacidade para usar ben os medios á súa disposición. A contorna dixital é unha praza, un lugar de encontro, onde se pode acariñar ou ferir, ter unha proveitosa discusión ou un linchamento moral”. O Papa ten razón porque non se pode escribir ou emitir só en función do índice de audiencia, ou recorrer ao dereito indiscriminado de información sen ter en conta os demais dereitos da persoa. Non hai nada, que poida, por fascinante que sexa, escribirse, realizarse ou emitirse en prexuízo da verdade. Desgraciadamente, quizá sexa isto pedir demasiado a quen só conciben os medios para obter beneficios económicos sen consideracións morais, educativas ou culturais. Pero polo menos, é bo recordalo.

Mario Vázquez Carballo

A %d blogueros les gusta esto: