- Teoricamente o xuízo polo roubo do `Códice Calixtino’ comeza nesta semana. Digo teóricamente, porque para moitas persoas e algunhas institucións a sentenza xa está ditada. As esperanzas de que fose un proceso xudicial normal teñen pouca base na realidade. Destaco varios feitos que me chaman a atención:
- 1º. A TVG xa emitiu sentenza antes de que houbera xuízo. Esta afirmación está xustificada porque os pasados días 23 e 30 de Nadal emitiu os dous capítulos dunha serie de produción propia sobre o roubo do `Códice Calixtino’, e ante este feito un pregúntase dende o sentido común: onde queda a presunción de inocencia? como queda a tutela xudicial efectiva das diversas partes involucradas no proceso? ¿onde queda o dereito a un xuízo xusto? estase respectando o que é un estado de dereito? Todo isto agrávase ademais polo feito de que a TVG é unha institución pública e que, por tanto, ten que respectar a separación de poderes e igualmente os dereitos dos cidadáns.
- 2°-. Durante a instrución do sumario o xuíz instrutor publicou a novela, `La leyenda del santo oculto’, que foi presentada a finais de xaneiro de 2013, e os xornais reiteradamente a presentaron como vencellada ó sumario do `Códice Calixtino’. Isto parece soar a algo así como utilización do cargo público para o lucro privado, ou algo aínda menos aceptable… Evidentemente a promoción para que se vendan moitos exemplares da novela está feita, aínda que para min isto é motivo máis que suficiente para non mercar a antes citada novela, nin sequera lela por cuestións éticas ou, ó menos, estéticas.
- No mesmo xulgado sucedeu algo semellante coa novela, `Al infiemo se llega deprisa’, publicada en setembro de 2014, que os medios de comunicación relacionaron directamente coa instrucción do sumario de Asunta Basterra.
- 3º. Hai indicios de que no xuízo van a provocar moito o MORBOSO tanto para a sociedade coma para o Xurado Popular. As previsións apuntan a que vai haber insinuacións, e algo máis que insinuacións, anticlericais para que «embistan» os periodistas, o xurado e a sociedade.
- Para un observador deste proceso vai resultar curioso como se contan historietas ou pseudo-historietas elevadas á categoría de gran escándalo. Despois un pode observar como as mercan os programas televisivos na liña dos `reality shows’ ou telelixo, como as repiten continuamente e as van cambiando para que sexan aínda máis morbosas e escandalosas. Este proceso mirado como espectáculo e sen preocupación, pola xustiza ata pode ser curioso e divertido. Sen embargo facerse unha idea exacta do que sucedeu na realidade vai a ser un traballo penoso e difícil.
- A estas altura do proceso aínda queda a esperanza de que o xuíz e o fiscal actúen con profesionalidade buscando a xustiza, e senón aínda quedaría unha segunda oportunidade cos recursos ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
- Ata agora o proceso visto como espectáculo mediático-xurídico resultou entretido, pero sería desexable conseguir unha sentenza xusta.
- Antón Negro