Insensatos!

A insensatez é unha actitude e conduta moi negativa que aparece con frecuencia na Biblia e que o mesmo Xesucristo condena polas graves consecuencias que esta forma de ser ten para a existencia cotiá e para a praxe dunha vida espiritual con sentido cristián.

A traxedia de Valencia abre unha crise sen precedentes e convídanos a todos a pensar e a actuar en consecuencia máis aló das humanas necedades ou posibles insensibilidades. A Igrexa que peregrina en Lugo, sensible á dor e ao sufrimento dos seus irmáns, tamén quere acompañar, de diversos xeitos, a mitigar as necesidades de tantas persoas que sofren as consecuencias dunha das peores DINAS rexistradas en España.

A decisión de que a colecta do Día da Igrexa Diocesana, que se realiza tradicionalmente este domingo de novembro nas 1139 parroquias da Diocese, teña como destino os damnificados, esta cargada de sensatez e sentido común. A sociedade en xeral está a dar un valioso testemuño de entrega, caridade e solidariedade. Xesús de Nazaret coñecía moi ben a situación social que se viviu nos anos 30 do século primeiro. Mentres que en Tiberíades e outras cidades crecía a riqueza, nas aldeas contiguas aumentaba a fame e a miseria. O Evanxelista e médico Lucas, nun fermoso relato de contido relixioso e social (Lc 12, 13-21), revélanos o que Xesucristo pensa e sente daquela situación e doutras similares tan contrarias ao proxecto desexado por Deus dun mundo de xustiza e fraternidade para todos. Na citada parábola, o monólogo do rico descóbrenos o despropósito insensato dos poderosos deste mundo que soamente pensan en acaparar riquezas e enganan ao pobo con falsidades e mentiras que exclúen do seu horizonte aos necesitados. Por iso, o xuízo de Deus é rotundo: Insensatos!

A traxedia de Valencia, aínda que “natural”, debe facernos reflexionar sobre o coidado da casa común, a xusta distribución dos bens e a realización social de proxectos de vivendas e cidades de saudable convivencia que eviten absurdos sufrimentos. Despois de tantos séculos de historia, algúns insensatos descúlpanse con pensamentos inútiles para reafirmar as súas ideas pseudorreligiosas querendo facer crer que os bens e males deste mundo son premios e castigos de Deus. Así, fanse cómplices da maldade establecida sobre a xustiza que clama. Por outra banda, por escandaloso que sexa o tema do mal e do sufrimento dos inocentes, ese escándalo non pode utilizar falsamente o nome de Deus para xustificar o ben como premio ou o mal como castigo.

Desde aí, o tema de Deus está mal exposto e falsificado para sempre. Os confesantes da fe no Deus cristián poderán dicir que se fían del a pesar do mal. O Deus de Xesucristo encarnouse voluntariamente na historia e sufriu as inxustizas dos poderosos na cruz. Non é alleo ao sufrimento humano nin é un sádico desapiadado, nin moito menos a causa do mal. El, está tamén aí, levado polas augas torrenciais da existencia humana, acompañándonos solidariamente nas cruces de cada día para ofrecernos consolo na dor , esperanza na desesperación e salvación fronte a calquera modo de aniquilación. Mesmo pode ocultarse, e ocúltase ás veces, sen deixar de facerse presente en todo o verdadeiramente humano. Por iso, este Deus minor é o Deus semper maior.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: