Os veciños de Lugo poderán estudar o grao e o máster universitario en Ciencias Relixiosas case sen saír de casa. O Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (ISCCRR), pertencente á Universidade San Dámaso (UESD) ofrece un método semi-presencial dos seus estudos, outorgando unha gran flexibilidade ao estudante para que organice o seu propio horario e poida compaxinar a súa vida profesional, familiar e académica.
Grazas a esta modalidade de formación, o alumnado estuda desde casa seguindo un manual impreso e pode contactar co profesorado por teléfono, por email ou outro método telemático para recibir a axuda que necesite.
Estes estudos -que están recoñecidos pola Santa Sé e polo Estado español- divídense en dous ciclos de tres e dous anos respectivamente, co título eclesiástico de Bacharelato (para o primeiro ciclo) e Licenciatura (para o segundo) en Ciencias Relixiosas, equivalentes aos títulos civís de Grao e Máster.
Ao longo da carreira impártense materias que estudan a figura de Xesucristo (Cristoloxía), da Virxe María (Marioloxía), da Igrexa católica (Eclesioloxía) e outras moitas, como Historia da Igrexa, Historia da Filosofía, Biblia ou Liturxia. Profúndase na vida do cristián e a súa acción no mundo, do que se ocupa a Teoloxía Moral e a Doutrina Social da Igrexa.
Para coñecer mellor a sociedade do século XXI estúdanse tamén as relixións do mundo, as seitas, aspectos relacionados coa bioética e as ciencias da vida, e outras moitas cuestións.