Cando se trata o tema da investigación con CÉLULAS-NAI unha porcentaxe maioritaria da opinión pública parece ter claro que: a) A investigación con células nai embrionarias é un avance científico grandísimo que vai permitir curar moitas enfermidades. b) A Igrexa oponse á investigación con células nai e oponse, por tanto, ó avance da ciencia.
A) Sobre o primeiro tema hai que dicir que o gran avance científico non é a investigación con CÉLULAS NAI EMBRIONARIAS, senón o de conseguir reprogramar as células adultas ou maduras e convertelas en células inmaduras pluripotentes, é dicir, en CÉLULAS-NAI ADULTAS que poidan xerar calquera parte ou tecido do organismo humano ó igual que fan as células embrionarias. Esta é a razón pola que lles deron o Nobel de medicina ó británico John B. Gurdon e ó xaponés Shinya Yamanaka en 2012. “Reprogramando estas células humanas, os científicos crearon novas oportunidades para estudar enfermidades e desenvolver métodos de diagnóstico e terapia”, subliña a argumentación do premio.
Todos partimos dunha única célula, resultado de unir un óvulo cun espermatozoide. Esta única célula multiplícase xerando células inmaduras que teñen a capacidade de producir tódalas distintas células dun organismo, desde neuronas ata células dos ósos ou da pel. Estas células inmaduras chámanse células nai pluripotenciais. No pasado críase que a viaxe era nunha única dirección: de inmaduras a maduras. Os traballos de Gurdon e Yamanaka demostraron que a dirección oposta tamén era posible: as células adultas poden reprogramarse para converterse en células inmaduras pluripotenciais capaces de xerar células de calquera tecido.
O obxectivo non é explicar como uns poucos xenes (4) son suficientes para transformar as células adultas en células como as dun embrión ás que chaman “células nai pluripotentes inducidas”.
B) Que a Igrexa se opón á investigación con CÉLULAS NAI é unha gran mentira, pois a Igrexa non ten reparo ningún, en principio, coas células-nai adultas. Aínda que si sería problemático se os beneficios fosen só para os máis ricos, ou para unha etnia, etc. O mesmo pasa na investigación con células nai do cordón umbilical.
A Igrexa si se opón a converter os embrións en cobaias para a experimentación, pois cando comeza a vida embrionaria xa é un ser único, distinto e para sempre, como o seu ADN manifesta. Desde ese momento a evolución e a aprendizaxe son constantes, e iso non se interrompe no momento de nacer. De aí que os médicos lles digan ós pais que lles falen ós nenos antes de nacer… Sábese que os nenos coñecen a música que cantaba súa nai durante o embarazo… Hai unha investigación do “Institut Marqués” de Barcelona que descubre que o neno responde á música abrindo a boca e sacando a lingua na semana 16 do embarazo…
C) Convén subliñar que hai claras diferenzas entre a investigación con células-nai embrionarias e as células-nai adultas (reprogramadas) que se manifestan nestas tres graves cuestións:
1º) A investigación coas células-nai embrionarias crea un grave problema ético, pois supón destruír unha vida única e distinta sen o seu consentimento informado ou sen informar, buscando o posible beneficio doutra persoa. Esta actividade enlaza co tráfico de seres humanos, coa pena de morte, coa utilización de cobaias humanos, etc. Esta dificultade ética aféctalles ós cristiáns, pero tamén ás persoas doutras relixións, ós agnósticos e ateos, pois a vida humana ten que ser sempre un fin e nunca un medio.
2º) As células-nai embrionarias xeran moitos máis problemas de rexeitamento nun tratamento rexenerador de órganos enfermos, pero as células-nai adultas (creadas a partir do propio paciente) non serían rexeitadas polo sistema inmunitario.
3º) As células-nai embrionarias son máis canceríxenas cás células-nai adultas.
É claro que un só destes casos, especialmente o primeiro, tería que ser suficiente para apostar polas células-nai adultas. Se só un destes problemas sería suficiente para non utilizar as células-nai embrionarias, confluíndo os tres constitúe un argumento irrefutable. Así se entende que se teñan feito xa moitos tratamentos con células-nai adultas, tamén nalgún hospital galego, polos beneficios que desta metodoloxía se seguen fronte ós problemas asociados ás células-nai embrionarias.
Antón Negro