Todo os proxectos misioneiros, todas as loitas, todas as oracións e liturxias, deben levar a unha entrega maior en favor da vida “para que todos teñan vida”. É esta a tarefa de misioneiros, catequistas, comunidades na misión, e tamén en España: obrar como Xesús que veu para que todos teñamos vida, e ademais quere que esa vida sexa plena, sexa abundante, sexa digna (Xn 10,10).
En España, hai 100 anos, en decembro de 1920, créase un centro de formación de curas misioneiros, que irán marchando para América e África, onde se manteñen até o presente, organizados como Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME). Sempre situados entre os máis pobres e os máis abandonados deses países, e coa mochila lista para marchar a outra parte, cando as comunidades alcanzan a madurez necesaria.
Na Festa da Epifanía, a Igrexa comprométese a prestarlles todo o seu apoio tanto aos catequistas nativos como aos sacerdotes misioneiros do IEME.