Preparación do novo curso catequético

A situación actual permite retomar e continuar coa actividade catequizadora na parroquia, que é a casa común de todos os cristiáns e a casa da catequese por excelencia. Alí os nenos teñen a oportunidade de vivir e aprender, xunto con todos os crentes e cos catequistas, a alegría da fe e de crer en Xesús.

Vai seguir apoiándose e dando continuidade á experiencia nos fogares. Porque a catequese sempre comeza na casa. O fogar e a familia é o primeiro ámbito natural de crecemento e maduración da fe e, nel, os pais e avós son os primeiros catequistas.

O Equipo de Catequese de Galicia axudará a párrocos e catequistas a asegurar esta continuidade da catequese nas parroquias.

[Orientacións sanitarias e pedagóxicas]

[Explicación de lema e cartel]

Instituído o ministerio laical de catequista

Desde esta semana queda instituído o ministerio laical de catequista a través da carta apostólica en forma de “motu proprio” Antiquum ministerium do Papa Francisco, cuxo esquema é o seguinte:

1. “O ministerio de catequista atópase xa nos escritos do Novo Testamento”

2. “Recoñécese este servizo como unha expresión concreta do carisma persoal”

3. “Homes e mulleres animados por unha gran fe e auténticas testemuñas de santidade que, nalgúns casos, foron ademais fundadores de Igrexas e chegaron mesmo a dar a súa vida”

4. “O rico ensino do Concilio Vaticano II impulsa unha notable renovación da catequese”

5. “Fidelidade ao pasado e responsabilidade polo presente son as condicións indispensables para que a Igrexa poida levar a cabo a súa misión no mundo”

6. “O catequista é ao mesmo tempo testemuña da fe, mestre e mistagogo, acompañante e pedagogo que ensina en nome da Igrexa”

7. “O ministerio laical de catequista dá maior énfase ao compromiso misioneiro, sen caer en ningunha expresión de clericalización”

8. “Requírese que estean dispostos a exercer o ministerio onde sexa necesario, e animados por un verdadeiro entusiasmo apostólico”

[Ler carta apostólica do Papa]

Novo curso catequético

A situación vivida ao final do último curso catequético obrigou a que a catequese “quedase na casa”. Coa chamada “nova normalidade”, neste curso 2020-2021 a catequese retorna ás parroquias. Para aproveitar a rica experiencia vivida nos fogares, un reto deste curso é fortalecer a catequese tamén no ámbito familiar, potenciando os medios dixitais dos que xa se dispón. A iso responde o lema deste curso, “A catequese comeza na casa”, onde comezar tería un dobre significado:

A fe comeza a vivirse e a educarse na casa. En primeiro lugar, a catequese ou educación da fe comeza na casa cos pais e os avós, os irmáns… No núcleo familiar é onde mellor se adquiren os primeiros rudimentos ou ensinos básicos da fe como, por exemplo, aprender o sinal da cruz.

Á súa vez, a catequese parroquial será a continuación e complemento do recibido na familia.

A catequese en liña comeza na casa. Desde fai varios anos, apóstase polo emprego dos recursos que nos ofrecen os medios telemáticos e as novas tecnoloxías da información e da aprendizaxe para a catequese nas parroquias.

Coa nova situación aprendeuse que con elas tamén desde as parroquias é posible axudar a que os pais e as nais cumpran coa súa función de ser catequistas dos seus fillos.

Inicio oficial do Curso Catequético

O lema proposto para este curso é: “Xuntos por unha catequese máis viva”. No centro, Cristo. El é quen chama e reúne en comunidade. Para realizar a tarefa da catequese.

O envío dos catequistas será o venres 27 de setembro no salón de actos do Seminario ás 18:30 h. Haberá presentación do novo curso e celebración da Eucaristía.

A Delegacion de Catequese da Diocese de Lugo, ponse ao servizo dos catequistas, xunto cos párrocos e comunidades vivas, para apoiar con material, escolas de catequistas e sobre todo como persoas que comunican a fe, a quen se valora e anima.

Asemblea Diocesana de Catequistas

O día 27 de abril celebrouse en Monforte de Lemos (igrexa de San Antonio) a Asemblea Diocesana de Catequistas. Nun clima de participación, alegría e serenidade asistiron a este encontro unhas setenta persoas de varias parroquias da Diocese.

O tema central “Acompañados e acompañar desde a Palabra” foi exposto por D. Jesús Angel Fernández Aira, que profundou no tema e resultou de gran interese para os catequistas.

Cada asistente à Asemblea recibiu o distintivo dunha chave cunha mensaxe no anverso coa que se podía abrir a Palabra. Traballouse en grupo, formando chaveiros de sete persoas, reconstruíndo textos do Evanxeo, convidando a vivir e facelo cos catequizandos.

Concluíuse coa Eucaristía, concelebrando oito sacerdotes e participando de maneira activa todos os grupos.

Algúns testemuños dos participantes:

* Para abrir a Palabra, non só hai que exercitar a fe, hai que orala, vivila e testemuñala.

* Xesús ensinounos a confiar e a non ser indiferentes ante os que acompañamos.

* Convídanos a amar, e ser amor, servir, esquecerse dun mesmo e orar.

* Ensínanos a acompañar desde o testemuño e a entrega.

A %d blogueros les gusta esto: