Curso catequético 2024-25

O papa Francisco vén de convocar o Xubileu romano de 2025, co lema “Peregrinos da esperanza” e o Departamento de Catequese da Diocese acolle este chamado do Papa a non perder a esperanza. Trátase de contaxiar a toda familia catequética esa esperanza porque, a pesares dos moitos atrancos, o Esírito do Señor acompaña ao seu pobo e derrama os carismas e ministerios necesarios para a edificación da Igrexa. Para o curso 2024-25 proponse o lema “Catequistas da esperanza” subliñando o papel vital dos catequistas como portadores de esperanza nas súas comunidades e lugares.

Obxectivos da catequese:

  • A misión dos catequistas é a nosa esperanza; vocación de servizo na Igrexa centrada na transmisión da fe
  • Coidar as comunidades cristiás por de onde saen os catequistas
  • Convocar ás familias, nenos, mozos e adultos á catequese.

Alberto Leiva Torreiro

Delegado episcopal para a educación na fe

Dtor. do Departamento de Catequese

Catequistas como testemuñas de esperanza

Cartel do curso catequético 2024-25 en Galicia
 O lema do curso catequético 2024-25 é “Catequistas da Esperanza” e subliña o papel vital dos catequistas como portadores de esperanza nas súas comunidades e lugares. Está baseado no lema do Xubileu 2025, do que tamén se recolle no cartel o seu logotipo: a diversidade de siluetas humanas coloridas reflicten a unidade na diversidade que os catequistas deben promover. Cada persoa é chamada á esperanza en Cristo, e os catequistas deben ser capaces de transmitir esta mensaxe a todos, independentemente das súas circunstancias persoais.
 No cartel tamén aparecen persoas en comunidade, interactuando e apoiándose mutuamente, para resaltar a importancia da comunidade na fe cristiá. A catequese non é só un proceso de ensino, senón tamén de construción dunha comunidade de esperanza e apoio mutuo. E o mapa de Galicia do cartel indica que aínda que o Xubileu é un evento universal, tamén ten un impacto e relevancia local. Os catequistas deben contextualizar a esperanza cristiá nas súas comunidades particulares, abordando as necesidades e desafíos locais mentres manteñen unha visión global da fe.

Asemblea de Catequistas

O sábado 18 de maio no Colexio FEC San Xosé de Lugo (Rúa Santiago, 2) terá lugar a Asemblea de Catequistas, co lema do curso catequético 2023-24, “Catequistas para servir”. O programa é o seguinte:

  • 10.00 h  Acollida.
  • 10.30 h  “A creación fonte da catequese” por Francisco J. Castro Miramontes
  • 11.30 h  “A espiritualidade infantil. O método Godly Play”, por Anaís Ferreiro e responsables de Godly Play Galicia.
  • 13.00 h  Percorrido orante pola Catedral. Equipo do Departamento de Catequese de Lugo.
  • 13.30 h Clausura.

Encontro de nenos de Primeira Comuñón

O sábado 22 de abril de 10:30 a 17h tivo lugar no Colexio María Auxiliadora un encontro de máis de 200 nenos de Primeira Comuñón de Lugo.

Estaban convocadas todas as parroquias, todos os nenos da catequese de Primeira Comuñón para participar nun gran xogo titulado “Os piratas do clan de Xesús”. Os participantes, distribuídos en grupos, superan distintas probas e así conseguen ensamblar todo o necesario para navegar no barco pirata do clan de Xesús. Ao superar cada proba recíbense distintivos: parche en forma de corazón, bandeira da amizade, vela do Espírito, o gancho do cariño, o loro da alegría… A festa  ten  como  obxectivo  achegarse a Xesús, que é o anfitrión.

Xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese

O sábado 28 de xaneiro de 10 h a 13 h a Delegación para a Educación na Fe organizou unha xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese.

O Delegado episcopal para a educación na fe, Alberte Leiva, saudou aos presentes, “sempre dispostos a colaborar na misión de contaxiar no medio das familias, parroquias e colexios o bo ambiente do Evanxeo de Xesús. Coñecer e actualizarse en pedagoxía, estar ao tanto do que nos di a Igrexa será como unha vara na que apoiarnos para levar adiante e con éxito a encomenda que o Señor Xesús pon nas nosas mans”

E o delegado de Catequese de Santiago, Miguel López Varela, presentou o Directorio para a catequese. Comezou sinalando que “se non facemos catequese, a Igrexa deixa de ser Igrexa… A catequese está en diálogo co que está a acontecer no mundo”.

Desde o Vaticano II houbo 3 actualizacións do Misal Romano; a Eucaristía é importante, polo que cómpre actualizarse. Como a Igrexa tamén considera que a catequese é importante, preocupouse de ir actualizándose e foi elaborando sucesivamente tres directorios. O actual tamén tivo 3 etapas no seu proceso de redacción e o texto final estrutúrase en 3 partes. As claves de lectura son máis: cristocéntrica e eclesiolóxica, pneumatolóxica, misioneira e kerigmática, teleolóxica, catecumenal, comunitaria, dialóxica, cultural e da inculturación.

A %d blogueros les gusta esto: