Con ocasión do 50 aniversario do falecemento do cardeal Benjamin de Arriba e Castro celébrase na Parroquia de Becerreá unha sinxela homenaxe á súa figura e aos emigrantes que como el tiveron que deixar a súa terra e labrarse un futuro lonxe do lugar que os viu nacer. Marcharon en moitos casos sen nada, pero sempre coa convicción de saír adiante por moi difíciles que fosen as circuntancias que atopasen ao chegar ao lugar que os acollía. A súa valentía, a súa fe e as ganas de saír adiante son dignas de lembrar.
Pero «lembrar» é máis que «acordarse». Na Biblia significa «gardar na mente» para podelo comunicar a alguén capaz de actuar e, na medida do posible, con vontade de emular a vida e a obra da persoa que é traída á memoria. De feito a palabra “lembrar” vén do latín “recordari”, formado de re (de novo) e cordis (corazón). Quere dicir moito máis que ter a alguén presente na memoria. Significa “volver pasar polo corazón”.
En ocasións é necesario pasar da mentalidade de estadistas e achéganos de verdade ás persoas que sempre poden achegarnos algo e axudarnos a ser mellor do que somos. E é que chegando ao corazón das persoas é desde onde se conquista a toda a persoa.
O cardeal Benjamín de Arriba y Castro, á idade de nove anos marchouse cos seus pais a vivir a Madrid, comezando os seus estudos no colexio dos PP. Escolapios de San Antonio Abad, onde, segundo parece, tiñan que quitarlle os libros no recreo, porque era moi estudoso.
Comezou a carreira eclesiástica no Seminario conciliar de Madrid. Alí sentiu a chamada á vocación sacerdotal e recibiu o ministerio sacerdotal en 1912. Foi nomeado Bispo de Mondoñedo en 1935, e a súa gran preocupación durante o seu episcopado foi a visita pastoral a todas as súas parroquias e o coidado do seminario en todos os seus aspectos. Tamén prestou especial atención á Acción Católica e aos obreiros do Arsenal en Ferrol.
Trasladado á diocese de Oviedo o 8 de agosto de 1944 nela despregou a súa actividade na acción social obreira coa Escola sacerdotal e coa formación da Irmandade Obreira de Acción Católica. Son lembradas as súas repetidas visitas aos obreiros da Conca Mineira. Con posterioridade, foi promovido ao arcebispado de Tarragona en 1949. Nunca deixaba sen atender ningunha das preocupacións que lle achegaba a xente, chegando a formarse longas colas nas súas audiencias. Destacou pola súa sinxeleza e humildade. O papa Pío XII nomeouno cardeal o 15 de decembro de 1958. Tomou parte nos conclaves de 1958 e 1963, nos que resultaron elixidos os papas Xoán XXIII e Paulo VI. Participando tamén no Concilio Vaticano II.
Morreu en Barcelona o 13 de febreiro de 1973 pero ao longo da súa vida nunca esqueceu a terra que o viu nacer regresando, sempre que llo permitían as súas obrigas, para visitar a casa familiar. Especial mención merece a súa contribución na construción da Casa de Exercicios de Becerreá que foi utilizada como colexio do cal gardan hoxe grato recordo do paso polas súas aulas numerosos alumnos.
José Río Ramilo
Administrador Parroquial de Becerreá