Próxima a celebración da Mercé, o centro penitenciario de Bonxe acolle os días 15 e 16 de setembro un acto cultural consistente nunhas xornadas sobre o Camiño de Santiago.
No salón de actos da devandita prisión, o día 15 o párroco de Santiago A Nova, Luciano Armas, impartirá unha conferencia titulada “O Camiño de Santiago: trama da construción de Europa”. Porque a ruta xacobea, segundo Luciano Armas, foi un cauce ou unha trama sobre a que se construíu de maneira importante a unidade de Europa, mesmo a propia Europa. Houbo unha intercomunicación de peregrinos, de culturas, de arte… distintos aspectos que se puxeron en común. Foron moitos anos nos que isto se plasmou, e aí están a arte románica e a arte gótica.
E o día 16 haberá unha mesa redonda na que participará o párroco de San Lourenzo de Aguiar, Antonio Lage Vigo, que contará a súa experiencia que viviu hai uns anos como peregrino a Santiago de Compostela.
Tamén intervirán dous presos e un funcionario para falar das saídas programadas que organiza a Asociación Viandantes do Camiño Primitivo.