Ante a crecente bipolaridade política e as mutuas acusacións dalgúns representantes de distintos partidos políticos, a aposta por unha boa xestión da ira e dos pecados capitais está a converterse nunha urxencia social, ética e moral. Nesta época de engano universal, cando os amos do mundo están á espreita constantemente, dicir a verdade, buscar a verdade, afirmar que existe a verdade, é un feito revolucionario. Esta é unha das teses de Cristina Martín Jiménez, experta no tema do Club Bilderberg, na súa recente obra de gran éxito comercial: Los amos del mundo están al acecho. Bilderberg y otros poderes ocultos (Planeta, 2017). Os amos do mundo son manipuladores profesionais e expertos na utilización dos medios de comunicación social para enganar e estimular ao pobo segundo as súas conveniencias financeiras e políticas. Nesta sociedade da información, cada xornada que transcorre, faise máis difícil captar o esencial e o transfondo das súas accións organizadas en “reunións de traballo”, pagadas co noso impostos pero co obxectivo dunha trama preparada para incapacitarnos no discernimento do ben e do mal, da verdade e da mentira, da realidade e da aparencia, da certeza e a terxiversación.
Ante estes feitos, propoño un manual de sabedoría clásica sobre a xestión da ira, da bipolaridade e da dor producida por tanta mentira e hipocrisía. O autor romanés Emil Cioran nalgunhas das súas máis contundentes reflexións sobre o suicidio e nos seus mellores textos, trata sobre a soidade do ser humano en canto sabe recoñecer a presenza da morte, a proximidade ou distancia do relixioso e do divino, dalgún deus e o milagre ou a embriaguez do definitivo.
Agora, no limiar do 2024, cando se nos suxiren propósitos novos, non vén nada mal lembrar algunhas suxestións de autores e pensadores antigos que alentan á esperanza e enaltecen as gañas de vivir. Séneca, coñecido pensador romano do século I da nosa era e unha das figuras máis destacadas do estoicismo, no seu vehemente ensaio Sobre a ira, escribe un fermoso manual de sabedoría clásica sobre a xestión da ira. Argumenta que esta é a paixón máis destrutiva sobre a raza humana. Na súa obra, ilustra con sabedoría por que esta emoción é tan perigosa e por que saber xestionala ten grandes beneficios para as persoas e para a sociedade. “A ira é unha especie de tolemia, porque nos fai darlle máxima importancia ao que non a ten en absoluto”. Para Séneca, que alguén non respecte un ceda o paso non é un problema. O verdadeiro problema maniféstase polas nosas reaccións ante o acontecido. A furia instantánea, o desexo de dar un estruendoso bucinazo, golpear ao outro… iso si que ameaza seriamente a soberanía da fe e da razón e, por tanto, as nosas capacidades para elixir libremente, con xustiza, e actuar virtuosamente. Cando ela aprópiase da nosa condición humana, xa non hai forma de deter a caída. A nosa saúde espiritual esixe que nos desfagamos dela, pois pola contra pode levarnos á prisión e á escravitude infinitas.
J. Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral