No aniversario da ordenación do Bispo de Lugo

 

Parece que aínda foi onte cando era alumno meu, entre outros formadores mellores ca min,  no Seminario de Mondoñedo  Alfonso Carrasco, o sobriño de quen xa fora antes meu profesor, Don Antonio, pero sobre todo, o fillo varón de Dona Visita, mestra, cunha vitalidade desbordante.

Mirade que ó xeito se me puxo poder presumir de que o Reverendísimo Señor actual Bispo de Lugo foi alumno meu. Claro que eu quedei en bacharel e el é doutor.  Normal, que non se di en ningures que un alumno non poida ter mellores calidades, actitudes  e aptitudes ca os seus mestres; e se o mestre non se aleda dos trunfos dos alumnos, non vale pra mestre.

Así e todo, cando souben da súa elección pra Bispo chameino por teléfono e feliciteino dicíndolle: “Noraboa e felicítome a min tamén, porque hoxe creo máis no Espírito Santo”.  Houbo un pequeno silencio antes de falar el porque, segundo me tén dito en confianza, aínda que me vai coñecendo, nunca se sabe ben se vou saír cunha fresca ou cunha caricia. Non había razón prá fresca nin me sorprendeu o nomeamento, porque sendo alumno facilitounos poder coñecelo bastante ben, xa que era aberto e nada retranqueiro, ademais de moi intelixente e cordial; de maneira que os que o tivemos de alumno sabemos que non necesitaba especial “padriño”, como malevolamente se dixo,  pra que se fixasen nel.

Como non son cura da querida Diocese de Lugo non aspiro a que o Bispo, en concordancia co consello de Consultores, -porque os nomeamentos non os fai el só nin sequera son obra súa e do Vigairo-, me dean algunha desas boas parroquias que me manteña ben, ou me faga cóengo. Por iso podo, non botarlle flores, senón dicir verdades coma se estivese diante.

Cando preguntou: “¿Porque cres máis no Espírito Santo?”, a resposta xa estaba preparada e  foi esta: “Home, porque pra seres bispo a pesar de ser alumno meu, moito tivo que facer El”. Creo que non son un renegado. Ó sumo un chisquiño “anticlerical” no sentido de rebaixar clericalismos e recoñecer a dignidade dos laicos, cos dereitos e deberes que arrincan do seu Bautismo.

Antes de despedirnos aínda lle dixen: “Repito a noraboa, pero non che arrendo a comenencia”.  É verdade nunca envexei o cargo de bispo, e despois do visto nestes días menos, por mor duns traslados, menos. Son moitas as razóns, entre as que están estas: Non pode ser doado predicar valores duradeiros e de sempre nun mundo en vertixinoso cambio que define a verdade e a mentira o ético e o infame por mutables estatísticas e non por principios humanísticos e humanitarios. Tampouco poder ser doado ostentar unha certa autoridade fuxindo de autoritarismos no medio deste “cambio climático” no que en nome dunha democracia á carta se pode facer ostentación de mala educación e insultar e aldraxar impunemente a quen non pensa coma min ou non fai o que a min me dá a gana. Non debe ser doado baixar do pedestal en que historicamente se viñeron situando os bispos, cando a sociedade, e moitos curas tamén, queren velos lonxe e na peaña pra miralos arredor sen compaixón e xulgalos sen atenuantes nin misericordia. Non debe ser doado pra un bispo cumprir coa súa tripla misión de evanxelizar, santificar e gobernar cando os medios de evanxelización e santificación son tan escasos como na actualidade os sacerdotes, inmediatos colaboradores. Claro que algúns non necesitan un sacerdote. Piden un asistente social que, se se dá o caso, tamén diga algunha misa.

Por iso, querido ex-alumno, pero non ex-amigo, Sr. Bispo, neste aniversario quero agasallalo cunha sentida e sincera oración pedíndolle ó Espírito luz e forza.

 

  Xosé Manuel Carballo,

Crego da diocese de Mondoñedo-Ferrol

Mons. Alfonso Carrasco realiza a visita ad Limina

Entre as 11.30 a 13h. de cada día, o Papa recibe aos bispos en grupos de 7 – 8. Cada Bispo presenta brevemente un informe sobre o estado da Diocese, respondendo ás preguntas do Santo Padre. Mons. Alfonso Carrasco enviou á Nunciatura o informe sobre o estado da Diocese, e unha vez lido pola Congregación para os Bispos, chega ao Papa.

Ademais do encontro coa Súa Santidade, que constitúe o momento central da visita,  hai entrevistas nos diversos dicasterios da Curia Romana.

Outros actos son os seguintes: audiencia o 3 de marzo, Eucaristía na Basílica de San Pedro o día 4 e na de San Pablo Extramuros o día 7.

Bendición do novo edificio do Concello de Lalín

Alfonso Carrasco bendice casa consistorial

O novo edificio do consistorio lalinense ten o seu acto de bendición e inauguración oficial o venres 20 de setembro a partir das 20h, coa presenza do Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Esta emblemática construción, que xa ten recibido varios premios, contará cunha iluminación monumental: varios focos tinguirán de luz e de cores diversas as fachadas circulares do coñecido como “castro dixital”, desde que caia o sol e ata que rematen os actos festivos, que se inician esta fin de semana. 

5º aniversario de Mons. Alfonso Carrasco como Bispo de Lugo

O día 9 de febreiro cúmprense cinco anos da ordenación como Bispo de D. Alfonso Carrasco Rouco. Con tal motivo celébrase unha Eucaristía na Catedral o mencionado día 9 ás 20h.

 E tamén con ese motivo no programa “El Espejo de la Iglesia” (COPE FM o día 8 ás 13:30 h) intervén o Bispo falando da mocidade, os maiores, as próximas ordenacións sacerdotais do día 23… 

Mons. Alfonso Carrasco participa nas Xornadas Diocesanas de Zamora

Jornadas Diocesanas Zamora

Do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro o Seminario San Atilano acolleu as XI Xornadas Diocesanas de Zamora, que reuniron a varios expertos para falar sobre o Concilio Vaticano II, na data na que se celebra o seu cincuentenario.

O venres 1 de febreiro o relator foi Mons. Alfonso Carrasco Rouco, que disertou sobre a “Imaxe da Igrexa no mundo desde a Gaudium et spes”, achegándose a esta constitución pastoral do Concilio Vaticano II.

Enlaces:
– Álbum de fotos da conferencia: http://bit.ly/YKpnHO
– Resumen da mesma, na web de Zamora: www.obispadodezamora.es
A %d blogueros les gusta esto: