Exposición de biblias no Seminario

Ata o 31 de outubro a sala de exposicións do Seminario acolle a exposición “A Biblia na biblioteca do Seminario”.

Hai 5 seccións:

1) edicións de textos hebreos e gregos;

2) biblias latinas anteriores á Vulgata;

3) edicións da Vulgata;

4) biblias ilustradas;

5) edicións actuais.

O horario de visita é o seguinte: de luns a venres polas mañás de 11:30 a 13:30h e de polas tardes de 17h a 19h.

Cursos bíblicos

Son doce sesións que se desenvolven cada 15 días ata o 15 de xuño. En total son tres cursos, un por ano, dedicados ao Antigo Testamento, ao Novo Testamento, Evanxeos, a vida de Cristo. Celébranse no Seminario e empezan o día 20 de outubro ás sete da tarde cunha primeira sesión sobre “As grandes experiencias do antigo Israel”.

As sesións están dirixidas por expertos en Biblia e bos pedagogos, como o párroco de San Francisco Xavier (Lugo).

Búscase que estes cursos bíblicos sexan un foco cultural que poden aproveitar tamén persoas non crentes.

O Libro dos libros

Mario Vázquez Carballo

 Na maioría das revistas de divulgación, incluídas tamén as do corazón, aconséllase ler, aproveitando o tempo de lecer do verán, e encómianse as grandes virtudes da lectura para unha boa formación e o crecemento persoal. Totalmente de acordo. Creo que ninguén dubida da importancia do hábito de ler pero tamén é certo que iso require un esforzo e é preciso recibir unha recompensa. Aínda que é verdade que se le para aprender e instruírse, para crecer e contrastar outras formas de pensar, para afirmar a propia personalidade e informarse, tamén é certo que ler axuda a pasar un bo intre, educa o pensamento, relaxa tensións e fomenta a meditación. Divulgouse a celebración dos 400 anos do Quixote e a conmemoración da morte do seu autor, Miguel de Cervantes Saavedra, o 23 de abril de 1616. Tamén de acordo.

 Pero chama a atención o pouco que se fala e escribe sobre “o Libro dos libros”, o primeiro dos libros, o Gran Libro. Por iso, creo que convén lembrar que, con motivo da exposición sobre a imprenta no Museo Británico (1962) publicouse un volume que leva por título: Libros que cambiaron o mundo (München, 1968). Os dous primeiros que se citan baixo o epígrafe: “No principio era a Palabra”, son a edición da Biblia en latín, impreso por Juan Gutenberg en Maguncia (1455), e a edición en alemán impresa por J. Mentelin en Estrasburgo (1566). Seguen logo as edicións da Biblia en Praga (1468) e a valenciana (1478).

 Desde a Igrexa Católica e desde a Teoloxía, a Biblia foi recuperada xa a comezos do século pasado e posta no lugar de honra que lle corresponde; foi estudada na Igrexa e en España, dun modo particular, como nunca o foi na súa historia anterior; o Concilio Vaticano II, favoreceu de modo eminente o seu coñecemento, lectura e difusión; a mesma Conferencia Episcopal Española, logo de 20 anos de traballo e investigación bíblica implicando aos mellores expertos, publicou a súa propia versión e edición (ano 2010) presentada no Palacio de Congresos da Castellana en Madrid na clausura dun excelente Congreso sobre a Palabra de Deus.

 Aínda que é verdade que o século XX trouxo o problema da Biblia (crítica bíblica, modernismo, liberalismo protestante), tamén o é que trouxo grandes solucións bíblicas, divulgándoa, dándoa a coñecer, creando sociedades bíblicas e movementos (en Lugo o Movemento Bíblico impulsado por J. Antonio González, contribuíu enormemente a estas tarefas divulgativas), e converténdose así para todos os cristiáns en fonte de vida e fundamento de unidade. A Biblia é hoxe, xunto coa Eucaristía, a que conforma a dobre mesa eclesial onde se parte e reparte a Palabra de Deus. As mesas do Pan e da Palabra encárnanse así na nosa propia historia, nas nosas terras, no noso ser e nas nosas intelixencias.

Co Concilio Vaticano II, quero invitar á lectura desta gran xoia da literatura universal, porque ela é “a alma da teoloxía” e fonte primordial do coñecemento de Cristo. Recentemente, o descubrimento dos papiros do Novo Testamento e dos manuscritos de Qumrán, reavivaron os estudos bíblicos e son un novo estímulo para a procura da verdade.

Mario Vázquez Carballo

Inicio dos Cursos Bíblicos 2015 – 2016

Temas-Web-1º-C

O 23 de outubro ás 19 h no Seminario comezan os Cursos Bíblicos 2015 – 2016. “San Paulo e as primeiras comunidades cristiás”. Non é necesaria inscrición previa para asistir xa á primeira sesión do día 23 (Situándonos, temática e material). O resto das sesións sucederánse cunha periodicidade quincenal e cos temas seguintes:

  • 6 e 20 de novembro: Levantamos o decorado: Palestina en tempos de Xesús

  • 4 de decembro: Paulo de Tarso, figura e actividade

  • 18 de decembro: As primeiras comunidades cristiás

  • 8 de xaneiro: Corinto, problemas e solucións

  • 22 de xaneiro: San Paulo, mensaxe e teoloxía

  • 5 e 19 de febreiro: O “kerigma” primitivo, as primeiras palabras da fe

  • 4 e 18 de marzo: O centro da fe, O Señor vive!, a resurrección do Señor

  • 1 de abril: Un espírito novo, as benaventuranzas

  • 15 e 29 de abril: Levantando o ánimo coas parábolas

  • 13 e 27 de maio: A Eucaristía, banquete de amor e fraternidade, é a celebración máis importante

  • 10 de xuño: Xesús o Cristo, historia e fe

José Antonio González: Importancia da constitución Dei Verbum do Concilio Vaticano II

Unha das catro constitucións aparecidas con motivo do Concilio Vaticano II foi Dei Verbum, da que temos un balance positivo. Impulsou os estudos e os métodos esexéticos. Desde unha concepción escolástica e fría da revelación, pasouse a unha concepción dialogal da revelación como encontro de Deus cos seus fillos a través de Cristo Xesús; desde unha visión esquemática de inspiración pasouse a afirmar con rotundidade que os autores sagrados eran tamén, noutra orde, verdadeiros autores que usaban as súas facultades e talentos; desde a defensa belixerante da historicidade dos Evanxeos pasouse a unha comprensión dos Evanxeos como escritos nacidos da predicación e da tradición. Desde unha visión recelosa da Biblia reservada para expertos, o Concilio afirmou con decisión que a Palabra divina era o centro da vida da Igrexa e a alma da Teoloxía, recomendando sen reservas o seu coñecemento, estudo e vivencia.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: