Conferencia sobre basílicas a cargo de José Alberto Morais Morán

O 12 de novembro, no salón de actos da Deputación, o profesor da Universidade de León, José Alberto Morais Morán, pronunciou unha conferencia titulada “Fermosas, magníficas, admirables e de labrados mármores: as basílicas cristiáns de Augusta Emerita”.

Despois de explicar o termo “basílica” e establecer as diferenzas entre as construídas na Roma imperial e as posteriores, cristiás, preguntouse: “Cales son as primeiras basílicas que hai en Hispania?” E entón falou José Alberto Morais “dun dos primeiros edificios que se teñen documentado e que foi escavado polo Instituto Arqueolóxico Alemán, dirixido por Helmut Schlunk e outros investigadores, que sacaron á luz a chamada Basílica de Marialba de la Ribera, un edificio posiblemente do 300 – 350, antiquísimo, que hoxe está totalmente destruído”. Así que o conferenciante convidou a imaxinar as súas paredes “cheas de mármores, mosaicos, inscricións… Ten un pórtico de acceso, unha especie de nártex, e logo accédese á única nave cunha cabeceira ultra semicircular, onde se colocarían reliquias, na parte fundamental da cabeceira”.

De Mérida, José Alberto Morais destacou a basílica de Santa Eulalia e o Xenodochium do século VI, albergue para acoller aos moitos peregrinos que acudían a visitar o martyrium da santa emeritense. Tamén se referiu o conferenciante a “algo que noutros edificios non se conserva, nin en Mérida, nin en Lugo, é toda a decoración musiva, de mosaicos, que ornaban o chan. Con aves, especialmente os pavos reais, emblema de inmortalidade para a primeira arte cristiá, e que aparecen sempre ao redor do altar”.

No coloquio posterior á conferencia lembráronse as posibles basílicas que existirían en Lugo: nos arredores da Catedral, en Saamasas, en San Xillao.

A %d blogueros les gusta esto: