Grazas, avós!

Os avós son os bos da película. Moitas veces viven co desexo de querer dar aos seus netos aquilo que non puideron darlle aos seus fillos. A bondade é connatural ao seu novo rol. Unha verdadeira entrega que non entende de tempo, nin de lugar. Entrega e bondade, os seus dous mellores aliados.

Son bicos, aloumiños, tenrura. Son os brazos onde chorar cando un está triste, os pallasos da festa -se cadra- ou os mellores compañeiros de aventuras. Son animadores deportivos, os fans número un do teu club, uns óptimos creadores de historias, os perfectos cómplices nas falcatruadas e os compañeiros ideais para o estudo.

Aínda que só tivesen un emprego, de súpeto vólvense polifacéticos. Son profesores, xardineiros, cociñeiros, enfermeiros, fontaneiros, electricistas, enxeñeiros, arquitectos… e todo o que os seus netos necesiten.

O seu reloxo excede as 24 horas. A súa semana parece que ten máis de sete días. A súa vida multiplícase con cada sorriso.

Non len a mente, pero saben o que pensas. Non saben hipnotizar, pero durmirse no seu colo é case automático. Quizais non son moi tecnolóxicos, pero o seu teléfono está sempre dispoñible para ti. Aínda que che invadan as présas, cando estás con eles parece que o mundo se detén. Non farán as cousas con moita rapidez, pero saben os mellores trucos para que salga perfecto.

Encántalles dicir que eles molestan, estorban… Pero non é verdade. Sen eles nada é igual.

Son os teus superheroes, os teus mellores amigos, os teus espectadores máis entregados, o teu apoio incondicional, os teus abrazos no inverno e a túa crema de sol no verán.

E cando es neto só desexas: «oxalá, algún día, sexa como el/ela».

E cando miras aos teus pais só pensas: «Que sorte tiveron e canto aprenderon dos mellores profesores!».

Por iso, durante esta pandemia redescubrimos este gran agasallo que temos e tratamos de coidalos como nunca. E un desexo cara a Deus resoa sempre con forza nos nosos corazóns: que os avós sexan eternos, por favor.

Onte, día de Santa Ana e San Xoaquín, os pais da Virxe e os avós de Xesús, celebramos aos patróns dos nosos maiores. Agradezamos ao Señor por eles, os nosos avós, e con renovado empeño coidemos de todos eles. Grazas, Xesús, polos avós!

Nicolás Susena Presas

Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

e párroco de Castroverde

[Artículo en castellano]

Día dos avós na parroquia de San Clodio

20130727-235930.jpg
O venres, 26 de xulo, día de San Xoaquín e Santa Ana, celebramos a 6ª edición do Día dos Avós. Os actos comenzaron as 8 da tarde, coa celebración dunha misa de acción de gracias polos avós presidida polo Vicario Xeral Don Mario Vázquez Carballo. Ao final da Eucaristía Don Mario entregou os agasallos, este ano co lema: “Avós, custodios da Fe”. A continuación tivo lugar o brindis por todos os avós con música e baile.

A %d blogueros les gusta esto: