No templo de Santiago de Saamasas, na cidade de Lugo, continúan os actos que se organizan con motivo da rehabilitación do edificio e dos retablos. O 15 de xullo a restauradora Uxía Aguiar Ballesteros explicou no propio templo o proceso, que comezou actuando sobre os lugares (teito, espadaña, chan) polos que se filtraba unha humidade que, entre outros efectos, perxudicaba aos retablos. Sobre estes, deu os seguintes datos:
Retablo maior barroco do século XVIII
– Iconografía orixinal: Santiago peregrino e grupo de Santa Ana, a Virxe e o Neno.
– Materiais: madeira policromada e elementos arquitectónicos pintados imitando mármore
xaspeado.
Retablos laterais, neoclásicos, da Virxe do Carme e San Antonio
– Estilo sobrio e elegante, de orde xónica.
– Columnas e entablamentos en dous planos, rompendo o marco arquitectónico.
– Materiais: madeira con policromía imitando mármores de diferentes cores.