O Arquivo Catedralicio. Entrevista ao seu director Gonzalo Fraga Vázquez

Gonzalo Fraga

Con motivo de celebrarse o 9 de xuño o Día Internacional dos Arquivos, recuperamos a seguinte entrevista sobre o Arquivo Catedralicio. Ademais, no recente Festival de Órgano interpretáronse partituras que conserva o Arquivo.

– Onde está o Arquivo ?

– O Arquivo está nun pequeno local rectangular na torre suroeste da fachada da Catedral. A lonxitude total dos andeis non excede dos 52 metros lineais.

– No século XI pasou a haber dous arquivos: o episcopal e o catedralicio. Que supuxo iso?

– O Arquivo episcopal quedou con diplomas reais e outros documentos importantes e o catedralicio con documentos do cabido. Por iso, cara a 1230, o cabido mandou confeccionar o Tombo, chamado Vello desde o século XVIII, en que se fixo outro.

– Houbo sempre preocupación polo Arquivo?

– A través das actas capitulares, (en 46 libros desde 1549) vese como o cabido lucense estimaba o seu arquivo e preocupábase frecuentemente da súa organización para podelo utilizar convenientemente e sen complicacións cando fose necesario. En 1652, grazas ao benemérito lectoral Juan Pallares Gayoso, realizouse unha clasificación documental que non desmerece hoxe. No século XVIII encadernáronse libros (debe entenderse que tamén se formaron libros con papeis e expedientes de asuntos máis ou menos homoxéneos), confeccionáronse índices detallados doutros e transcribiuse un considerable número de documentos.

– Que tipo de fontes documentais alberga o Arquivo?

– Bulas pontificias, información de actividades do cabido, información sobre recursos económicos (bens, censos, rendas), libros de fábrica (16), pías vontades e fundacións, libros de confrarías…

– Hai códices?

– Dos tempos medievais só hai un breviario misal en pergameo, con 3 quilos de peso, atribuído aos séculos XII-XIV, e restaurado coa axuda do Ministerio de Cultura. Son importantes tamén os chamados Libro X e Libro XI. O primeiro contén 65 pergameos con privilexios reais e o segundo bulas papais de cinco séculos. Tamén hai 30 libros musicais de facistol, en pergameo, confeccionados por un organista da Catedral a finais do século XVIII. É de salientar tamén o fondo musical, agora catalogado, que contén fundamentalmente composicións dos mestres de capela.

– De que instrumentos de traballo e consulta dispón o Arquivo?

– Hai un inventario confeccionado en 1900. Sobre este fíxose posteriormente un índice de materias con orde alfabética non rigorosa. Dos libros de actas capitulares hai uns índices dos principais asuntos até mediados do século XIX. Actualmente catalógase e informatízase o arquivo. Hai unha biblioteca auxiliar con 250 libros.

– Que persoas acoden ao Arquivo?

– Profesores das Universidades de Lisboa, Bolonia, ademais de centros españois, acoden ao Arquivo para facer investigacións. Coñecen da existencia do Arquivo nalgúns casos a través da internet.

Esta entrevista publicouse no boletín @nosavoz  (7/11/2013).

Do pergameo á era dixital

Arquivo

Todas as institucións van xerando documentación ao longo da súa historia. En orixe, esta documentación ten un valor xurídico que se vai perdendo co tempo para adquirir outro valor, o histórico. Son as pegadas do paso da institución pola historia as que nos evitan caer no alzhéimer e poder mirar cara atrás sen nostalxia para ver o treito do camiño feito en común. E así lle pasa, con máis razón, a unha institución bimilenaria como a Igrexa. E a Igrexa local ou diocesana tampouco é allea a estas circunstancias.

Dita documentación, xurídica ou histórica, sempre se conservou como ouro en pano, baste pensar nos papeis vellos que cada un de nós deposita nas súas casas. Ao mesmo tempo, os propios papeis constitúen un arquivo particular e determinado e, por extensión, o lugar onde se conservan -a arca- constitúe o arquivo, adquirindo así unha identidade propia. O paso dos anos fai que se incremente o volume da documentación conservada e, tamén, que se vexa afectada polos factores medio-ambientais. Por iso cómpre tomar as medidas necesarias para conservar os documentos e, en segundo lugar, difundilos.

Deste carácter introspectivo, de coñecer a propia identidade e de responder a preguntas, nace a disposición ao público da documentación para o seu estudo. Canto máis se facilite o seu acceso e o estudo, máis se progresará no coñecemento das propias institucións. Pero o uso da documentación tamén contribúe ao seu propio deterioro e destrución. Deste xeito, neste momento, temos outros medios e outros soportes para facilitar que se acceda á información sen necesidade de tocar os orixinais. Estamos falando dos medios dixitais que nos permiten consultar documentos en liña coma se tivésemos os orixinais entre as mans.

No caso da Igrexa de Lugo temos dous grandes arquivos: o Arquivo Diocesano, estrictamente xerado pola institución diocesana, polo Bispo e a súa Curia; e o Arquivo Central parroquial, que naceu para albergar os arquivos parroquiais nos anos 70 do século XX. A dixitalización -que non é máis que ofrecer a mesma información noutro soporte- dos libros que estamos levando a cabo afecta aos arquivos parroquiais. Neses arquivos consérvase a documentación referida á vida parroquial: desde os rexistros sacramentais (bautismos, confirmacións, matrimonios, defuncións) ata os libros de contas das parroquias ou os libros das confrarías existentes en cada unidade parroquial e abrangue, grosso modo, a documentación xerada desde finais do século XVI ata a actualidade, aínda que a correspondente aos últimos cen anos non está a disposición dos usuarios por motivos de privacidade e protección de datos. Nesta sección están os libros que conteñen os datos para reconstruír ou refacer historias familiares, aínda que non é toda a documentación e por iso é necesario recorrer a outras fontes arquivísticas. Dedúcese, xa que logo, que a orde do arquivo non é a orde que cadaquén queira darlle, senón que o arquivo ten vida propia, e os seus coidadores deben ser os que a descubrirán e os que han de saber guiar.

A Igrexa non ten medo á investigación e ao desenvolvemento da ciencia histórica e quere achegar a súa vida e a súa historia aos homes de boa vontade usando os medios que ten á súa disposición, tamén na era dixital.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

Horario do Arquivo Diocesano

O Arquivo Histórico Diocesano e o Central Parroquial (situados no Pazo Episcopal) permanecerán pechados durante o mes de agosto.

A súa actividade reiníciase o día 2 de setembro, co seguinte horario: 10 a 13.30 h de luns a venres (o sábado permanecerá sempre pechado). 

Oscar González Murado, novo director do Arquivo Diocesano

Oscar González Murado, novo director do Arquivo Diocesano

relevo_no_arquivo_1

Oscar González Murado, novo director do Arquivo Diocesano

  • Sustitúe no cargo a  José Lebón Sánchez
  • Con motivo desde cambio, o Arquivo Diocesano permanecerá pechado ata o día 7 de xaneiro

 Óscar González Murado, naceu en 1976 en Santa María de Valonga, Pol. Ordenouse sacerdote no ano 2001 e está a rematar a súa tese de doutoramento na Univ. Gregoriana de Roma.

 O Arquivo Histórico Diocesano ten fondos desde o século XVI. O Arquivo está aberto ao público, e de feito son moitos os investigadores, estudantes e outras persoas de moi variada índole que consultan os diversos fondos. A todos eles préstaselles toda clase de atencións. Todos os fondos teñen o seu propio catálogo, a disposición dos investigadores.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: