Presentación en Lugo do movemento Frater

O venres 31 de maio ás 16 h na parroquia San Francisco Xavier (Lugo) terá lugar a presentación de Frater, movemento de apostolado segrar de enfermos e discapacitados. A presentación corre a cargo de Enrique Alarcón García, que presidiu Frater e na actualidade é padre sinodal.

Frater está implantado en catro continentes e en 25 dioceses de España. A súa función principal radica no apostolado segrar, é dicir, ser membros vivos dunha Igrexa viva que sexa expresión do Pobo de Deus encarnado, e dunha maneira moi especial, entre as persoas con discapacidade e/ou grave enfermidade. Forma parte dos movementos de Acción Católica e vive intensamente a súa tarefa evanxelizadora e transformadora da realidade en comuñón eclesial.

Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

O domingo 5 de xuño, solemnidade de Pentecoste, celébrase tamén o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar, co lema “Sigamos construíndo xuntos. O Espírito Santo necesítanos”. Aínda que as persoas necesitan do Espírito Santo e de todos os seus dons, o Espírito Santo tamén necesita as persoas. Cada bautizado, polo traballo da súa fe, a pertenza á Igrexa e a asunción de responsabilidades misioneiras, colaborará na construción da Igrexa. A construción da Igrexa nace do anuncio cooperativo do Evanxeo por parte do Señor e os seus discípulos. É unha acción colaborativa, comunitaria e forxadora de fraternidade. A construción require da comunicación, do mutuo entendemento e do diálogo en acción, que fornece efectos de cimentación -comuñón-, habitabilidade -participación- e crecemento -misión-.

[Materiais]

Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

O sábado 22 de maio ás 20:30 h na parroquia de San Francisco Xavier (Lugo) celébrase a Vixilia de Pentecoste. Tratará de recoller dun xeito oracional e vivencial o camiño formativo coa Fratelli Tutti que organiza a Delegación de Apostolado Segrar de Lugo. Desde hai varias semanas a devandita Delegación vén realizando un itinerario de formación desde a Fratelli Tutti vista desde 5 claves: chamada a vivir o modelo do BO SAMARITANO; crear un modelo económico onde se busque o ben común; migrantes, un corazón aberto ao mundo; un mundo sen guerra; e diálogo e reconciliación.

Na celebración do Día do Apostolado de Segrar e da Acción Católica búscase que as mensaxes de Fratelli Tutti impulsen ao mundo laical da Igrexa que peregrina en Lugo a deixarse mover pola forza do Espírito Santo que sempre arrasa os medos e fortalece o servizo fraterno. Facer vida tendo en conta que “os soños se constrúen xuntos” desde unha Igrexa sinodal.

[Materiais]

Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

Este ano celébrase só a vixilia, que será na Parroquia de San Francisco Xavier o sábado 30 ás 9 da noite. Só poderá usarse o 50% do aforo do templo: 150 persoas

A crise sanitaria fixo ver con máis confianza e ilusión os proxectos e iniciativas do Congreso do Laicado celebrado a comezos de ano. O soño dun Pentecoste renovado na Igrexa será realidade incorporando en todas as accións un estilo de traballo pastoral marcado pola sinodalidade e o discernimento.

O pos-congreso é un camiño aberto e depende de bispos, sacerdotes, relixiosos, e laicos. Este proceso agora ten unha clara continuidade. No Congreso recibiuse o reto de ser unha Igrexa en saída, que toma conciencia de Pobo de Deus e da necesidade de ir ó encontro dos demais, deixándose tocar pola realidade do noso tempo e sentíndose parte do mundo.

[Máis información]  [Materiais para a xornada]

Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

Coincidindo coa gran festa do Espírito Santo, Pentecoste, (9 de xuño) celébrase tamén unha xornada especial para os segrares. A Delegación de Apostolado Segrar programa as actividades seguintes:

– Venres 7 de xuño: conferencia Congreso “Pobo de Deus en saída”, por Alfredo Losada, relator do Congreso de Laicos, ás 20:00 h no Seminario.

– Sábado 8 de xuño: Asemblea Diocesana de Laicos ás 17:30 h parroquia de San Francisco Xavier. A continuación Vixilia de Pentecoste.

Na Asemblea traballarase sobre o Congreso de Laicos, vendo como se desenvolve o pre-congreso nas parroquias e movementos, como se vive a sinodalidade desde cada parroquia e movemento, sobre os froitos que se poden ofrecer nesta etapa do pre-congreso. Tamén se prepara unha asemblea en outono.

A %d blogueros les gusta esto: