Deus é o meu público

Alguén dixo: “Deus é o meu público”. A este insigne público témolo todos sen distinción. Deus está vendo sempre como construímos ou destruímos a nosa vida. Observa desde a distancia, pero sen entrometerse en nada, pois para iso creounos absolutamente libres.

Un dos esforzos máis grandes e máis caros que fan as empresas e entidades sociais é dar a coñecer os seus produtos e actividades. Claro que se fai, maiormente, por motivos económicos. A ecuación é clara: canto máis se coñeza, máis se vende e máis beneficios produce. De feito, desde fai tempo, xa existen empresas cuxa única finalidade é axudarnos a comunicar ben, para dar a coñecer as cousas ao maior número de persoas posibles. Ou, tamén para o contrario: para eliminar, sobre todo da rede os comentarios ou noticias negativas sobre as nosas empresas ou persoas.

E o mesmo que pasa a nivel empresarial ou institucional tamén pasa no ámbito persoal. Gústanos presumir do que facemos ben, que se coñezan os nosos méritos, as nosas relacións humanas, que os demais saiban que teño entre os meus contactos a mengano ou a fulano. De igual xeito, non nos gusta que saian á luz pública os nosos fallos ou as nosas vergonzas. En definitiva, gústanos quedar ben e moitas veces actuamos só para a pantalla.

Todos estamos expostos a un público. Non é só cousa dos famosos. E isto determina, en boa medida, as nosas actitudes e o noso comportamento. Pero, dalgún modo, todos caemos no engano de pensar que, cando ninguén nos ve, podemos facer o que nos dea a gana e que non pasa nada.

Grave erro!, pois os máis prexudicados imos ser nós mesmos. As cousas son boas ou malas con independencia de que sexan coñecidas ou non, públicas ou privadas. O relativismo fixo estragos neste sentido. Todos temos experiencias de casos deste tipo. A Igrexa tamén. Xa sabemos que non é solución facer como os gatos…

Vivimos pendentes da imaxe que damos aos demais, sen decatarnos de que hai alguén que sempre nos está vendo, ata cando estamos durmidos e na intimidade da nosa habitación. O propio Xesucristo dinos algo sobre a esmola que nos axuda a entender isto do que estamos falando:

«Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren louvados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará» (Mt 6, 2-ss).

O mesmo di da oración. Pode dicirse máis alto, pero non máis claro. Deus é o noso público e é a El a quen temos que agradar. Ademais, podemos ter a seguridade que facendo as cousas do agrado de Deus tamén van ser beneficiosas para os que están ao noso lado. Cando as cousas están ben para Deus, tamén o están para o demais.

E se queremos que algo non se saiba, o mellor é non facelo. Así de sinxelo. Pero custa.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Foto: Cathopic

A %d blogueros les gusta esto: