A última das Festas da fe na Diocese, é a do arciprestado de Becerreá o día 22 de xuño, e coincide coa clausura do curso pastoral 2012 – 2013. Nesta ocasión, o marco da celebración é o santuario do Cebreiro. Os actos comezan ás 11, coa acollida. Ás 11:20 trátase a cuestión: aspectos da evanxelización. Ás 13 horas é a Eucaristía. Tras unha comida de irmandade, rézase unha oración mariana. E a despedida será sobre as cinco e cuarto.
Ano da Fe
Festa da fe no santuario de Nosa Señora de Cadeiras
O domingo 16 de xuño foi a Festa da fe do arciprestado de Monforte, na que participaron centos de fregueses de Amandi, Ferreira de Pantón, Monforte, O Saviñao.
O santuario de Cadeiras está adicado á Virxe nunha porción de monte escampado en territorio da parroquia de Bulso, Sober. Ampliábao cara a 1.768 o párroco do curato de Pinol, quen acudiu ao Real Consello en demanda de licenza para pedir esmolas nunha contorna de vinte leguas.
O templo, sinxelo exemplar do barroco galego do século XVIII, unha soa nave de pedra granítica e sillería ben labrada.
Miguel Ángel Álvarez: Ano da Fe e carta de Santiago
Lemos na carta de Santiago (St 2,14.17.18b): “De que lle serve a un, irmáns meus, dicir que ten fe, se non ten obras? É que esa fe poderá salvalo? A fe, se non ten obras, por si soa está morta. Ensíname a túa fe sen obras, e eu, polas obras, probareiche a miña fe”.
Estamos no Ano da Fe. Un ano ten moitos días e resulta doado esquecerse deste ano de graza que a Igrexa nos ofrece para profundar na fe no Deus de Xesucristo.
Hoxe, máis que nunca, é moi necesario saber ben no que cremos e a quen seguimos.
Non todo serve á hora das obras, nin tampouco todo serve á hora de satisfacer os desexos de transcendencia, que xorden, inevitablemente, do noso interior.
A estas alturas do ano moitos pais xa están a ultimar os detalles da Primeira Comuñón dos seus fillos, moitos noivos preparando na súa voda para o verán, incluso moitos nenos que naceron no inverno e primavera tamén van ser bautizados nos próximos meses.
Estes sacramentos, igual que os outros, son ocasións especiais de crecemento na fe. Pero, chegados a este momento, é triste oír como o único que preocupa, á hora de preparar a celebración, é o que vai durar, ou como se teñen que colocar os noivos ou quen debe ter en brazos ao neno durante o bautizo.
Pois está claro, a celebración durará o que teña que durar, ata que termine, aos noivos xa os coloca o fotógrafo, e ao neno, o normal, é que o sosteña a persoa máis forte…
As cousas da fe, evidentemente, van por outro camiño. É necesario “pensar” a Deus, é necesario que as cousas, como dicimos en Galicia, “teñan xeito”, e desde aí ir descubrindo e amando a Xesucristo ata poñelo como centro da nosa vida.
Festa da Fe do arciprestado de Sarria
O domingo 19 a partir das 11:30 horas hai celebración do perdón e Eucaristía presidida polo señor Bispo en San Eufrasio de Val de Mao. Participan fieis de Sarria, Samos, O Incio, Páramo – Farnadeiros, Paradela.
A cinco quilómetros do Mosteiro de Samos, no Val do Mao, repousa desde hai máis de doce séculos o corpo dun dos Sete Varóns Apostólicos, o do glorioso San Eufrasio, primeiro Bispo de Andújar (Xaén).
Na Diocese de Lugo celébrase a súa Memoria. No século XIV o seu sepulcro era centro de atracción de moitos fieis, e na segunda metade do século XVI era visitado e venerado por peregrinos que viñan, non só de Galicia, senón tamén de León.
Tambén era famoso este Santuario no século XVII, até o punto que o Conde de Lemos, Don Francisco de Castro, trasladouse alí, para santificarse durante uns anos xunto ao sepulcro do Varón.