Na mañá do día de San Xosé, o Delegado de Pastoral Familiar, Nicolás Susena, presidía en Lalín a Misa solemne e o comezo do Ano da Familia. Na Eucaristía concelebrada polo párroco, Marcos Torres, tiña lugar a bendición do cadro da Sagrada Familia que vai percorrer toda a Diocese.
Na homilía destacaba Nicolá Susena a «importancia de San Xosé na vida daquela familia de Nazaret, porque sen el a familia estaría incompleta». Ademais, subliñaba que este santo do que apenas coñecemos unha soa palabra pronunciada no Evanxeo «falounos da paternidade ao evidenciar que se trata dunha tarefa educativa e de acompañamento no amor para que os fillos sexan os verdadeiros protagonistas da súa historia».
A homilía concluía sinalando que a familia é un «lugar de comuñón, onde nos pequenos detalles pode comprobarse o amor verdadeiro que se comunica e que xera unha comunidade. María, Xesús e Xosé móstrannos o amor que os uniu e que é unha escola para todos nós».
Ao finalizar a celebración, o Delegado agradeceu ao párroco e á comunidade a acollida do inicio deste singular ano que conxuga a San Xosé e á Familia nun período de tempo. Tamén comunicou que a partir de setembro o cadro comezará o seu itinerario polas principais parroquias da Diocese, volvendo novamente a Lalín por un prazo de días máis longo.
O día 20, o cadro chegou ao Mosteiro da Visitación, onde as Madres Salesas rezan polas familias da Diocese, por todas as familias do mundo e polos froitos deste ano.