Comenzabamos a semana cos ecos da dor ante a morte sen sentido do seguidor do Dépor, Jimmy, que nos lembraba, que a violencia xera sempre violencia. Morte tamén na mar e o falecemento de Vanessa, a policía enterrada en Guitiriz. Estamos vendo episodios como estes todos os días nas noticias que nos acompañan á hora de comer… pero que non nos quitan o apetito: morte dos máis débiles pola inxustiza dos poderosos, mortes daqueles que van en son de paz a países en guerra, contaxio de enfermidades mortais por cumprir coa obrigación humana e cristiá de velar polo ben dos nosos semellantes.
O caso de Teresa Romero recordounos de cerca, en Becerreá, que nada do que poida suceder en Africa ou en calquera lugar do mundo é xa alleo a ninguén. Os que nos sentimos seguros na nosa casa temos que recordar que vivimos nunha aldea global e que todos estamos relacionados. O que pasa máis aló das nosas fronteiras aféctanos. E o que nós fagamos desde aquí tamén afecta aos que están lonxe. Campañas da Igrexa, como o Domund, celebrada hai pouco, reflicten esta solidariedade cos que están lonxe e teñen menos oportunidades ca nós. En Advento esperamos que estas desigualdades desaparezan. E preparamos o Nadal. Afloran en todos sentimentos de bondade, de tenrura e unha especial sensibilidade para descubrir o rostro dos que sofren. Ao estar nun tempo de preparación non debemos deixar pasar un minuto sen pararnos a pensar como debe de ser o noso actuar e que podemos facer para que o noso mundo funcione un pouco mellor. E debemos facelo aínda que só sexa por egoísmo: se aos demais vailles ben, a nós irá ben. O Evanxeo da misa do segundo domingo de Advento pídenos que preparemos os camiños do Señor. Cristo encárna, faise un dos nosos ao nacer en Belén; se preparamos os seus camiños, estamos preparando os nosos camiños, o camiño da humanidade redimida, salvada pola presenza de Deus no mundo. Polo tanto, hai espazo para a esperanza.
A festividade da Inmaculada Concepción de María, é un signo máis de que hai esperanza. A figura da Virxe fálanos dunha humanidade limpa de pecado, unhas orixes aos que podemos volver.
E acabo cunha última reflexión. Criticamos a antelación na instalación do alumado de Nadal, os adornos, as campañas nos centros comerciais, todo o balbordo que nos invade xa estes días… pero nós preparamos os camiños do Señor? Preparamos os camiños da paz, da harmonía, da ausencia de violencia nos nosos xestos e nas nosas palabras? Somos coherentes coa nosa fe, ou deixamos que chegue o día e sorpréndanos coas mans baleiras…? San Paulo tamén nos recorda hoxe: «Nós, confiados na promesa do Señor, esperamos un ceo novo e unha terra nova na que habite a xustiza. Xa que logo, mentres esperades estes acontecementos, procurade que Deus vos atope en paz con El, inmaculados e irreprochables».
José Manuel Castro Alba
Delegado de Medios de Comunicación da Diocese