Como a vida faise en etapas: nenez, mocidade e adultez; tamén a Historia de Salvación é un cúmulo de etapas no tempo: creación, redención e Igrexa; e a Igrexa, á súa vez, programa o seu labor salvífico en períodos pedagóxico – pastorais: Advento, Nadal, Coresma e Pascua.
Este domingo comezou o Advento do ano sinodal, ano de gozosa esperanza e de común responsabilidade.
A Igrexa está a sufrir unha crise de declive pesimista, e necesita unha inxección de esperanza. Nos últimos tempos, o temor apropiouse do optimismo de moitos cristiáns. Unha boa dose de esperanza é artigo de singular urxencia nas institucións eclesiais e nos seus dirixentes, para recuperar a fe nas palabras de Xesús, que afirmou que a súa Igrexa sería perseguida, pero non vencida. O Papa Francisco advírtenolo convocando un Sínodo extraordinario, e anímanos a vivilo nun clima de esperanza responsable, para contrarrestar a baixa estima con que gran parte da sociedade mira á Igrexa nestes intres.
A esperanza apunta a un futuro prometedor: a vinda do Redentor. As promesas do Señor están a piques de cumprirse. E isto cáusanos inmenso gozo. Pero é tamén esperanza responsable, porque o Salvador chama á porta coa ilusión de que nós lle permitamos entrar. Esta é a nosa responsabilidade. De nós depende que Xesucristo poida entrar nas nosas vidas ou que teña que pasar de longo. Para sortear este risco, o Papa San Xoán Paulo ll repetiunos con voz vibrante e corazón enardecido: “Abride as portas a Cristo”. Esteamos, pois, vixiantes para que chame e entre. O Precursor prestou un magnífico servizo ao plan salvífico do Mesías: primeiro dispuxo ao pobo para que o recoñecese e recibise, e despois sinalouno xa presente entre os homes.
Tomemos exemplo e escoitemos a este bo pregoeiro. Celebremos con gozo a xa próxima chegada do Mesías, e preparemos os camiños para que a salvación irrompa con forza en todos os ambientes do noso pobre mundo, no cal a crise de valores é a pandemia devastadora da historia contemporánea.
A esperanza ilumínao todo. O corazón con esperanza, non se limita a cantar: decídese a colaborar. Isto é o que nos pide a Igrexa neste ano do Sínodo dos Bispos. Pois, ao choio. O Sínodo está inaugurado: integrémonos no seu dinamismo.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral