Venerable Luis de Trelles

A Adoración Nocturna de España está de noraboa. O Papa Francisco promulgou o decreto polo que se recoñece ao seu fundador, D. Luis de Trelles, a vivencia heroica das virtudes. É a gran noticia esperada e pedida ao Señor desde fai tempo.
Don Luís nace en Viveiro (1819). Con 14 anos comeza Dereito na Universidade de Santiago. Aos 19 anos é nomeado profesor de Dereito Civil. Trasládase á Coruña, onde exerce como avogado de pobres; aínda non existía a quenda de oficio. Nesta cidade ocupa diversos cargos: Goberno do Colexio de Avogados, traballa para o Ministerio de Facenda e o Colexio de Notarios, fiscal do xulgado de Artillería e Enxeñeiros… En 1852, trasládase a Madrid para desenvolver a súa faceta de político.
Decepcionado, entrégase a unha intensa acción caritativa, tanto individual como colectiva. Así, de novo en Viveiro, funda as Conferencias de San Vicente de Paúl, en axuda aos pobres e marxinados.
En 1863 contrae matrimonio. Home de xenerosidade exemplar, ao remate da III Guerra Carlista crea unha comisión para o intercambio de prisioneiros; pola súa entrega, é nomeado comisario xeral de Canxes (1873-76) conseguindo librar da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros.
En París coñece a Adoración Nocturna. Entusiasmado con render adoración ao Santísimo Sacramento, comeza en Madrid, con outros seis laicos, o 3 de novembro de 1877, a primeira noite de Adoración Nocturna de España. Desde entón, dedicarase totalmente ata a súa morte a promover, organizar e consolidar a obra. Funda La Lámpara del Santuario, primeira revista eucarística europea. Morre o 1 de xullo de 1891 en Zamora, en cuxa catedral repousan os seus restos. Agora a Igrexa concédelle a honra de ser considerado ‘venerable’.
O camiño para que un cristián sexa elevado aos altares comeza co recoñecemento de vivir, en grao sumo e heroico, as virtudes cristiás. Para iso, o postulador da causa ha de presentar unha biografía do fiel, os seus escritos e unha lista de persoas que poidan testificar sobre a súa vida. Nese momento ao fiel chámaselle «servo de Deus».
Finalizada esta fase redáctase un documento e envíase á Congregación para a Causa dos Santos. Alí elabórase un relatorio que se entrega á Comisión de Teólogos. Se emiten o seu voto favorable, entrégase aos cardeais e bispos da Comisión. Para rematar, se o seu voto é tamén favorable, preséntase ao Papa a proposta que, ao publicar o decreto, recoñece a vivencia heroica das virtudes e permite que o fiel reciba o título de `venerable’. O paso seguinte é a beatificación e, logo, a canonización, con culto en toda a Igrexa.
Don Luís, avogado, xornalista, deputado, santo! Un exemplo de laico comprometido, no persoal e o social. Un adorador que nos estimula a amar, especialmente na noite, a quen tanto nos ama.
Por Daniel García, Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna e Párroco de Albeiros

Luis de Trelles, máis preto dos altares

Luis de Trelles

En 1994 iniciouse o proceso de beatificación, e o día 23 o Papa dá un paso importante coa aprobación dun decreto de virtudes heroicas de Luis de Trelles. Para que unha persoa sexa beatificada, o primeiro dos pasos é o das virtudes heroicas, (en canto se publiquese o decreto, Trelles será considerado venerable) e o segundo é declarar probado que Deus realizou un milagre pola súa intercesión.

Luis de Trelles e Noguerol, natural de Viveiro, foi dunha xenerosidade exemplar: na III Guerra Carlista, librou da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros. Con iso adiantouse ao dereito Humanitario Internacional en máis de 50 anos.

Desde a fundación da Adoración Nocturna en España, Trelles dedicouse totalmente, a promover e organizar a obra, (abriu máis de 50 centros), ata a súa morte en 1891.

Xornadas de Oración e Formación organizadas pola Adoración Nocturna Feminina

Os días 24 e 25 de maio no Salón Parroquial da igrexa de San Froilán hai unhas Xornadas de Oración e Formación organizadas pola Adoración Nocturna Feminina, co seguinte horario:

O día 24 pola mañá de 10h a 13h e pola tarde de 16.30h a 20h.

O día 25, desde as 10 h ata as 13 h., para participar posteriormente na celebración da Eucaristía xunto coa comunidade parroquial.

Temática: – “A muller desde a teoloxía católica”.

– “A muller hoxe, desde a psicoloxía “

– “A muller segundo a Mulieris Dignitatis de Xoán Paulo II”.

Estas xornadas están abertas a todas as persoas interesadas.

Peregrinación a Zamora organizada pola Adoración Nocturna

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna organiza, un ano máis, a peregrinación a Zamora, para asistir á Eucaristía e “Ofrenda Floral” que a Fundación “Luís de Trelles e Noguerol”, dedica ao fundador, ante o seu sepulcro, na Catedral da citada cidade, actos que terán lugar o sábado 26 do presente mes.

Nesta ocasión cóntase cun aliciente máis, xa que está previsto descubrir unha placa na casa onde faleceu o servo de Deus no ano 1891.

 

Asemblea da Adoración Nocturna Feminina de Lugo

A Adoración Nocturna Feminina de Lugo ten unha Asemblea Diocesana o día 22 de febreiro ás 16:30 no centro parroquial Nosa Señora das Fontiñas (avda. das Fontiñas, 125, Lugo).

Ademais, inaugúrase o turno “Divina Misericordia”. Isto supón unha progresión no deber de adorar ininterrompidamente, consagrando a Deus, creador do tempo, un único tempo continuado.

A Adoración Nocturna Feminina vai dirixida a todas as mulleres católicas que desexen e se comprometan a adorar a Xesús durante a noite, participando regularmente en vixilias ordinarias e extraordinarias. O feito de adorar reunidas, expresa o recoñecemento, non só persoal, senón social, da necesidade de que adoren a Deus o maior número de persoas.

A %d blogueros les gusta esto: