Sen dúbida resultaralles rechamante saber que tralo 90% dos malos resultados académicos dos alumnos non se atopan dificultades intelectuais senón emocionais. E tralo 95% do fracasos matrimoniais non se atopan problemas de incompatibilidade, infidelidades, senón que son manifestacións de feridas emocionais anteriores nunca resoltas. As nosas feridas emocionais e interiores, que proceden de non ser queridos, aceptados ou valorados, de que non se cubriron as nosas necesidades interiores, son a causa da maior parte dos problemas da vida adulta (laborais, de parella, de convivencia, sufrimentos persoais).
Somos feridos cando se produciu unha agresión ou unha carencia respecto da necesidade máis profunda que temos: a necesidade de amor. Necesitabamos de pai, nai, irmáns, profesores, amigos, amor, atención, respecto, agarimo, pero nalgunha ocasión recibimos desatención, burla, agresión, desprezo, acusación… Isto é o que produce a ferida.
Profesores, psicólogos, médicos, terapeutas, pais, nais e toda persoa que fai acompañamento a outras persoas, atopa unha situación á que ha de dar resposta: as feridas interiores.
Dado que, en realidade, a saúde non é un concepto meramente biolóxico nin psíquico, quen acompaña a outros ha de saber como afrontar as feridas persoais do outro.
Igual que facemos cursiños de “primeiros auxilios” para saber como afrontar feridas físicas, resulta imprescindible que fagamos algún tipo de formación en “primeiros auxilios interiores”, que nos permitan axudar ás persoas á súa recuperación e restablecemento integral da persoa.
Para a sanación afectiva das nosas feridas é necesario levar a cabo previamente un exercicio de fortalecemento, de coidado dun mesmo. Afrontar feridas é un traballo duro, polo que é necesario previamente lograr unha certa fortaleza acode que permita afrontar sufrimentos e reconstruír a vida. Unha parte importante do curar consiste en coidar. Un xeito de curarse consiste en coidarse.
Por iso, este “cursiño de primeiros auxilios interiores” debería mostrarnos como coidarnos nós mesmos e como favorecer o autocuidado, como recuperar o amor a un mesmo, como sanar as relacións cun mesmo e cos demais e como lograr fortalecernos abondo como para poder ver nos problemas oportunidades para crecer.
E isto, que nos vén ben a todos, resulta urxente a quen polo seu traballo ou pola súa vocación dedícase ao acompañamento doutros. A maior parte das nosas reaccións inaxeitadas, dos nosos medos, compulsións e bloqueos proceden de feridas que seguen presentes, de feridas ocultas que nunca dixerimos.
Xosé Manuel Domínguez Prieto
COF Diocesano de Lugo
Nota informativa: O Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo, en resposta a esta necesidade, organizou un cursiño teórico-práctico, o día 23 de febreiro, que leva por título “Acompañamento de feridas emocionais en educación” que terá lugar nas aulas do Seminario Diocesano de Lugo a partir das 9.15 h. [Máis información]