Seminario sobre Acompañamento, psicoterapia e práctica clínica

O sábado 6 de marzo de 11 a 14h o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo e o Instituto da Familia de Galicia organizan por zoom unha xornada de formación de Centros de Orientación Familiar e Delegacións de Familia. Poden participar todas as persoas interesadas no acompañamento e o coidado da familia.

Programa da xornada “Vida despois do Covid”

  • Saúdo inicial por D. Miguel Garrigós, director do Subsecretariado de Familia e Vida da Conferencia Episcopal Española

  • Relatorio sobre novas tecnoloxías, polo doutor en Matemática Carlos Ferreiro

  • Relatorio sobre o dó na pandemia, pola psicóloga e terapeuta Andrea Freire

  • Diálogo cos relatores

  • Conclusión da xornada por Nicolás Susena e Xosé Manuel Domínguez

Inscrición: www.jornadaformacionfamilia.com

Acompañamento

O acompañamento non debe ser algo frío, instrumental, pragmático, sen incidencia profunda na vida das persoas.

Desde unha visión integral da persoa, teremos a conciencia clara de que o acompañamento implica que o acompañado descubra as súas necesidades, atenda as necesidades alleas e atope un sentido á súa dor.

Como a persoa é irrepetible non hai receitas. Antes de dar calquera paso ou facer unha suxestión ou lanzar preguntas socráticas, a persoa ha de ser escoitada e valorada na súa irrepetibilidade.

A persoa acompañada gañará progresivamente en conciencia de si, da súa circunstancia, das súas relacións…pasará de estar durmido a estar esperto, a descubrir a súa cifra no cosmos, o seu lugar, a súa chamada, a súa identidade…

O obxectivo é promover a liberdade da persoa, é dicir, a súa responsabilidade. Non se trata de arranxarlle un problema a quen se acompaña senón axudarlle a facerse cargo da súa vida. Cada sesión ha de acabar en propostas de acción, pois só a acción cambia as cousas e mostra á persoa que a súa vida está nas súas mans. A acción, ademais, permite que a persoa vaia configurándose, vaia adquirindo a súa propia figura, optando entre posibilidades.

Por último, que a persoa se pertenza mostra a súa radical dignidade, que nunca pode ser medio para outra cousa, que non pode ser manipulada, tratada como cousa, como caso, como número…

O autor das liñas anteriores, Xosé Manuel Domínguez Prieto, impartirá o vindeiro luns 21 de setembro ás 16 h un seminario en liña (por zoom) titulado “El arte de acompañar: un reto en estos tiempos”.

Curso “Acompañamento de feridas emocionais”

Destínase ao profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, FP, orientadores, pais e nais de nenos entre 1 e 18 anos

O Curso Acompañamento de feridas emocionais na educación será o sábado 8 de febreiro no Seminario Diocesano de Lugo. Os obxectivos xerais son descubrir que son as feridas emocionais e cales son os seus efectos na infancia. Presentarase un método práctico de acompañamento e curación afectiva.

Esta actividade, organizada polo Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo, está homologada pola Consellería de Cultura, Educación e Orientación Universitaria.

Información no correo electrónico info@cofdiocesano.org

OBXECTIVOS XERAIS

Descubrimento de que son as feridas emocionais e cales son os seus efectos. Presentar un método práctico de acompañamento e curación afectiva integral nos límites da actividade educativa. Proporcionar ferramentas para o acompañamento das feridas emocionais.

CONTIDOS

Que son as feridas emocionais, a súa orixe e manifestación

Sanación e coidado persoal

Recuperación do amor a un mesmo

Sanación e restablecemento de relacións

Agradecemento

Formación do carácter

Método de acompañamento de feridas

TALLERES

Guía de feridas

Trono de bendicóns

Descrición de afectos e moficación cognitiva

Coñecer e expresar sentimentos

Narracíón autobiográfica positiva

Ferramentas para romper con falsos deberes, falsas culpas, mensaxes negativas, para dicir ‘adeus’

Autoaxuda?

Sempre me chamou a atención que nos aeroportos e estacións de ferrocarril haxa unha tan nutrida oferta dos chamados “libros de autoaxuda”. Aínda máis me pasma, cando paseo por certas librarías grandes en calquera parte do mundo, que a sección dos libros de autoaxuda sexa máis ampla que as de libros de filosofía, arte ou poesía, e case tan amplas como as de psicoloxía. E o que me asombra non é tanto a demanda destes libros senón o propio cualificativo de “autoaxuda”, porque me parece fraudulento.

Creo que a pretensión de autoaxuda é contraditoria por tres razóns:

A primeira razón é meramente semántica: o verbo axudar implica, cando menos, a dúas persoas: unha que axuda e outra que é axudada. Axudar é sempre axudar-a. Ninguén sae dun pozo tirando da súa propia melena (ou coleta, como no caso do Barón de Münchhausen).

En segundo lugar, o ser humano é esencialmente comunitario. E este ser comunitario vai moito máis alá do ser-con outros. Somos con outros, existimos con outros, pero sobre todo, existimos desde outros e para outros. E isto supón que nos apoiaron, impulsaron, sosteron, educaron, coidaron… axudaron. E que, ao chegar á madurez, somos nós os que axudamos, apoiamos, impulsamos, sostemos, educamos e coidamos a outros (todo aquilo ao que se refire o termo grego therapeuo, de onde vén “terapeuta”). Constituímonos, pois, sendo axudados e axudando a outros.

E, en terceiro lugar, porque o mesmo libro chamado de autoaxuda está escrito por unha persoa distinta ao axudado. É dicir, a súa mesma esencia é falaz: trátase de que alguén, sen dúbida con boa intención e, posiblemente tamén barruntando un beneficio económico, escribe un libro para dicir a outros como ser feliz, como afrontar os seus problemas ou como conseguir éxito. Por tanto, até un libro de “autoaxuda” é un libro de “heteroaxuda”: trátase de alguén que di a outro como mellorar un aspecto da súa vida. Por tanto, non é de autoaxuda. Para ser de autoaxuda tería que escribilo e lelo un mesmo.

Pero, ademais, os libros de autoaxuda caen nun erro esencial: pretender que hai receitas máxicas, fórmulas maxistrais, conselliños universais, á hora de afrontar a vida. O que lle serviu a el para ter éxito non é o que lle pode servir a outros, porque cada un está nunha circunstancia distinta. Só nun sentido o libro de autoaxuda éo literalmente: se ten éxito, é unha autoaxuda económica para quen o escribe e publica. Pero nada máis.

En realidade, a auténtica axuda ocorre no acompañamento. Mesmo é en acompañamento onde un mesmo pode pór en marcha o mellor de si, pero sempre desde outro. Xusto a esta tarefa dedicámonos os profesionais do Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo e de toda España: ao acompañamento persoal, a facer xuntos un camiño que permitirá crecer a acompañado e acompañante.

Xosé Manuel Domínguez Prieto

COF Diocesano de Lugo

[Artículo en castellano]

Entrevista a Xosé Manuel Domínguez sobre o acompañamento de feridas emocionais

O 23 de febreiro no Seminario Diocesano de Lugo o doutor en Filosofía Xosé Manuel Domínguez Prieto dirixe un Curso de Acompañamento de feridas emocionais na educación, tema sobre o que responde a continuación.

– Que son as feridas emocionais?

– Todas as persoas estamos feitas para ser amadas. Cando no transcurso da nosa vida, sobre todo na nosa infancia, houbo momentos nos que non fomos queridos, burláronse de nós… e iso deixa unha pegada á que chamanos ferida emocional. Esta influirá na nosa vida e ata que nos fagamos conscientes dela e pasemos de vítimas da situación a autores das nosas vidas. Isto esixe unha madurez emocional.

 As feridas emocionais son habitualmente na infancia, pero ao longo da nosa vida temos feridas cando non nos recoñecen, non nos aprezan, non nos abrazan, non nos consideran… é dicir, non nos tratan como persoas.

– Como se detectan nas persoas máis vulnerables, que é o caso dos máis pequenos?

 – As feridas emocionais detéctanse sempre por comportamentos alterados, destrutivos. Nun adulto, cando hai respostas desproporcionadas.

– Por que importante que o profesorado saiba acompañar?

–  Moitas veces os problemas académicos non teñen a súa orixe nun baixo rendemento intelectual, senón en bloqueos emocionais producidos por unha baixa autoestima e por manifestación desas feridas. Así que detectar esas feridas e ter en conta o manual de primeiros auxilios para estes casos é algo fundamental para recuperar a normalidade. Isto é básico para un orientador ou un tutor.

– E no caso dos pais

– Comportamentos raros, agresivos ou de illamento non é necesariamente un mal comportamento sen máis. O neno chama a atención desa maneira. Vén dicir “Teño moita necesidade de ser querido e non hai quen me atenda esa necesidade”. 

– Algunha clave para acompañar 

– Cando o neno berra ou ten un comportamento irascible dunha maneira incomprensible o que non se debe facer é dar un conselliño rápido e atallar a cuestión. Algo que empeora as cousas é dicir ao neno que é malo… Iso non vale para nada. O que necesita o neno é ser escoitado, atendido, con moito cariño e sen alteración por parte do adulto. Outra medida inmediata é facerlle ver ao neno a realidade doutra maneira, que pode facer cousas para cambiar a súa situación e que nós recoñecemos a súa necesidade. Tamén é importante tomar conciencia de que a vida merece a pena e isto procede do amor incondicional do outro.

A %d blogueros les gusta esto: