3.000 habitantes, 16 parroquias e un cura

Foto tomada en O Padrón (San Xoán), A Fonsagrada

O sacerdote Miguel Álvarez, está á fronte de 16 parroquias no concello da Fonsagrada, na montaña lucense que linda con Asturias. A mediados do século XX había uns 18.000 habitantes. Hoxe son uns 3000.

«Na zona, a igrexa de Santa María funciona como cabeceira da unidade pastoral. Alí concentro os servizos de Cáritas, a catequese, a formación de adultos, a adoración eucarística, a atención aos peregrinos do Camiño Primitivo e o despacho parroquial. Nesta parroquia hai misa diaria. No resto, celebro unha vez ao mes, salvo en festas importantes como Ramos ou Santos, ou a festa do patrón».

Os demais días da semana son os axeitados para que o sacerdote se faga presente e acompañe ás parroquias onde non se celebre misa dominical: oración, encontro, visita a enfermos… Esta reestruturación non pretende suprimir parroquias, por iso tamén se celebran alí festas, vodas, bautizos, funerais, etc. E, por suposto, tense en conta a peculiaridade da zona de que se trate: «Nesta zona da montaña lucense a maioría das aldeas que conforman unha parroquia teñen a súa propia capela. A estas capelas adoito ir unha vez ao ano, pola festa da aldea ou cando me chaman. Antes, cando os sacerdotes tiñan menos parroquias, soían visitalas e celebrar misa algúns días de semana. Hoxe é imposible».

O Camiño Primitivo pasa pola Fonsagrada e cada vez son máis numerosos os grupos que transitan por el: «Desde hai uns 10 anos a atención aos peregrinos ocúpame moito tempo, pero á vez supón unha inmensa riqueza para a parroquia, non só animan a misa diaria, senón que dan testemuño e revitalizan a zona».

Miguel Álvarez, como outros sacerdotes, implantou unha rede de comunicación cos seus fregueses que lles permite sentirse unha verdadeira comunidade: «A finais de agosto envío a todas as casas o programa coas datas das misas e as celebracións máis importantes do ano. Ademais, teño unha axenda pública que se pode consultar por Internet e que se actualiza en tempo real. Todas as semanas envíolles por correo electrónico e WhatsApp unha carta na que lles conto as novidades e materiais para a reflexión espiritual e a formación cristiá».

Tomado da revista Ecclesia

Presentación do libro Nuestra Señora de Fonsagrada

O 2 de agosto ás 20:30 h na igrexa da Fonsagrada preséntase o libro Nuestra Señora de Fonsagrada. Bosquejo histórico de una parroquia y de una vila. No acto intervirán o autor, Enrique López Fernández e Gumersindo Rego.

“Este libro permitirá ao lector ter coñecemento dos veciños máis ilustres da Fonsagrada. Desde mediados do século XVII, documéntanse todos os apelidos máis coñecidos de Burón: Penamaría, Gegunde, Pasarín…

Hai fidelidade ás propias fontes, cun comentario que fai de fío condutor. Píntase tanto a realidade da parroquia como da vila”. (Da “Presentación”).

O libro está adicado in memoriam a don Ramón Rodríguez Mondelo.

Capítulos:

I. Orixes e evolución 

II. A igrexa, edificio e anexos 

III. A contorna da igrexa

IV. A Parroquia e dotación parroquial

V. Capelanías e confrarías

VI. Curas da Parroquia

A %d blogueros les gusta esto: